A macrocelulosa de Altri ameaza existencial para a comarca da Ulloa

Braulio Vilariño Varela

No corazón de Galicia, na comarca da Ulloa e no concello de Palas de Rei, os irresponsables que gobernan a Xunta pretenden instalar unha macrocelulosa, moito máis grande que a que desde hai décadas tortura á Ría de Pontevedra, para producir 400.000 toneladas de celulosa e 200.000 de Lyocell. A empresa precisaría consumir a mesma cantidade de auga que a que bebe toda a provincia de Lugo e enormes cantidade de madeira de eucalipto. A contestación social a ese disparate, que poría en serio perigo á comarca da Ulloa e á ría de Arousa, é enorme e está fundamentalmente artellada arredor da plataforma Ulloa Viva. Nós falamos con Braulio, un membro da súa xunta directiva provisoria.

Braulio Vilariño Varela, membro da xunta directiva provisoria da plataforma Ulloa Viva.

Altri é un proxecto que arrasaría a comarca da Ulloa e tería consecuencias funestas para Galicia enteira. Temos que paralo. Debémosllo a quen estivo antes que nós, e sobre todo debémosllo aos que veñan despois”

Ti es veciño de Palas de Rei, verdade?

Son veciño e nativo de Palas de Rei. Estiven un tempo vivindo en Vigo, cando era neno, e tamén en Compostela, pero a gora vivo na localidade na que nacín. Cando os camiños da vida me levaron a vivir fóra, nunca deixei de manter un profundo vínculo con Palas.

Cando volviches definitivamente a Palas?

No ano 2013.

A que te dedicaches na túa vida profesional?

Traballei en diversos sectores, fundamentalmente na hostalaría. Tiven bastantes anos un local en Santiago, o Modus Vivendi.

Vaia, o mundo é un pano. Eu cando estudaba a carreira en Santiago fun cliente dese local

Pois vaia,o mundo é un pano desde logo que si.

Como é Palas de Rei?

É un concello moi grande, terá arredor de 400 quilómetros cadrados, cos núcleos de poboación moi espallados, como moitos concellos do rural galego, e que terá arredor de 3.000 habitantes. Fíxate ata que punto é así que, alén do casco urbano, temos 43 parroquias. O camiño de Santiago, tanto o primitivo como o francés, pasan polo noso Concello. Somos parte da Comarca da Ulloa.

Que outros Concellos forman parte desa comarca?

Antas de Ulla, e Monterroso. Os tres concellos formamos a comarca da Ulloa que ten unha identidade comarcal moi marcada.

Cales son os motores económicos da comarca da Ulloa?

Alén dun pequeno sector servizos: gasolineiras,cafeterías, funerarias….somos unha comarca que vive do camiño de Santiago e que é esencialmente agrogandeira,Temos un sector moi importante de produción láctea e unha moi relevante orientación cara ao ecolóxico. Contamos con produtores non só de alimentos senón tamén de herbas medicinais, leite, iogur e carne ecolóxicas…

Grandes industrias hai?

Temos no polígono industrial unha que produce roupa deportiva e monta instalacións de deportes que xera máis emprego do que podería xerar Altri se se chegase a instalar. Nesa empresa hai xente moi nova, moi preparada e fundamentalmente do entorno.

Tamén temos unha das maiores produtoras de ovos de todo o estado, que igualmente ten máis empregados dos que podería ter Altri.

Agora naceu unha nova industria que se dedica á produción de proteína animal a base de larva de mosca.

A Ulloa precisa a Altri?

Non, para nada. Somos unha comarca en crecemento que non precisamos para nada o proxecto desa empresa. Se se instalase poría en risco a moitos postos de traballo que xa existen.

Cales son os principais atractivos naturais da Ulloa?

O bosque autóctono acolledor de vida, en perigo por mor da proliferación de eucaliptos, varios ríos limpos, entre os que cómpre salientar ao río Ulla que como sabes conforma a ría de Arousa, unha das zonas de maior e mellor produción de marisco.

A variedade de paisaxes é tamén parte da alma da Ulloa. E non é o mesmo a variedade de bosques e multiplicidade de que vida que se dá na vexetación autóctona cás masas pardas e uniformes das plantacións de eucaliptos.

