Xa preto de outubro, non se sabe que nenos e nenas son beneficiarios das axudas de Servizos Sociais, destinadas a familias que precisan deste recurso para que os seus fillos e fillas poidan acudir ao comedor.
A demora xera problemas ás familias e carga de maneira indebida ás Anpas, obrigadas a asumir responsabilidades que non lles corresponden.
As Anpas exisen que as axudas se resolvan antes do inicio de curso, e se modifique o procedemento no tocante ao papel das anpas na tramitación de estas axudas
Redondela, 26 de Setembro de 2025
A Federación de Anpas de Redondela e as Anpas que a integran queren expresar o seu profundo malestar polo atraso na resolución das axudas de comedor de Servizos Sociais, un problema que se repite nos últimos anos.
Estas axudas, de carácter nominativo, están destinadas a familias con dificultades socioeconómicas que necesitan utilizar o comedor escolar. Aínda así, en Redondela son as Anpas as encargadas de xustificar a subvención, algo que non se entende e que debe mudar. A pesar deste punto, o máis preocupante é a tardanza por parte do Concello na resolución das axudas.
O retraso na resolución provoca que moitas familias non envíen aos seus fillos e fillas ao comedor por non saber se recibirán a axuda, un aspecto que hai que ter moi en conta ao tratarse de familias con dificultades socioeconómicas.
No curso pasado, a resolución chegou a finais de outubro e, no ano 2023, no mes de febreiro do seguinte ano, unha situación inaceptable.
As Anpas colaboran coa mellor vontade, pero denuncian que se lles trasladan responsabilidades que non son da súa competencia, nunha situación que lles é allea e que é responsabilidade total do concello.
O Concello debe dar unha resposta urxente ante esta situación, preocupante para as familias e completamente inxusta e irrespetuosa coa labor que realizan as Anpas na xestión dos comedores.
Por iso, é necesario:
- Que se produza de maneira urxente a resolución do presente curso
- Que se garanta a resolución das axudas antes do inicio do curso escolar nos próximos anos.
- Que se modifique o procedemento, evitando que as Anpas teñan que asumir funcións que non lles corresponden.
