
Non convén facer mal sangue por mor dos aconteceres que vemos, non. Guerras, ameazas constantes, prevaricacións, desidias, ofensas de todo tipo, omisión do dereito e da xustiza, silencios sospeitosos, mentiras, roubos e un sen-fin de nubes groseiras, grileiras e cheas de grises moi escuros. Debemos resistir esa inclemente choiva de informacións desastrosas e pasar un pouco de tanto desespero. Esas informacións que a un tempo cegan a nosa atención e non deixan sabernos nun estado de alerta constante e de permanente insulto á intelixencia, desviándonos da razón e do criterio. Chega un tempo novo e debemos confiar na celebración de cambios que veñan poñer algo de luz.
Todo iso non impide esquecer. Pasa xa de cincuenta anos daquela ruptura cun pasado infeliz e, xa daquelas, era o final dunha agonía. Aquela sombra marcada na morte do ditador, señor pequeniño e de voz afrautada, que nos tivo atados e ben atados deixado aínda moitos seguidores cheos de nostalxias represoras que se manifestan na súa ignorancia e mediocridade, difíciles de desenmarañar. Cincuenta anos daqueles soños que tiñamos e que fomos construíndo, máis ben maxinando, cando vemos como van caendo nun certo estado de latencia e decepción, como se fosen un mal soño, pesadelo que anubra horizontes e non permite saír de novo a aquilo que sempre chamamos e imaxinamos liberdade.
É, certamente outro estado de desencanto que pasamos, tamén dun sistema anquilosado en burocracias e finximentos, mentiras que nos contaron. Non era isto o que esperabamos, non era este xogo de toma e daca que fan os políticos de hoxe, de insulto constante e de falta de educación, sen rigor nas encomendas que un día nos fixeron e das que nos cremos responsables. Todo son falta de solucións aos problemas que cada día xorden, no espectáculo que envolve todo de fume, pero sen “chicha”. Galiza esmorece en soños de xustiza mentres se producen miles de linchamentos. Estamos a perder dereitos que un día quixeron ser e aínda non foron.
Si, a nosa recente historia está marcada por moitas decepcións que nos sitúan nese estado de ansiedade constante onde case non sabemos orientarnos ou discernir debidamente. Ben é certa a carga de inxenuidade propia e colectiva, aquela falta de previsión necesaria que nunca sobra pero que sempre se interrompe polas novas fórmulas dos hábiles redactores que o sistema ampara. Fomos moi confiados e quixemos fascinar diante de tantos avances tecnolóxicos que agora nos someten. Viñamos daquela economía estrita e existencial, de tristura e apoucamento. Agora cremos chegar a esta táboa de salvación e de sosego para todos, que nos mantén nun constante desequilibrio que mira e vira cara atrás.
Non foi así aquel soño acontecido. Apareceron medios de comunicación que mentiron interesadamente, era -segundo eles- necesario consumir, producir aceleradamente, dixitalizarnos e esquecer as aquelas ansias soñadas, aquelas angueiras -repito- de liberdade. Todo aquilo, trouxo isto que temos. A polarización constante, os egos destrutivos, as mentiras e roubos, moitos e continuados, os fracasos e as mentiras que sempre semellan alleos, as afrontas, os abusos, crimes diante dos nosos ollos, traidores elevados aos altares e en complot cos grandes. Ninguén di nada ou calan por temor ás represalias. Desencanto e silencio nas alforxas.
Dámonos conta, nos nosos pensamentos máis íntimos, desa hipocrisía que nos invade. Hipocrisía individual, social e globalizada entre tremendas inxustizas que veñen, miren por onde, tamén da man da mesma xustiza. E alá vai a fe e o credo que supoñiamos nas institucións, no estado de benestar social, nas asistencias. Todo son aparencias. Se buscamos a verdade sabemos está perdida nas sombras e non interesa. Os poderosos insisten en alienarnos, coutando calquera emancipación dos seus dogmas e postulados.
O desencanto doe, fainos máis violentos. A violencia é lesiva e castiga en desconfianzas e desafiuzamentos, fatiga ás persoas de ben que tentan expectativas e soñan desexos ou fantasías. Nin sequera se apiadan os transgresores. Pasado tanto tempo, morto o tirano, quizais haxa que pensar noutros modos máis humanos, noutras persoas máis capaces, noutros métodos máis eficaces que non nos volvan castigar e que, dalgún xeito, nos liberen das perversas informacións, dos prexuízos, das difamacións, das dúbidas e ambigüidades, das improvisacións e invencións urxentes, lonxe de ouropeis e fidalguías, de inxustas guerras e o horror, de perversos poderes. Anque só sexa para poder volver soñar unha patria liberada e poder pasar un Nadal xeitoso envorcados no desexo dun vindeiro ano 2026 cheo de ledicias. Ese é o meu desexo no medio deste ruído.
