Alejandro Figueroa, voceiro municipal do PSOE de Mos

O pasado mes de xuño a voceira socialista no concello de Mos, Victoria Alonso, presentaba a dimisión do seu cargo, renunciando ao seu posto de concelleira. Foi substituída como portavoz dos socialistas mosenses por Alejandro Figueroa, un rapaz de Cela que viña acompañando a Victoria nos últimos tempos na corporación. Nós quixemos coñecer un pouco máis ao que probablemente será o candidato socialista nas municipais do 27, e achegámonos ata o seu local de Sanguiñeda para conversar con el.

O goberno de Mos segue na súa liña: pésima xestión económica e peor que pésima xestión política”

Ves de ser nomeado voceiro do grupo municipal. Cal foi o procedemento que seguistes para o teu nomeamento?

Decidímolo entre os catro compañeiros do grupo municipal: Delfina, Beti, Bruno, o novo compañeiro que entrou no sitio de Victoria, e eu mesmo.

Cando marchou Victoria?

No mes de xuño deste ano.

Cal foi o motivo de que Victoria abandonara a súa responsabilidade no Concello?

As circunstancias persoais da súa vida non lle fan compatible poder dedicarlle todo o tempo que se necesita á responsabilidade como concelleira. Como é unha muller honesta decidiu presentar a súa dimisión e que outra persoa puidera estar ao 100 por 100 no cargo político.

É só iso?.Non houbo ningún problema político interno?

Non, non houbo problema de ningún tipo. Foron, como che dixen, as circunstancias da súa vida persoal. Cónstame que foi unha decisión moi dura para ela. Ela non abandona o partido, só a primeira liña. Imos seguir contando co seu apoio e co seu consello. E no futuro quen sabe ,a vida dá moitas voltas.

Danos o perfil de Bruno, o concelleiro que entrou para substituíla?

Bruno é un rapaz con formación e participativo na vida social da súa parroquia e do concello. É Enxeñeiro de Minas e traballa na Comunidade de Montes de Tameiga, forma parte da Asociación de Veciños de Petelos. Esta asociación conformouse de novo hai pouco tempo, e el tivo un papel moi importante.

A asociación de veciños de Petelos está en contra do cambio de localización da Festa da Rosa. Cal é a opinión da PSOE de Mos, e por que?

Nós opinamos que a festa si que ten que medrar, este é o argumento do Concello para movela para o Pazo, pero hai un claro espazo para onde ten que medrar a festa que é a contorna do multiusos, instituto e onde vai ser o novo concello. Isto non é que o diga o PSOE, senón é o que di o PXOM e está aprobado polo actual goberno. Este é un espazo que pode albergar todo, cunha gran Festa da Rosa.

Antes onde se celebraba esta festa?

Na contorna do Concello, onde se organizou a festa paralela estes dous últimos anos.

Quen organiza esta festa paralela?

A primeira vez foi algo espontáneo dos veciños de Petelos que foron alí a reivindicar sen anuncialo antes. Esta segunda vez foi algo preparado pola Asociación de Veciños. Nós como partido decidimos ir primeiro a Mos, á celebración oficial porque somos representación do Concello e van moitas asociación da vila pero non estivemos na parte institucional do Concello, senón despois co pobo no Pazo de Mos. Despois do pazo fomos á celebración paralela na contorna do Concello que é onde historicamente se celebrou sempre a Festa da Rosa.

Nun goberno hipotético do PSOE, onde se celebraría a Festa da Rosa?

Na contorna do multiusos. En Petelos, que é onde se fixo de sempre e onde vai ir o futuro Concello de Mos .

Valórame o actual mandato?

O mesmo de sempre: pésima xestión económica, e peor que pésima xestión política. Os cartos dilapídanse en propaganda, a transparencia non existe, o despotismo e a mala educación da alcaldesa son o pan noso de cada día, a veciñanza recibe un trato moi diferente dependendo de se é identificada como amigos ou non amigos, non hai un modelo de pobo, e o goberno carece de capacidade para achegar solucións realistas aos numerosos problemas que padece Mos.

Hai anos que vimos falando dunha situación económica moi preocupante que incluso podía facer perigar o gasto corrente. Seguimos igual ?

