Manoel Ucha, Ponteareas en Común.

Ponteareas en Común é un espazo político nacido no 2023 co obxectivo de recuperar a representación daquelas xentes que queremos unha esquerda á esquerda en Ponteareas. Nace no 2023 pero foi cultivada con moita paciencia e conciencia durante décadas por militantes e organizacións de esquerdas.

A nosa intención foi dende un principio a de abrir debates e propostas políticas esquecidas na nosa vila. PeC medra froito do que chamamos a “política do caracol”, entendendo que os procesos de transformación deben mirar lonxe e non ao seguinte proceso electoral. As xentes de PeC pertencemos ás rúas, aos movementos sociais, culturais e veciñais, non somos, nin queremos ser, profesionais da política. O outro día preguntábanme por que hai que apostar por PeC? A resposta é complexa, é lexítimo votar a calquera outra forza política, pero penso que PeC ten algo que ningunha outra ten e que se articula en tres ideas: recuperar a ilusión na política, recuperar a soberanía e activar procesos de participación directa.

A ilusión de facer política

Durante moitos anos negóusenos a posibilidade de facer política, de decidir colectivamente, de asociarnos e participar activamente na toma de decisións que afectaban ao día a día das nosas vidas. Nos anos 70, coa caída da ditadura franquista, abriuse un proceso de participación sen precedentes, aparecía o asociacionismo, os partidos políticos e a ilusión por transformar as nosas vilas e comunidades. O municipalismo tivo un papel clave neses procesos. Desgraciadamente o neoliberalismo social foi dilapidando iso, fomentando o individualismo e atomizando as loitas. Neste momento de auxe da estrema dereita é fundamental un municipalismo de esquerdas que faga fronte, dende o concreto, ao neofascismo. Por que non combater ese discurso ultra cun saneamento, coidados, infraestruturas e servizos públicos de calidade? A xente está cansa dos discursos moralistas da esquerda e da política do medo e queren materializar as ideas, poder soñar cunha vida mellor. Como dicía Gramsci, “pesimismo da intelixencia, optimismo da vontade”.

A xente con máis experiencia de Ponteareas bota de menos iso, bota de menos ver militantes de esquerdas colgadas das árbores da Feira Vella para salvalas da especulación urbanística, ás xentes de Canedo co burro na rotonda, á “Calle de Abaixo” liderando as manifestacións para salvar o Regato da Venda, ás familias do Pedra da Auga subidas no tellado do instituto ou á cidadanía loitando por pechar un vertedoiro ilegal. Iso pasaba en Ponteareas, e hai movemento asociativo para que siga pasando. Recuperar a rúa para activar a verdadeira democracia. Que a administración local fomente, colabore e estea nese lado é fundamental. PeC chegou para isto, para intentalo, para sumar nese proceso. Con humildade e xenerosidade. Con optimismo.

PeC ten a enerxía que aporta a xuventude mesturada coa certeza transformadora que aporta a experiencia. Cremos que hai moita xente que desexaba isto: un acordo interxeneracional das xentes comprometidas.

Por outra banda, hai moita xente nacionalista ou socialdemócrata, é dicir, votantes do BNG ou do PSOE, que se alegran de que esteamos activas. A quen temos cabreados é á xente de dereitas porque intentamos visibilizar que ser racista, machista ou clasista non é o correcto. Sen medo, con valentía. Os dereitos humanos non son negociables. Que volva dar vergoña ser facha. Iso tamén é PeC.

Recuperar a xestión directa dos servizos públicos

Ponteareas ten privatizado o SAF (Servizo de Axuda no Fogar), a recollida do lixo e punto limpo, a xestión da auga e outros moitos servizos. Condicionamos unha porcentaxe elevadísima dos orzamentos para continuar enchendo de beneficios a multinacionais que non teñen ningún interese no benestar da nosa vila. Dicímolo claro, sen escondernos: queremos recuperar a soberanía dos servizos públicos, queremos xestionalos de forma directa para garantir a súa eficiencia e a xustiza social. Sabemos que é complexo, que van intentar derrubar calquera proxecto de transformación nesta liña. Tamén queremos normalizar a vivenda pública como unha competencia municipal. Por iso cabreamos á dereita, porque non escondemos o que queremos.

Participación directa

Existe democracia sen participación directa? É posible unha democracia votando só cada catro anos? Nós pensamos que non. Estamos fartas de escoitar promesas incumpridas e modelos de comunicación política que fomentan a desafección. PeC quere gobernar para que a xente sexamos goberno e tomemos a decisións mediante a participación directa: orzamentos participativos, proxectos axustados ás necesidades dos barrios e das parroquias, democratizar o acceso aos servizos básicos como o saneamento o os coidados, etc. E iso só é posible fuxindo do caciquismo e da propaganda, activando mecanismos que garantan a toma de decisión colectiva.

Finalizo como comezaba, por que apostar por PeC? por que non?