O Tyde FC cumpre un século

Esta temporada é especialmente importante para toda a familia do Tyde, pois no ano 2026 cumpren o seu primeiro século de vida. E un acontecemento tan relevante na súa historia non podía ter mellor contexto deportivo que o seu ascenso a preferente, obxectivo moi meritorio que acadou o equipo a pasada temporada, despois de 23 anos sen poder competir nesa categoría. Nós conversamos con David, o seu actual presidente, un rapaz de 35 anos con vínculos afectivos moi significativos co equipo xa desde que era moi neno, moi ilusionado con facer ben as cousas pero realista, sensato e cos pés no chan.

David Domínguez, presidente.

O Obxectivo deportivo é consolidar ao Tyde en categoría preferente”

Queremos coñecerte un pouco, David

Ben, pois eu teño 35 anos. Son natural de Randufe. Nacín moi preto de onde está o campo de fútbol. E traballo como comercial nunha empresa do Porriño.

Cando e como comezou o teu vínculo co Tyde?

Fun xogador desde moi neno. Creo que desde os 11 anos. Pasei por distintas categorías ata chegar ao equipo sénior, aínda que non estiven moito tempo cos maiores. Deixei a práctica do fútbol bastante novo, aos 24 anos. Pero o que nunca deixei foi o meu cariño polo o equipo e a miña vinculación con el, que sei que me vai acompañar todo o tempo que me quede de vida.

En que posto xogabas?

Era porteiro.

E honestamente, eras bo porteiro?

Ha, ha, ha. Non resulta fácil valorarase a un mesmo, pero honestamente creo que moi bo, o que se di moi bo, non era.

Desde cando formas parte da directiva?

Eu entrei no ano 2021, con Pavi como presidente. Comecei como vogal e despois fun secretario. Accedín á presidencia na temporada 23-24. Esta é a miña terceira temporada como presidente.

Cando chegas en que división estaba o equipo sénior?

Acababa de subir á 1º autonómica. O ano pasado puidemos ascender a preferente, que é a categoría na que militamos neste momento.

O Tyde non estaba en preferente desde hai 23 anos. Supoño que o ascenso sería un enorme éxito para vós?

Si, si que o foi. Tanto polo ascenso en si, un éxito deportivo incuestionable, como por terse producido nesta temporada, pois no 2026 imos celebrar o primeiro século de vida do Tyde. O noso club naceu en 1926. Un ascenso sempre fai ilusión, pero se se produce nunha temporada tan especial como esta, a alegría é maior.

Tendo en conta a realidade económica e social de Tui e do Tyde, cal cres ti que é a categoría natural na que se debera consolidar o equipo?

Eu creo que a preferente. É certo que nós chegamos a militar en terceira división, e non desboto que algún ano no que as circunstancias sexan moi favorables poidamos competir por ascender. Pero agora mesmo, a curto prazo non o vexo realista. O salto económico sería xigantesco, e moi difícil de asumir. Nós acabamos de subir. Este ano o obxectivo deportivo é claramente salvar a categoría. E unha vez que o logremos, agardo que poidamos consolidarnos en preferente e que esta sexa a nosa categoría natural.

Ollo, que quede claro que non renunciamos a nada,pero hai que ter os pés no chan.

Que tal comezamos a liga este ano?

No momento de facermos esta entrevista levamos disputado 4 xornadas. Gañamos un partido e perdemos tres. Nós xa tiñamos claro que este ano ía ser moi difícil. Estou seguro de que as cousas van ir a mellor e que salvaremos a categoría.

Os resultados son importantes. Pero tan importantes ou máis son as sensacións. As sensacións que transmitiu o equipo nos partidos que perdeu son de que se pode competir con dignidade na categoría, ou non?

Si, e si sen ningún tipo de dúbida.

Que temos pensado facer no ano do centenario?

Vai haber moitas actividades emotivas e bonitas. Non as podo anunciar aínda porque moitas delas están pendentes de pechar. Si que podo dicir que nun par de meses,antes de que remate o ano 25, sacaremos á venda unha camisola conmemorativa do centenario. Tamén que faremos unha exposición de fotografías e obxectos antigos da historia do noso equipo, e que traballamos na organización dun partido especial para celebrarmos o evento.

Cal é a realidade económica do equipo?

É boa. O equipo está saneado e sen débedas. Pero sabemos que estamos nunha categoría moi exixente, de feito nós somos dos equipos de preferente que temos un orzamento máis baixo.

Que tal se porta o Concello de Tui con vos?

Pórtase ben. As relacións son boas e a sintonía é correcta. En varias ocasións xa teño agradecido o respaldo que o alcalde Enrique Cabaleiro nos dá. Outra cousa é que nos gustaría que a axuda que recibimos sexa maior. Tamén somos conscientes da realidade económica de Tui, de que as partidas para o deporte son as que son e de que somos moitos clubs na nosa localidade. Hai equipos de vilas veciñas que reciben axudas moi superiores ás que recibimos nós, o que amosa que algo debemos de estar facendo ben no Tyde, cando cos recursos propios que nós xeramos podemos competir con dignidade.

Cales son ese recursos propios?

Socios, temos algo máis de 200, entradas e publicidade. Aproveito a ocasión para agradecer profundamente a importante axuda que nos prestan todos os nosos colaboradores e anunciantes.

Os 200 e pico socios que tedes é o obxectivo ideal?

Non. Para o número de habitantes que ten Tui e para o vínculo que existe entre os tudenses e o equipo, quédase curto. Considero que nese terreo temos marxe de mellora e potencial de crecemento.

Como é ese vínculo entre a sociedade tudense e o Tyde?

É moi importante, realmente importante. Así por exemplo a temporada pasada a asistencia media de espectadores por partido foi de 430 persoas. Teño moi claro que a relevancia que o Tyde ten en Tui é moi superior ao número de socios que poidamos ter. Atrévome a dicir que o Tyde é un dos símbolos da cidade de Tui.

Cal é o voso principal rival deportivo?

Calquera equipo veciño que coincida con nós na categoría. Este ano podería ser O Porriño, a temporada pasada o Gondomar…Calquera equipo da contorna que xogue con nós xera un ambiente moi importante cando xogamos o partido.

Cantos equipos tendes?

Agora mesmo temos 9.

Temos equipo feminino?

Si, temos un equipo feminino que xa leva varias tempadas con nós.

Que papel xoga a canteira na planificación do primeiro equipo?

Para nós a canteira é fundamental. É unha parte esencial da nosa estratexia como equipo. A modo de exemplo podo dicir que esta temporada dous xogadores saídos do equipo xuvenil quedaron no equipo sénior en preferente.

O teu periplo na directiva tes previsto que sexa tan prolongado como o do presidente anterior?

Ha, ha ha. Agardo que non, que non sexa tan prolongado. A vida dá moitas voltas e o que pode acontecer no futuro nunca se pode saber. Pero eu son de etapas curtas, nas que dea o mellor de min mesmo, e poder dar paso a outra xente. Iso si, o que nunca vai desaparecer, sexa no sitio que sexa , vai ser o meu compromiso co equipo.

Cando o teu ciclo como presidente remate en que situación te gustaría que quedara o Tyde?

Gustaríame deixalo nunha situación estable tanto no plano económico como no plano deportivo. Gustaríame que nos puideramos achegar máis ás nosa orixes, e por último tamén estaría encantado se puideramos incrementar a nosa penetración na sociedade tudense de maneira que poida ser máis sólida do que xa o é agora.