Marcos Santos e Tino Lago
Nos oito anos de vida do club de petanca Arcade sempre percibiron unha subvención municipal, importante para a xestión do día a día do club. Pero este ano por vez primeira foilles denegada polo Concello. Falamos cun dos membros deste equipo de petanca, que amosa a súa decepción co goberno municipal por este feito, que eles entenden inxusto, pola suposta pouca consideración do Concello cara a un club da localidade que gaña trofeos importantes, e polo, ao seu xuízo, mal estado do campo de xogo.
Jesus Pérez Alonso membro do club Petanca Arcade.
“ Estamos moi decepcionados co Concello, tanto é así que valoramos seriamente deixar Arcade e irnos a Ponte Sampaio”
Cantos anos de vida ten o club?
Constituído como club ten oito anos. Pero en realidade levamos máis de 15 xogando.
Que competición disputades?
Xogamos a liga de Pontevedra. O ano pasado fomos campións de liga e campións de copa.
Onde xogades e adestrades?
Nuns campos de petanca municipais situados no lugar de Cagazó a carón do río. Estivemos xogando en varios sitios ata que fixeron eses campos e xa nos instalamos alí.
Como vos financiades?
Nós pagamos unha cota de socio e a subvención do Concello tamén era moi importante para nós. Por desgraza este ano non a imos cobrar.
Canto tempo levabades cobrando esa subvención municipal?
Desde que está o club constituído.
Entón esta subvención tédela cobrado tanto co anterior goberno do alcalde Agustín Reguera,como co actual do alcalde Manuel Lourenzo?
Si, cobrámola desde que constituímos o club. Coincidiunos nos últimos anos do anterior alcalde e nos primeiros do actual.
Cal foi a última que cobrastes?
A que solicitamos a finais do 24 e que cobramos no ano 25.A que solicitamos no 2025, que sería para cobrar no actual 2026, denegáronnola.
É unha subvención importante?
A cantidade é pequena, son arredor de 800€, pero para nós é moi importante, si, porque contamos con eses cartos para costear o material necesario para a práctica do noso deporte.
Por que motivo foi denegada?
Porque esixen que todas as facturas subvencionables sexan abonadas por transferencia bancaria e débese achegar os xustificantes desas transferencias. Nós eso non o sabiamos e temos algunhas facturas que si pagamos por transferencia, pero hai varias que son pequenas e abonamos en efectivo. Entón destas últimas podemos achegar a factura por suposto, pero non o xustificante de transferencia porque non a pagamos por transferencia.
Cales son as facturas que vos subvencionan?
Todo o que compramos para o club.
Entón, imaxino que vos denegarían só as facturas das que non achegastes o xustificante da transferencia bancaria?
Non, denegaron a subvención completa.
E cal é a vosa opinión ao respecto?
Pareceunos moi mal. Deberían, entendemos nós, ternos avisado antes para poder cumprir ese requisito.
Non vos mandaron ningún requirimento dándovos un prazo para emendar as incidencias?
Si, déronnos 15 días. Pero era imposible de solucionar a posteriori porque esas facturas xa estaban pagadas
Este requisito da obrigatoriedade do pago por transferencia bancaria das facturas subvencionables é unha novidade desta convocatoria, ou xa aparecía en convocatorias anteriores?
Non o podo asegurar, pero supoño que será novo porque nas convocatorias anteriores tamén presentamos facturas pagadas en efectivo e nunca tivemos ningún problema para cobrar a subvención. Non o tivemos nin co anterior alcalde nin co actual. A nós parécenos moi mal esta situación. Entendemos que o Concello debía de ter actuado de maneira moito máis transixente. Consideramos que o goberno municipal debe de ter un mínimo de consideración cara a un club que leva o nome de Arcade por Galicia adiante.
Non ten ese mínimo de consideración?
Home, pois cando gañamos os trofeos que gañamos nin tiveron nin sequera a delicadeza de chamarnos para recoñecernos.
Vaia, non recibistes nova algunha do Concello despois de terdes gañado a liga e a copa de Pontevedra?
Non. E é aínda peor. Nós mandámoslle as fotografías cos trofeos e quedaron de vir onda nós. E non apareceu ninguén. Por outra parte o mantemento das instalacións é moi deficiente: Hai bancos esnaquizados, temos un contedor que deixou o Concello que gotea auga de seguido .Nós estamos fartos de dicirllo e non fan nada para pórlle solución. Tal é a nosa desilusión que estamos valorando tomar unha decisión drástica.
Cal?
Estamos pensando seriamente a posibilidade le levar o club de Arcade e pasarmos a domiciliarnos en Ponte Sampaio.
Estades tan decepcionados co Concello?
Si, si que o estamos. Pola súa parte todo son moi boas palabras pero nada ten que ver coa realidade dos feitos.

Primer comentario