O pasado ano o Tomiño FC escollía aun novo presidente, un mozo moi novo que accedía ao cargo con moita ilusión e gañas de facer ben as cousas. No seu primeiro ano na presidencia logrou o ascenso a 1º categoría autonómica e crear catro equipos de canteira, pois ata o momento o Tomiño só tiña equipo sénior e equipo de veteranos, alén dun importante aumento no número de socios e de socias, co que semella que a súa xestión pode cualificarse de momento como un éxito. Nós achegámonos ata o Alivio para,un ano despois, volver conversar con Aitor e ver como marchan as cousas para o Tomiño FC.
“A preferente é a nosa categoría natural. Debemos tratar de ascender e consolidarnos”
Cando falamos o ano pasado o equipo competía na 2º autonómica. Comentáraseme que o obxectivo deportivo era claramente o ascenso. Misión cumprida, verdade?
Si, a pasada temporada cumprimos o obxectivo, e grazas a Deus puidemos acadar o ascenso.
Ben,con respecto absoluto ás túas crenzas, eu creo que Deus non existe, e se puidestes ascender sería porque fixestes ben as cousas, supoño?
Ha, ha,, ha, ha…En calquera caso grazas pola túa valoración positiva. Seguro que sempre se pode facer mellor, pero o certo é que o ascenso do ano pasado foi unha enorme alegría tanto persoal como colectiva para toda as persoas que formamos este proxecto.
Este ano o obxectivo sería conservar a categoría?
Si, e a falta de dúas xornadas para rematar a liga( facemos esta entrevista o 3 de maio), xa acadamos o obxectivo, e a temporada vindeira, tamén competiremos en primeira.
Custou moito manter a categoría?
Si, basicamente porque é unha liga moi igualada.
Soñar cun Tomiño en preferente a medio prazo, é un obxectivo realista?
Non é unha meta doada, pero tampouco é nin moito menos imposible. É realista, si, difícil pero posible. A min ilusióname unha barbaridade soñar cun Tomiño en preferente, e asegúroche que vou pelexar todo o que poida para tratar de converter o desexo en realidade.
Toda a directiva temos claro que na seguinte temporada debemos dar un salto de calidade para intentar estar nos postos de arriba.
Cal é a categoría natural na que debería consolidarse o Tomiño, por poboación, afección e capacidade económica?
O Tomiño ten que estar en preferente e consolidarse alí. Esa é a nosa categoría natural.
Como levastes a cuestión económica esta temporada?
Bastante ben. Tivemos unha suba importante de socios e de socias, estamos case en 400. O grande apoio do pobo de Tomiño axudounos moito, e aproveito as vosas páxinas para expresar o meu agradecemento máis profundo aos socios, colaboradores e patrocinadores.
O Concello que tal se portou con vós este ano?
O Concello sempre nos apoiou. Como é normal aspiramos a máis, pero somos conscientes de que en Tomiño hai moitos clubs, e hai que repartir para todos.
O ano pasado só tiñades dous equipos: Séniors e veteranos. Dixérasme que unha das túas teimas máis importantes era facer canteira. Conseguístelo?
Non fomos capaces de quitar todos os equipos que queriamos, pero penso que o resultado do traballo foi bastante bo. Fixemos catro equipos de canteira. Pasamos de 2 a 6 equipos, e para ser só nun ano coido que podemos estar satisfeitos. Quixera salientar o tremendo éxito do noso equipo cadete que no seu primeiro ano de vida vai disputar a fase de ascenso.
Para min, mirar aos nenos no campo do Alivio é algo que me gratifica enormemente, se cadra é o que máis satisfacción me dá desta etapa na presidencia.
A situación do fútbol en Tomiño é un tanto xeroglífica. Con independencia dos equipos das parroquias, na propia vila hai 3 equipos distintos: o feminino, o AD e vós. Ollándoo desde fóra parece pouco sensato. Non hai posibilidade de camiñar cara a unha integración?
A min tamén me parece pouco sensato. Agora mesmo non, non a hai. E non precisamente por nós. Agora ben,a vida dá moitas voltas e no futuro xa se verá. Só podo dicir ao respecto que mentres eu sexa presidente os outros dous equipos de Tomiño sempre me van encontrar coa man tendida e con plena disposición ao diálogo respectuoso e leal, por suposto que sen ningún tipo de apriorismo.
Outra cuestión que me comentaras o ano pasado é que a directiva estaba composta por 8 homes e 0 mulleres, e que tiñas a intención de incorporar a algunha muller. Conseguístelo?
Non de todo, pero estamos no camiño e acabaremos por conseguilo. Na directiva aínda non, pero temos varias mulleres que colaboran con nós no día a día do club.
Cantas fichas tedes?
Arredor de 80.
Como levas a combinación da presidencia coa vida laboral e persoal?
Ultimamente con algo de abafo. O club exixe moito tempo e ás veces e difícil de combinar coas outras facetas da vida. Pero afortunadamente teño uns compañeiros marabillosos, incluso algún que lle dedica ao club máis tempo ca min, que me facilitan moito o traballo.
De novo con absoluto respecto á túa forma de pensar vasme permitir comentarche unha cuestión que non me gusta de vós
Si, claro, o que queiras con total liberdade.
En Tomiño hai moita xente que fala galego, e todas as vosas comunicacións sempre son en idioma castelán. Por que non facedes o esforzo de tratar de empregar tamén o galego?
Pois non por nada en particular. Comezamos así, e así seguimos. Se eu mesmo son galego falante. Pero tomo nota da túa suxestión, que recibo co mesmo respecto con que a emites, e trataremos de mellorar. Eu desde logo que quero que os dous idiomas que se falan en Galicia nunca desaparezan.
Como levas ter a un Tomiñes, como Pablo Durán, xogando en 1º división?
Lévoo con orgullo infinito. É unha satisfacción enorme velo no Celta e velo a ese nivel. De feito antes de que chegara a 1º división nós xa fixemos o trofeo Pablo Durán como homenaxe a quen é un grande amigo noso, e un embaixador de Tomiño polo mundo adiante.
Unha última cuestión un pouco persoal. Ti de que equipo es?
Ha, ha, ha,ha. Son do Real Madrid.
E que opina un seareiro madridista dos vídeos de Real Madrid TV?
Estou en contra desde logo. O Madrid ten que estar por riba diso, e non debe de meterlle presión aos árbitros de ningún modo. Os árbitros, como calquera ser humano, ás veces erran, pero fano tanto a favor como en contra. E todos os clubs debemos de respectalos.
