O BNG de Gondomar reitera a demanda da aprobación dunha ordenanza de control da contaminación acústica

Logotipo BNG

Manuela Rodríguez: “As festas, as actividades de lecer e a calidade acústica poden e deben ser compatíbeis. Conseguir esa convivencia é tarefa de todas e acadala non só favorecerá as persoas -e animais- con maior sensibilidade ao exceso de ruído, senón que reportará un beneficio colectivo”

GONDOMAR, 07 de xullo de 2024

O Bloque Nacionalista Galego de Gondomar reitera ao goberno municipal a demanda da aprobación dunha ordenanza para o control da contaminación acústica. A organización nacionalista xa realizou esta proposta o verán pasado logo das protestas da veciñanza polo excesivo ruído dalgunhas festas e concertos.

“As festas, as actividades de lecer, e a calidade acústica poden e deben compatíbeis. Conseguir esa convivencia é tarefa de todas e non só favorecerá as persoas -e animais- con maior sensibilidade ao exceso de ruído, senón que reportará un beneficio colectivo”, traslada a portavoz municipal do BNG, Manuela Rodríguez.

Desde o BNG reclaman á que a administración local debe retomar a ‘sensibilidade clara’ de cara aos colectivos de persoas con hipersensibilidade acústica e auditiva da que o Alcalde fixo alarde en anos pasados. “De nada serve promover este tipo de comportamentos respectuosos só de xeito puntual ou facer acenos parciais”, traslada Rodríguez. “Esa iniciativa debería manterse no tempo, ano tras ano, e facela extensiva a todas as festas e eventos que se celebran no conxunto do concello, sexan ou non promovidos polo Concello”.

“Debemos coidar sempre da saúde auditiva e emocional da veciñanza en xeral e dos colectivos máis sensíbeis aos ruídos, en particular; tamén do seu descanso”, indica a nacionalista. Por esa razón, o BNG anuncia que promoverá novamente a aprobación dunha ordenanza municipal que vele por esa calidade acústica todo o ano, en todo o concello e en todos os eventos. Unha normativa que inclúa medidas como a eliminación das bombas de palenque, a redución do volume en verbenas e concertos, ou o apagado de luces e música das atraccións das festas en determinadas franxas horarias.

Mentres non se poida poñer en práctica esa ordenanza, o BNG solicitará do goberno local que, ademais de asegurar o cumprimento da lexislación vixente en materia de ruídos, actúe con “respecto acústico” e que traslade as recomendacións pertinentes ás entidades promotoras de eventos no conxunto do concello.