Si, seguimos igual .A nova interventora fala nos seus informes ata de contratos verbais, algo que as administracións hai moito tempo que non poden facer.

Como é a transparencia do Concello?

Non existe, os que estamos na oposición sabemos que se pides calquera documentación nunca cumpren o tempo establecido .

O PSOE ten solicitado información sobre algún expediente e encontrar a calada coma resposta e ter que insistir unha e outra vez?

Si.

Percibides que non hai unha vontade clara de ter informada á oposición?

Si, claro. Non hai vontade de informar.

A alcaldesa de Mos sempre foi unha persoa moi déspota e agresiva contra as persoas que identifica coma non amigas e das que dá bicos e apertas ás que considera amigas. Seguimos na mesma liña?

Segue igual ou peor, se a molestas perde os papeis. A min expulsoume unha vez do pleno por un debate, creo que na segunda vez que me chamou á orde xa me expulsou e a lei di que ten que chamar á orde tres veces para poder facelo.

Non formalizastes unha queixa por escrito?

Pecamos de inexperiencia, creo que foi no meu primeiro ano. Ela xogaba co noso nerviosismo porque entramos todos novos e eramos inexpertos.

Para o PSOE, o acordo asinado entre a Comunidade de Montes de Tameiga e o Celta, foi unha vitoria do Celta ou foi unha vitoria da Comunidade de Montes de Tameiga?

Penso que foi desgaste polas dúas partes. O Celta de Marián non é o Celta do seu pai. Ela deuse de conta que como se estaban facendo as cousas non ían chegar a ningunha parte, sabe que ten que ter o apoio social e tratou de buscar unha posición de consenso. O acordo que chegou a Comunidade de Montes é o mellor acordo para eles, non prexudica practicamente ao monte e non perden case nada, o que se vai a construír xa é terreo construído

No futuro inmediato o monte está salvado?

Si, no futuro inmediato, penso que si. Pero, ollo: A modificación do PXOM segue estando aí. Non desboto que dentro dun tempo veña calquera grande superficie interesada en instalarse aí e haxa que defenderse de novo. Nós levabamos no programa a blindaxe do monte, que sería facendo un parque forestal nesa zona.

O Concello de Mos obxectivamente necesita un cambio?

Si, claro. O Concello precisa un cambio de goberno como precisamos o aire para respirar. Un goberno que trata de maneira diferente á veciñanza en función de se son afectos ou non, está moralmente incapacitado para gobernar nin un día máis

O goberno de Mos é un goberno nepotista?

Claramente.

Hai posibilidades reais de que se produza o cambio nas elección do 27?

Estou convencidísimo de que si.

En liñas xerais que é o que percibes da sociedade?

Eu convido á sociedade a que deixe o conformismo e a desesperación porque o cambio si que é posible e como antes mencionei é absolutamente necesario.

O PSOE está en condicións reais de liderar ese cambio que necesita o concello?

Si, por suposto. Creo que o noso programa é ambicioso, pero realista. Estamos facendo cumprir partes do programa estando na oposición.

Por exemplo?

No tema dos presuposto. As emendas que mandamos, crear as partidas de cartos para os eventos coma o Son do Pazo, por exemplo.

O PSOE inflúe nas decisións do goberno, noto que estamos conectados á sociedade e entendo que estamos en posición real de liderar o cambio e é obxectivamente posible.

Alex, ti es o voceiro, serás o candidato nas vindeiras eleccións?

Non sabemos aínda.

Queres selo?

Desde o grupo municipal seguiremos traballando arreo ata as vindeiras elección e chegado o momento terei que tomar esa decisión. Nós dependemos dunha executiva e unha dirección provincial que porá unhas datas para a escolla de candidaturas. Cando chegue o momento convocaremos á militancia e decidiremos.

Se se da a situación de que a maioría da militancia te escollera para ser o candidato, ti que vas facer?

Aínda non pensei niso, son unha persoa co seu traballo e unha vida e ser candidato leva moitísima responsabilidade. Chegado o momento terei que decidir coa miña familia e o meu entorno e miraría o que é máis conveniente para o partido e para min.