Con só 35 anos, natural de Barcela e veciño de Arbo desde a súa mocidade, Diego Prieto foi elixido recentemente como candidato do BNG ás eleccións municipais de 2027. Operario de mantemento na industria metalgráfica e voceiro do BNG local. Prieto fainos balance da situación política e social do municipio e critica duramente a xestión do actual goberno local do PP, ao que acusa de falta de planificación, abandono das parroquias e desatención ás necesidades básicas da veciñanza.
“ O BNG de Arbo é a alternativa real ao PP, e nas municipais do 27 imos a por todas”
Queremos coñecerte un pouco mellor
Son natural da parroquia de Barcela, en Arbo. Vivín aquí, na casa dos meus avós ata os oito anos, despois fun vivir á parroquia de Arbo, onde sigo residindo a día de hoxe. Teño 35 anos e traballo como operario de mantemento na industria metalgráfica.
Vas ser o candidato do BNG á alcaldía de Arbo nas municipais do 27?
Si. Foi unha decisión tomada polos compañeiros e compañeiras do BNG de Arbo. No mes de abril celebramos unha asemblea para escoller candidatura e decidiron que dera o paso para encabezar o proxecto de cara ás municipais de 2027. Afróntoo con responsabilidade e tamén con ilusión, porque penso que Arbo necesita un cambio importante.
No actual mandato o BNG carece de representación na corporación de Arbo. Puidestes facer política extra municipal?
É complicado, porque desde o Concello non o poñen nada fácil. Presentamos escritos, propostas e iniciativas, pero practicamente nunca recibimos resposta por parte do goberno municipal. Aínda así, conseguimos facer política útil acompañando e defendendo problemas reais da veciñanza.
Un dos casos máis coñecidos foi o dunha familia afectada por inundacións tras unhas obras municipais.
Si, foi un caso moi duro. Unha familia cedeu terreos para ampliar unha rúa e, despois das obras, a súa casa comezou a sufrir filtracións de auga. Estiveron dous anos e medio convivindo con inundacións constantes dentro da vivenda. O máis grave foi que o alcalde non lles ofreceu ningún tipo de axuda nin de apoio.
Consideras que houbo neglixencia por parte do Concello?
Sen dúbida. Foi unha neglixencia clara. O alcalde limitouse a deixar pasar o tempo sen asumir responsabilidades nin buscar solucións. A única axuda que tivo esa familia chegou da man do BNG, acompañándoos e levando o caso ata o Parlamento galego.
Só neglixencia, ou tamén mala fe?
Mala fe penso que non. Este alcalde só se dedica ás súas cousas e calquera problema que lle dea traballo non o atende.
Finalmente conseguiuse solucionar o problema?
Por sorte, si. Grazas ao traballo realizado no Parlamento pola deputada do BNG Cristina Fernández, a Xunta acabou recoñecendo a súa responsabilidade e executando obras para resolver as filtracións. Primeiro fixeron unha intervención insuficiente, pero posteriormente acometeuse outra obra máis completa cunha drenaxe perimetral na vivenda. Este inverno, con varios episodios de fortes choivas, a casa non volveu inundarse.
Cales son os principais problemas e necesidades que ten Arbo?
En Arbohai unha sensación xeneralizada de abandono. As parroquias están moi descoidadas, con problemas constantes de limpeza, esta é inexistente tanto nas parroquias coma no centro. Beirarrúas cheas de maleza e escaso mantemento das estradas. A veciñanza quéixase continuamente do seu estado, da falta de roces e das dificultades para circular, ademais da falta de limpeza ata nos edificios municipais.
Propoñedes algunha solución a estes problemas?
Levamos tempo propoñendo un plan anual de limpeza, mantemento e roce das pistas municipais, organizado parroquia por parroquia e con prioridades definidas. O problema é que o goberno local non fai caso de ningunha proposta. Todo funciona con improvisación e sen planificación.
Algún problema máis a destacar da mala xestión do goberno municipal?
A situación das praias fluviais émoi preocupante. Arbo presume continuamente do río Miño e das súas praias fluviais como atractivo turístico, pero a realidade é que as tres zonas de baño do municipio teñen prohibición permanente para bañarse.
Coñécense os motivos desa prohibición?
No caso do río Deva é por contaminación, pero levamos tempo pedindo explicacións claras e estudos concretos e non recibimos respostas. O Concello e os organismos responsables limitáronse a prohibir o baño sen aclarar adecuadamente os motivos nin actuar para solucionar o problema.
