Por que para Stellantis?

A principios deste mes de Outubro coñecemos a decisión de Stellantis de realizar unha serie de paradas de produción na planta viguesa. Os paros súmanse aos que xa veñen acontecendo noutras fábricas da empresa. Nós conversamos co responsable da sección sindical da CUT na factoría, para coñecer a valoración do sindicato nacionalista sobre esta circunstancia e sobre a situación xeral da máis importante empresa da área de influencia de ANP. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Vitor Mariño, Secretario da sección sindical da CUT Citroën.

O papel de CCOO e de UGT é esencial para manter vivo o ecosistema sindical da nosa empresa”

Cal é a opinión da CUT sobre as paradas de produción que están a acontecer na fábrica de Vigo?

Gustaríanos poder dar información real sobre os motivos dos paros. Pero non a temos. O que nos chega é o que aparece nos medios: que se trata de paradas por organización de existencias. Pero a realidade non a coñecemos.

Ti es membro do comité de empresa. Entón a empresa non informa de maneira suficiente ao comité,a todo o comité, sobre os motivos e a duración prevista de algo tan relevante no día a día da fábrica, como as paradas de produción?

A empresa , á hora de subministrar información, despreza aos representantes legais dos traballadores e traballadoras que non formen parte da representación maioritaria. Lamentablemente esa representación maioritaria non fai nada para que eso cambie. Esa situación leva a que non só esa circunstancia, senón outras de enorme importancia, non nos sexan comunicadas de maneira adecuada antes de que se produzan.

Por exemplo?

Que parte da produción do K9 se vai levar a Turquía. Unha nova tan importante como esa tamén a coñecemos polos medios de comunicación. Non sabemos como afectará á nosa planta esa deslocalización da produción.

Podemos dicir que, a xuízo da Cut, a política informativa da empresa é deficiente?

Si, podemos dicilo. É máis, podemos dicir que ás veces non é que sexa deficiente, é que é nula. É lamentable que a maioría do comité non lle exixa á dirección que nos informe adecuadamente de todo o que sexa relevante para a empresa.

Antes dicías que non podías dar información real sobre os motivos das paradas. E opinión?

A nosa opinión é que é unha política habitual, xa desde hai tempo. Consiste en que no primeiro semestre do ano se sobreproduce traballando ata seis días sobre sete, e pola contra nos últimos meses do ano, unha vez que xa teñen a produción anual prevista, máis ou menos establecida, van relaxando o traballo.

Entón a CUT entende que non se trata de ningunha circunstancia externa que motive as paradas, senón que se trata dunha política planificada por parte da empresa?

Si, nós consideramos que se trata dunha política planificada.

Esta suposta forma de organizar o traballo, sobreproducir ao principio e parar ao final, que repercusións ten no colectivo de traballadores e traballadoras?

Ten consecuencias, abofé que si que as hai. Son consecuencias na nosa saúde, tanto a física como a mental. A empresa quéixase do alto absentismo pero non pon ningunha medida organizativa enriba da mesa para palialo.

Como está a situación xeral da planta de Vigo?

O persoal está esgotado. E non parece que sexa algo que se poida reverter. É moito máis importante incrementar as marxes de beneficio que a saúde e a calidade de traballo das persoas que traballamos na empresa.

Tamén hai consecuencias negativas sobre a planta en si.

Por que?

Nós entendemos que a súa limpeza e coidado en xeral é manifestamente insuficiente. De feito nós agradecemos que veña algunha autoridade a visitar a fábrica, pois é nese momento cando realmente se limpa e se organiza todo o que estaba sen limpar e sen organizar.

Os prezos dos vehículos están disparados. Para moitas familias a hipótese de mercar un coche novo é un imposible, incluso a segunda man está carísima. Para a CUT isto vai seguir así no futuro inmediato, ou podemos pensar que a a situación vai mellorar?

Pensamos que,por desgraza, os prezos dos coches van seguir disparados. As marxes de beneficios aumentan cada vez máis, pero só aumentan para os de arriba. O reparto é claramente inxusto: para os de abaixo todo son axustes, e para os de arriba os beneficios non paran de crecer. O traballo no noso sector foi durante moito tempo un traballo envexado. Coas condicións de hoxe, contratos a tempo parcial e SMI, convértese nunha opción cando non existe outra alternativa.

E non cres que un contexto no que grandes masas de traballadores non poden, cos seus ingresos, comprar un coche novo, ten que estoupar máis pronto que tarde?

Eu o que creo é que só un estado semellante á narcolepsia colectiva pode facer que o contexto que describes se manteña. O que si vemos tamén é un cambio social evidente. Historicamente era moi difícil ver persoas migrantes traballando na nosa planta. Esta sempre foi unha fábrica que pasou de pais a fillos. Agora os pais xa non queren que os fillos traballen aquí,e cada vez son máis as persoas migrantes contratadas. Eles de forma moi lícita, lexítima e respectable buscan gañar a vida con dignidade, igual que o buscamos todos. É a empresa a que se aproveita da situación de necesidade, para contratalos nunhas condicións manifestamente mellorables.

A resistencia a aceptar traballar en condicións dificilmente aceptables pode ser un indicio que apunte na dirección da túa pregunta. Ten en conta que se cobran nóminas moi parecidas ás que se cobraban a finais dos 90 do século pasado, e a suba do custe da vida foi tan elevada que fai moi difícil poder vivir con ese nivel de ingresos.

Na túa empresa, o sindicalismo de clase, está estancado ou pode crecer?

Nós crecemos nas subcontratas e nas auxiliares. En Stellantis é moi difícil crecer, porque contra as ferramentas da empresa para o control do comité é moi difícil competir. De feito nas pasadas eleccións un laudo deunos a razón e mandaba repetir as eleccións, porque constatou que o que había no fondo é unha vontade de control. Lamentablemente ese laudo decaeu por unha incomprensible decisión xudicial.

Stellantis é unha batalla perdida?.É absolutamente imposible soñar que no futuro poida haber un comité de empresa que non sexa de maioría amarela?

Non, imposible non é. Se pensase que é imposible eu me dedicaría a outra cousa. De feito pinga a pinga a CUT vai recollendo aos descontentos coa forza maioritaria. A viaxe inversa: desde o sindicalismo combativo ao amarelo, non existe. Agora ben, é moi difícil. Xa che dixen que as ferramentas da empresa son moi poderosas, entre as que lamentablemente teño que mencionar a CCOO e a UGT.

O papel de CCOO e de UGT en Stellantis é importante para manter vivo o sindicalismo amarelo?

Si, si que o é. A CUT opina que son elementos esenciais para manter vivo o sistema.