STELLANTIS e a política do “reset”: privatizar os beneficios e socializar as perdas, mentres persegue ao sindicalismo combativo como a CUT

Cut central unitaria de traballadores citroën

Vigo, 26 de febreiro de 2026

Dende a Sección Sindical da CUT en Stellantis Vigo denunciamos a profunda contradición entre o discurso oficial da dirección do grupo e a realidade económica, produtiva e financeira da empresa, así como o impacto directo que esta estratexia ten nos salarios e dereitos de miles de traballadores e

traballadoras. Os resultados anunciados para 2025, cunha suposta perda neta de 22.332 millóns de euros, non responden nin á falta de actividade nin á falta de produtividade, senón a unha operación contable baseada en cargos excepcionais e provisións artificiais que entendemos maquillan a realidade. Tal e como veñen denunciando tamén sindicatos do propio grupo noutros países, máis de 22.000 millóns corresponden a apuntes contables vinculados a investimentos futuros nos Estados Unidos, abandonos de proxectos industriais e unha provisión de 1.300 millóns destinada a despedimentos.

Fronte a ese relato alarmista, hai un dato que a empresa evita destacar: Stellantis pechou o exercicio con arredor de 46.000 millóns de euros en liquidez dispoñible. Caixa hai. O que non hai é vontade de repartir a riqueza xerada. Nos últimos catro anos, o grupo acumulou preto de 54.000 millóns de

euros en beneficios, incluíndo os 5.520 millóns obtidos en 2024, e malia iso a dirección decidiu que en 2025 os traballadores e traballadoras non percibirán nin un só euro en participación en beneficios nin na prima PPV, limitándose a anunciar un incremento salarial xeral dun insuficiente 1%. Esta decisión resulta especialmente insultante no caso de Vigo, a fábrica máis produtiva e eficiente do grupo, que o ano pasado bateu récords históricos de produción grazas ao esforzo continuado do seu persoal.

A situación da paga variable exemplifica á perfección esta estratexia de trasladar responsabilidades. O acordo asinado en 2023, que a CUT rexeitou por introducir cláusulas claramente discriminatorias, non cumpriu os seus propios obxectivos. En lugar de asumir os erros de planificación e xestión, a

dirección optou por sinalar á CUT e aos xulgados como responsables. Cómpre lembrar que a CUT gañou nos tribunais a anulación das cláusulas que reducíanna paga ás persoas en situación de incapacidade temporal, ao seren consideradas discriminación directa por razón de saúde na sentenza 633/2024 do Xulgado do Social nº 2 de Vigo, confirmada polo TSXG en 2025. O ano pasado, a empresa e os sindicatos asinantes (SIT, UGT e CC.OO) chegou a afirmar publicamente que a paga de beneficios non se cobrara por culpa da denuncia da CUT, cando a realidade era ben distinta: non existía fluxo de caixa libre que permitise o seu aboamento. Este ano, con decenas de miles de millóns en caixa, a pregunta é inevitable: a quen van culpar agora?

Máis aínda cando a propia empresa asegurou que, no caso de que a sentenza fose confirmada definitivamente, as regularizacións correspondentes ás persoas que estiveron de baixa en 2024 sairían da provisión da paga deste ano asignada ao centro de Vigo. Se agora non hai paga, de onde van saír eses cartos? De novo preténdese converter unha decisión xudicial que garante dereitos nun problema económico inventado.

Lonxe de corrixir esta situación, a dirección endureceu aínda máis as condicións do chamado “bonus discrecional” de 2025, que queda nun ridículo 1,53% do salario convenio a 31 de decembro de 2024, sen ter en conta o IPC do 2,8% de 2025 e descontando ademais 172 euros dun complemento de xubilación que xa era dereito adquirido. O resultado é unha paga media duns 328 euros brutos, mentres o CEO do grupo, Carlos Tavares, acumulou en 2024 unha retribución de 35,91 millóns de euros.

Todo isto prodúcese nun contexto no que a planta de Vigo volveu demostrar ser a máis produtiva do grupo, mantendo niveis récord de fabricación malia os continuos desvíos de produción a outras fábricas como Ellesmere Port, Mangualde, Tafraoui ou Tofas en Turquía, rompendo para a CUT compromisos industriais asociados a axudas públicas. O persoal responde con esforzos extraordinarios; a dirección responde con recortes, precarización e un reparto profundamente inxusto da riqueza.

A ofensiva contra a CUT non é nova nin casual: sancións por vulneración da liberdade sindical, condenas xudiciais e intentos reiterados de esquivar sentenzas mediante modificacións das condicións de traballo forman parte dun mesmo patrón. Con todo, o debate de fondo non é sindical, senón económico e social. Stellantis dispón de recursos máis que suficientes para garantir emprego estable, salarios dignos, unha paga variable sen discriminacións e un compromiso real coa planta de Vigo. O que falta non son cartos, senón vontade.

Basta xa de privatizar os beneficios e socializar os erros. Basta xa de buscar culpables externos para ocultar decisións empresariais inxustificables. A CUT seguirá defendendo os dereitos da clase traballadora nos xulgados, nas fábricas e na rúa. Este ano xa non vale culpar á CUT: os números falan sós.

Primer comentario

Deixa a túa opinión