A enorme beleza da vosa comarca imaxino que a fará receptora dun turismo de calidade?

Si, así é. De feito temos numerosas casas de turismo rural que viven das persoas que veñen a coñecer os nosos ríos e bosques e os indubidables tesouros naturais que agochan. Pero é un turismo equilibrado, que crea riqueza sen agredir ao entorno no que vivimos.

A plataforma Ulloa Viva, da que es membro, onde naceu?

Naceu en Palas.

Cantos socios e socias tendes?

Arredor de 1.500 en toda Galicia.

Tedes implantación en todo o país?

Temos socios e socias en toda Galicia, si, porque Altri xa se converteu nun problema nacional. Se se acabase por instalar as súas funestas consecuencias afectarían a todo o país.

Ulloa Viva é unha plataforma da sociedade civil organizada?, ou é,como di o PP, un satélite do nacionalismo?

Dígocho con rotundidade absoluta e sen ningún tipo de matiz: Ulloa viva é unha plataforma transversal da sociedade civil organizada. Na nosa plataforma convivimos persoas de moi diferente adscrición ideolóxica, tamén as hai do PP. É máis; un fenómeno que acontece con certa frecuencia é que hai persoas na plataforma claramente connotadas co PP que teñen medo a significarse publicamente. Pero están, e sendo do PP non queren a Altri na nosa comarca.

Que nos dis do papel das distintas forzas políticas?

O BNG foi o primeiro que se puxo do noso lado e que manifestou con claridade a súa posición contraria a Altri e ergueu a súa voz con contundencia na defensa do territorio. O PSOE tardou bastante, pero parece que comeza a amosar tamén a súa posición contraria, aínda que non coa contundencia que a nós nos gustaría. O PP pois que dicir , son os impulsores deste disparate.

Quero agradecer tamén a visita que nos fixo, e o apoio incondicional que nos deu, o coordinador estatal de Izquierda Unida.

Quen goberna nos 3 concellos da Ulloa e que posición teñen as 3 alcaldías?

En Antas de Ulla goberna o PSOE, están en contra, e en Palas e Monterroso goberna o PP e están a favor de Altri.

Que consecuencias tería a implantación de Altri?

As consecuencias serían desastrosas tanto económicas, como sociais, como ambientais:

-Destruiría unha enorme cantidade de postos de traballo.

-Habería perigo real para a saúde das persoas.

-Fomentaría o despoboamento da nosa comarca e o abandono do rural.

-Arrasaría cun territorio de enorme riqueza ambiental que nunca, nunca xamais, volvería a ser como é agora.

As consecuencias que describes afectarían só á comarca da Ulloa?

Non, claro que non. Afectarían a todo o país. O proxecto da macro celulosa de Altri é unha bomba ambiental para Galicia enteira.

Podería por en perigo existencial ao río Ulla?

Si, desde logo que si, e á ría de Arousa tamén.

Cantos postos de traballo crearía Altri se finalmente se instala?

Comezaron falando de 2.500 e logo foron baixando. Nós calculamos que entre técnicos e operarios serían arredor de 250.En calquera caso moitos menos dos que destruiría.

Cal é a túa percepción de como pode rematar este tema?

Eu creo que non se vai instalar. E dígoo porque a contestación social é enorme. A inmensa maioría da sociedade da comarca da Ulloa está en contra de que se instale esa empresa nas nosas terras. E estamos dispostos a chegar ata ao final para que non se instale. A grande maioría da Ulloa está en contra de Altri pero non toda, tamén hai persoas que están a favor. Entre elas un palense ao que consideramos o grande responsable de que esteamos nesta situación.

Refíreste a Pepe Blanco?

Si, refírome a Pepe Blanco. Hai moitos veciños e veciñas de Palas de Rei que non queremos nin velo diante.

Moitas grazas Braulio

Moitas grazas a vós. Se me permites quixera convidar aos lectores e lectoras a que tomen partido e nos boten unha man, porque a forza da sociedade civil organizada é imparable e é a única maneira de frear os abusos e as inxustizas. Altri é un proxecto que arrasaría a comarca da Ulloa e tería consecuencias nefastas para Galicia enteira. Temos que paralo, debémosllo a quen estivo antes que nós e sobre todo debémosllo a quen veña despois.