A última semana de maio arrincou en Donosti coa IV edición do prestixioso Concurso Nacional Mestre Das Grellas, onde cociñeiros dalgúns dos máis importantes restaurantes da península competiron polo título de mellor asador de grella profesional. Foi unha xornada de alta cociña na que grandes profesionais de España e Portugal deron o mellor de si mesmos cociñando pratos exquisitos . Ademais houbo un espazo dedicado á divulgación de razas de gando autóctonas da península, con charlas e exposicións, música en directo e distintas actividades culturais e gastronómicas que nos permitiron coñecer un pouco máis ao fermoso país vasco. E o que non faltou tampouco foi o Txuleta Pote, unha versión grellada do clásico pintxo-pote da zona. A nós, que tantas comidas gozamos en casa Telleiro, énchenos de orgullo ver a persoas tan queridas para ANP na elite da cociña. Pero non nos estraña nada en absoluto, porque este negocio de Figueiró, que levan con toneladas de cariño os irmáns Felipe e Cristina Guerreiro, é un dos mellores restaurantes de todo o país galego. Conversamos con Felipe para coñecer como se desenvolveu o evento. Velaí vai o que deu de si a conversa.
Felipe Guerreiro: Casa Telleiro.
“A experiencia que vivimos no evento gastronómico de Zarautz foi impagable”
Felipe, fálame do campionato no que participastes no País Vasco.
Foi o Concurso Nacional Mestre Da Grella da Península Ibérica.
Onde foi?
No campo da Real Sociedade, no Reale Arena(Anoeta) en San Sebastian.
Cantas persoas fostes ao concurso?
A miña irmá Cristina, o noso cociñeiro Martín Souto, Flori, a miña parella, e eu mesmo.
Como chegastes a participar neste concurso?
Foi organizado por Okelan, unha empresa cárnica de enorme prestixio coa que traballamos nós. Eles son de Zarautz. É a empresa que nos fornece de carne. Teñen un produto de grande calidade. O seu gando adoita proceder do Norte de Portugal e Galicia.
Que edición foi esta na que participastes, e cando foi?
Esta foi a IV edición e celebrouse o 28 de maio.
Cantos restaurantes participastes?
Un por provincia e algún do norte de Portugal, algo máis de cincuenta participantes.
En que consistía o concurso?
Cortaban un lombo en costeletas, todas da mesma peza e logo sorteábanas. Tamén sorteaban as quendas de participación. Participaban a zona norte entre si, despois a leste, a zona sur e a zona centro. Os portugueses ían coa zona sur. Para o concurso había que asar a costeleta e prepararlla ao xurado. Neste xurado había cociñeiros famosos como Koldo Royo, Carnívora Gurmet, un fillo de Arguiñano, xente do cine e profesionais do sector entre outros.
Onde se instalaron as cociñas, no propio campo de fútbol?
Si. Foi unha empresa Vasca de grellas a encargada de instalalas. O concurso estaba enmarcado dentro do evento “Txuleta Festa” realizado entre mércores e domingo. Esta xuntanza combinou gastronomía, deporte e cultura vasca. A festa incluíu un concurso popular de grelladas e o prestixioso Concurso Nacional Mestre da Grella, onde competiron os mellores asadores da península. Foi un evento con moita repercusión e moito éxito.
Como foi o proceso para chegar á ronda final?
A zona norte competiu ente si, aí é onde están os pesos pesados da grella, sobre todo Euskadi e Navarra. Gañou un rapaz de Guipúzcoa. Clasificábanse un de cada zona e os finalistas competían ente si. Esta final foi xa pola tarde.
En que posición quedou Casa Telleiro?
Quedamos semifinalistas.
Supoño que sería unha experiencia moi interesante?
Foi unha experiencia moi agradable, si. Coñecemos a un montón de xente do noso gremio doutros puntos da península. Doulle unha gran valor aos amigos que fixemos, e a aprendizaxe das distintas maneiras de cociñar, e das diversas formas de levar o negocio. Compartimos as nosas realidades e foi moi gratificante.
Percibiches moitas diferencias entre a maneira de cociñar á grella na nosa comarca, e a que puideches observar alí?
A cociña si que cambia. Pero a maneira de facela á brasa está moi igualada. No concurso participaron grandes profesionais e todos o fixeron moi ben. Estar no medio da elite deunos a oportunidade de aprender moito.
En que consistía o premio?
O premio é o recoñecemento e o prestixio, non había dotación económica. Danlle moito bombo á repercusión mediática e iso despois dáche sona. Para nós é moi importante que a carne fose a autóctona nosa: galega e portuguesa, puxérona en valor e déronlle un prestixio internacional de enorme relevancia. Esta empresa agora quere recuperar as razas autóctonas e apostar por elas, non traer a carne de Alemaña ou Polonia. Apostan por proxectos pequenos, vacas ben alimentadas con cereais e trigos, etc.
