En pouco máis dun mes as rúas de Redondela volverán a vivir un dos espectáculos máis significativos da nosa vida social e cultural, a danza das espadas. Non hai un só redondelán nin unha soa redondelá que non sinta unha treboada de amor por Redondela, cando se menciona este acontecemento, tan importante na nosa historia e que ten tanto que ver na construción da nosa identidade popular. Este humilde cronista da vida da vila da que é un orgulloso fillo, non podía deixar,este ano tampouco, de conversar con dúas das persoas máis relevantes no desenvolvemento do espectáculo: Quico, co director, e Rafa, músico. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
Quico López e Ángel Balado
“ A danza de espadas é o máis importante expoñente da tradición cultural de Redondela”
Quico é co director da danza de espadas, e Ángel e músico da devandita danza . Rafa alén de gaiteiro é traballador do sector do automóbil, e Quico é mestre de educación primaria.
Supoño que estaredes preparando todo en modo de máxima intensidade?
Comezamos a principios de mes e agora empezamos a aumentar progresivamente a intensidade dos ensaios ata chegar ao 19, que é o xoves da Coca
Os ensaios onde son?
No Floriani.
Incorporouse xente nova?
Si, este ano chegou unha rapaza nova e tres rapaces tamén. Dous deles xa bailaran.
Seleccionades aos candidatos potenciais?
Non, o que facemos é unha xuntanza no multiusos o venres anterior ao comezo dos ensaios, e alí incorpórase a xente que quere bailar. Alí decidimos cantos vamos a ensaiar e imos organizando todo o proceso.
Canta xente baila?
Xefe e bailaríns son en total 21.Como sempre veñen 3 ou catro máis, o que facemos é algún relevo.
Hai algún abano de idade para poder bailar?
O aconsellable é entre 17 e 27 anos.
Ti, antes de co dirixir bailabas?
Si, de feito retireime aos 33 anos. Antes non había tantas persoas e bailabamos xente máis maior que agora. A verdade chegar a realizar a función que fago agora foi un pouco de casualidade.
Cantos anos levas na dirección?
Arredor de 15.
E ti, Ángel. Cantos anos levas póndolle música a unha das tradicións máis fermosas de Redondela?
Levo 13 anos.
Para o lector e a lectora que non a coñeza: describide de forma sintética o que é a danza de espadas?
É unha danza tradicional galega que ten a súa orixe nas danzas gremiais que se facían en todo o litoral galego. Hai danzas en moitos sitios: Marín, Bueu, Baiona..Imaxinamos que a súa orixe e pagá e que logo a igrexa terminou por absorber e levalas ao corpus.
Probablemente grazas a esa asimilación que fixo a igrexa, a danza puido perpetuarse.
Supoño que cada unha terá as súas peculiaridades?
Si, claro. Na nosa temos por exemplo ás Penlas e ás burras, que marcan claramente a súa singularidade.
E a música?
Existen numerosas versións, e como case toda a música tradicional galega foi recollida pola tradición oral.
Malia que existen distintas danzas semellantes, eu creo que a nosa ten un significado moi especial para Redondela. Pensades o mesmo?
Por descontado que pensamos o mesmo. A danza de espadas é o máximo expoñente cultural e tradicional de Redondela. Hai outras figuras de enorme relevancia na construción da arquitectura cultural de Redondela, como por exemplo “ Xan Carallás”, pero ao noso xuízo a danza de espadas ocupa o primeiro posto no podio.
En realidade a danza ten algo que ver co mito da Coca en si?
Evidentemente iso é unha lenda incorporada a posteriori.
Entrando un pouco no terreo persoal: que significa para vós a danza das espadas en particular e a festa da Coca en xeral?
Para ambos é unha honra podermos participar no que, como antes mencionamos, é, ao noso xuízo, o maior expoñente cultural e tradicional de Redondela .A Coca, a danza, Redondela en xeral foron construídas a través da suma da vontade colectiva de moitas xeracións de redondeláns e redondelás, que contribuíron co seu esforzo e talento á nosa singularidade na historia. E, para nós poder contribuír a que se manteña vivo nas xeracións posteriores o que nos define como pobo, é unha inmensa honra que non se pode expresar de maneira suficiente con palabras.
Ben, eu vou tratar de expresalo coas miñas palabras o mellor que saiba
Ha, ha , ha, ha… e seguro que o fas moi ben, Marcos, pero o sentimento é tan grande que non te chegarían todas as páxinas do teu periódico para podelo facer de maneira adecuada.
Hai relevo na seguinte xeración?
Si, teno que haber sen o mellor xénero de dúbida.
E volos dous tendes corda para moito tempo máis?
Algo tan importante para Redondela como a danza das espadas non pode depender de ningunha persoa en concreto. Nós estamos xa, digamos que na prórroga da nosa contribución persoal. Ten que entrar outra xente que achegue outros puntos de vista e a ilusión da mocidade.
Unha última pregunta: O domingo como se baila con resaca?
Ha, ha, ha ha… De resaca nada. Esa é unha lenda urbanas que non se corresponde coa realidade. O que se baila é con paixón, con toneladas de paixón.