Estamos falando dun dos grandes recursos naturais de Arbo. Temos unha contorna espectacular e única no río Miño, as pesqueiras , e está completamente abandonada. A xente segue indo igualmente porque o lugar é precioso, pero non se lle dá o coidado nin o mantemento que merece.
A principios de ano tamén demandabades medidas para garantir a salubridade da auga. Que pasa ou que pasou coa auga en Arbo?
Si. Houbo veciños que nos trasladaron problemas graves coa auga da traída. Falamos de auga que non se podía beber nin usar con normalidade para cociñar por presenza de E.Coli. Solicitamos análises, investigacións e medidas urxentes para garantir subministración segura ás vivendas afectadas, pero tampouco houbo resposta por parte do Concello.
Estamos falando dun problema de saúde da veciñanza de Arbo.
Exactamente. O preocupante é a sensación de pasividade absoluta por parte do goberno local
En Arbo dáse un caso inédito, creo que en todo o estado español: Unha lista supostamente independente, encabezada polo ex alcalde popular Manuel Rivera, acada un concelleiro nas eleccións do 23 e todos e cada un dos integrantes da lista renuncian ao posto que queda polo tanto baleiro. A lista de Rivera foi unha lista branca do propio PP para restarlle votos a AGRELAR?
Eu non o creo, de cara a galería parece que Rivera está en desacordo co novo alcalde do PP e como leva o municipio. Por iso montou esta lista alternativa co único propósito de sacarlle a alcaldía a Horacio apoiando a lista de AGRELAR, ao non conseguilo retirouse con toda a lista e quedou o sitio baleiro.
Como valoras a xestión do actual alcalde do Partido Popular, Horacio Gil?
Creo que a palabra máis adecuada para describilo é improvisación. Non hai planificación nin proxecto de futuro. Todo se fai tarde, correndo e sen rematar as cousas. Hai obras eternas, promesas incumpridas e unha sensación constante de abandono.
Ponme exemplos?
Levan anos prometendo unha residencia para maiores. Tamén hai proxectos paralizados como o traslado do Punto de Atención á Infancia ou estradas que pasan anos en obras, como a da parroquia de Cela que leva doce anos sen rematarse. Todo queda a medias. Acabamos de mandar un escrito para o arranxo da estrada que vai desde a Vila a Paravedra, este tramo de varios quilómetros necesita intervención urxente, polo que tampouco obtivemos resposta.
Que necesita Arbo actualmente?
Necesita dinamización e un proxecto de futuro. É un concello cun enorme potencial, pero está parado. A maioría da xente ten que marchar traballar fóra porque aquí non hai oportunidades nin políticas para atraer actividade económica ou ocio. Arbo, cos anos, en vez de ir gañando poboación nova, vaina perdendo. O tema da vivenda, esta case paralizado tamén.
Fálame deste problema , cantos anos levades con mesmo PXOM?
Levamos máis de vinte anos co mesmo plan urbanístico e non se están dando pasos suficientes para facilitar acceso á vivenda ou atraer nova poboación. Hai que actualizar a planificación urbanística e pensar no futuro do municipio.
Cal é a opinión do BNG acerca da futura arquitectura da corporación de Arbo? Tenderase a unha bipolaridade PP/BNG?
A día de hoxe todo apunta a unha bipolaridade entre PP e BNG. O espazo de Agrelar foi perdendo forza nos últimos anos e parece difícil que recupere o peso que tivo noutras etapas.
Ninguén discute que o BNG vai entrar con forza na seguinte corporación. Pero: Cales son as vosas expectativas realistas para as municipais do 27? e con que número de concelleiros e concelleiras daríaste por satisfeito?
Nós imos a por todas, somos a alternativa real ao PP e non nos pomos ningún tipo de límite. Queremos construír unha alternativa seria, próxima á veciñanza e centrada nos problemas reais de Arbo. O importante é que a xente vexa que hai outra maneira de facer política: escoitando, traballando e planificando o futuro do concello.
Cales serían as principais liñas de actuación do BNG no caso de que chegarades a gobernar Arbo?
O primeiro sería actuar no inmediato: A limpeza e roce tanto do centro coma das parroquias, isto sería fácil de resolver e de poder cumprir. Intentar rematar todo o que quedou atrás polo desleixo do goberno actual. Darlle solucións as necesidades de cada parroquia, ao problema da traída de auga e da depuradora. A auga chega contaminada aos nosos ríos onde se pesca a lamprea e onde temos as praias fluviais que non están aptas para o baño, e desde logo que as políticas de vivenda serían prioritarias nun goberno BNG.


