O pasado 27 de xullo disputouse na cidade de Skopje, capital de Macedonia do Norte, o Festival Olímpico da Mocidade Europea. Neste evento compiten os mellores atletas de toda Europa, e incluso dalgún país de fóra do continente. O festival celébrase cada dous anos desde o 1991, que foi cando tivo lugar a primeira edición na cidade de Bruxelas. Acolle a atletas de entre 14 e 18 anos, e adoita ser o primeiro escaparate de deportistas que acaban por tocar a gloria dos xogos olímpicos. Consta de dúas edicións, unha de verán e outra de inverno.
Non é nada fácil ser seleccionado para representar ao teu país nun evento deste nivel. De feito a representación do estado español foi unicamente de 23 atletas, só un, o mellor, por proba, e de 81 deportistas en total para o resto de disciplinas(baloncesto, balonmán, ciclismo, ximnasia, judo, natación, skate e tenis).
A selección dos participantes faina directamente o Comité Olímpico Español e abofé que deberon de facer moi ben o seu traballo e que o deporte de base español debe de gozar de boa saúde, porque a colleita lograda foi de 30 metais en total, dos que 10 foron conseguidas en atletismo.
Unha desas medallas foi acadada polo guardés Alex Sierpes que participou na proba de 1.500 metros, e acadou un brillante segundo posto logrando a medalla de prata.
Alex e o seu irmán Christian son dous rapaces encantadores, e aínda que son moi novos, Alex ten 17 anos e Christian, 18 son xa vellos amigos nosos pois en máis dunha ocasión foron protagonistas das nosas páxinas. Ambos son atletas, e os dous comezaron a practicar este fermoso deporte desde moi nenos, antes dos cinco anos. No seu caso o amor polo atletismo ven xa de familia xa que o seu pai, Xabier, é adestrador de atletismo, e foi un bo atleta que tivo deixar a competición pronto por mor das lesións.
Christian ten moi bo nivel, pero Alex naceu tocado por ese talento especial dos que só uns poucos elixidos son bendicidos polos deuses do Olimpo, e que algún día non moi lonxano o vai levar a disputar as medallas nas competicións máis importantes do planeta: O campionato de Europa, o campionato mundial e os Xogos Olímpicos.
Lembro que nalgunha entrevista que lle fixera a Alex déuseme por preguntarlle se se vía nunhas Olimpiadas e el contestara que sería un soño. Hoxe ese soño está moito más preto, ata o punto de que é realista e verosímil considerar que Alex Sierpes ten moitas posibilidades de saír algún día ao balcón do Concello da Guarda a celebrar que é o primeiro veciño en toda a historia da localidade que consegue unha medalla olímpica.
O segundo poso acadado na proba de 1.500 son palabras maiores. Cómpre salientar que este evento é o de maior nivel en todo o mundo para a franxa de idade dos atletas que competiron, entre 14 e 18 anos. Por outra parte esta é unha proba fetiche do atletismo español na que destacaron grandes campións como Jose Luis González, ou Fermín Cacho.
Pode Alex Sierpes chegar a ese nivel?
si, si que pode. Non vai ser nada doado, vai ter que sacrificarse moito e pasar por momentos malos e por circunstancias difíciles, pero ten potencial para chegar á elite sen ningún tipo de dúbida.
A vitoria na carreira de Skopje foi para o atleta francés Alois Abraham cun tempo de 3:48.39. Este deportista é o que ocupa o primeiro posto de todo o mundo, no seu abano de idade, no ránking de corredores desta distancia. Alex disputoulle o primeiro posto ata o final da proba e chegou en segunda posición parando o cronómetro en 3:49:53.
Alex ten unha marca persoal na distancia de 1.500 de 3:45.É dicir pode moverse obxectivamente en parámetros de vitoria. Porén Alex é un atleta polivalente que rende moi ben en 1.500, en 3.000, en 5.000 en 10.000 e incluso en Cros. El non estivo só en Macedonia, foi acompañado pola súa nai, polo seu, pai, o seu irmán e pola súa moza. Toda a familia viviu con extraordinaria emoción a carreira e abofé que celebraron con máxima intensidade a medalla que Alex trouxo para A Guarda.
Que lle toca a Alex despois deste metal?
Tócalle descansar. A preparación desta competición foi durísma, nun ano ateigado de éxitos para Alex( Campión sub 18 de España en 5.000, campión sub 18 de Galicia en 1.500 e en 5.000, Campión en Portugal de 5 quilómetros en ruta, Campión sub 18 de España en 3.000,sub campión sub 20 de Europa de campo a través, Campión sub 18 no cros internacional de Valladolid…….) e agora toca gozar unhas semanas do verán, pero sen perder de vista o vindeiro obxectivo deportivo que é o campionato de España de clubs que se celebrará en Atapuerca.
