No interior da provincia de Pontevedra, na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, este concello de 167,7 quilómetros cadrados esténdese por un territorio eminentemente montañoso, verde e pouco amigo das présas. É unha terra de bosques e vales, pero tamén de historia.

Forcarei é terra de nacemento de ríos como o Lérez, o Umia e o Verdugo. É terra de camiños que desde antigo comunicaron Portugal con Compostela. É terra de mámoas, castros, igrexas, cruceiros, pontes e muíños. E tamén é terra de cultura, de memoria e de nomes propios: Avelino Cachafeiro, Chano Piñeiro ou Virxilio Viéitez son algúns dos grandes protagonistas dunha historia cultural que naceu nestas montañas.

Son trece parroquias —Meavía, Suintillán, Aciveiro, Pereira, Dúas Igrexas, Castrelo, Millerada, Ventoxo, Madalena, San Miguel de Presqueiras, Pardesoa, Santa Mariña de Presqueiras e Forcarei— e en todas elas hai algo que mirar. E talvez aí estea unha das principais riquezas de Forcarei: non é un lugar para visitar correndo. É un lugar para ir descubrindo.

A auga:

Se hai un elemento capaz de unir boa parte da paisaxe de Forcarei ese é a auga.

O río Lérez nace no monte de San Bieito, na serra do Candán, en Aciveiro. O Umia ten a súa cabeceira nas proximidades de Reigosa, na parroquia de Pereira, e o Verdugo nace en Cernadelos, en Presqueiras, a 760 metros de altitude. Os tres forman parte dunha rede fluvial que explica boa parte da riqueza natural do concello.

E cando a auga baixa polos montes, a paisaxe cambia. Aparecen fervenzas, regatos, pozas e antigos muíños.

Un dos lugares que mellor resume esta relación coa natureza é a Freixa de Chamosa. O pequeno arroio do Outeiro da Cruz, afluente do río Sorribas e este, á súa vez, do Lérez, precipítase por un estreito val formando varias fervenzas de diferentes tamaños. Ao seu redor aparecen pozas, muíños e lavadoiros.

Tamén na Graña, en Madalena, podemos atopar outra fervenza nun contorno no que sobreviven os restos dunha presa e dun antigo pantano, ademais dunha alvariza. E para quen prefira contemplar a paisaxe desde as alturas, o territorio ofrece puntos como o Miradoiro do Castelo ou o Outeiro do Coto, que alcanza os 1.014 metros de altitude.

Unha terra de miles de anos de historia:

Pero Forcarei non se entende só mirando a paisaxe. Hai que mirar tamén cara ao chan.

As mámoas e os restos megalíticos espállanse por diferentes puntos do concello e lembran que estas montañas estaban habitadas moito antes de que existisen as parroquias, as estradas ou as actuais aldeas.

En Meavía atópase a Mámoa de Boi Morto, nos límites cos concellos da Estrada e Silleda, xunto aos vestixios dunha vía secundaria romana. En Aciveiro, a serra do Candán conserva restos de diferentes mámoas nos lugares de Porto Fieiro, Olleiros, Porto Tixoa, A Lagoa e Campo da Serra.

En Castrelo a concentración de vestixios é especialmente significativa. No Campo das Antas, nas inmediacións do lugar da Mámoa, consérvanse máis de vinte enterramentos situados aos lados do antigo camiño do Vreeiro, integrado no Camiño da Geira e dos Arrieiros.

Porque estes camiños tamén son historia. O Camiño da Geira e dos Arrieiros e o Camiño Miñoto-Ribeiro atravesan Forcarei na súa conexión entre o norte de Portugal e Santiago de Compostela. Por eles circularon durante séculos persoas, mercadorías e, de maneira especial, os arrieiros que transportaban o viño do Ribeiro cara a Compostela.

Hoxe aqueles camiños poden converterse nunha magnífica maneira de coñecer o concello. Camiñar por eles é percorrer, literalmente, parte da historia de Galicia.

A pegada dos castros:

A cultura castrexa tamén deixou unha pegada importante.

En Dúas Igrexas atopamos o castro de Loureiro, cun antecastro perfectamente definido e importantes muros defensivos. O lugar está ademais acompañado por unha das lendas máis fermosas do patrimonio inmaterial de Forcarei: a da Loureiriña, a misteriosa ninfa loira que, segundo a tradición, se bañaba nas proximidades da primitiva ponte do Crego e aparecía ante quen por alí pasaba.

En Millerada aparecen outros dous exemplos destacados: o castro das Rodeiras, nas inmediacións de Garellas, que conserva as defensas de todo o recinto e no que se atoparon restos de antigas vivendas, e o castro da Mouteira, en Fixó, de planta circular, con foso e antecastro.

E en Madalena atopamos o castro de Sanguñedo, de forma case elíptica e con importantes fortificacións anexas. A visita pode completarse achegándose ao Centro Etnográfico da Terra de Montes, onde se conserva unha colección de pezas relacionadas coa vida doméstica, os oficios, a labranza e a emigración.

Aciveiro, una xoia patrimonial:

E se hai un lugar no que historia, paisaxe e patrimonio se dan a man, ese é Aciveiro.

O Mosteiro de Santa María de Aciveiro é unha das grandes xoias patrimoniais de Forcarei. De orixe cisterciense, foi fundado en 1135 e durante séculos funcionou como centro da vida agrícola, comercial e artesanal da contorna. A súa actividade prolongouse ata a desamortización de 1835. Está considerado Monumento Histórico-Artístico desde 1931 e ten actualmente a consideración de Ben de Interese Cultural.

Pero Aciveiro é moito máis có seu mosteiro. A serra do Candán, as mámoas, os antigos camiños e os espazos naturais forman un conxunto que permite comprender a importancia que este territorio tivo ao longo dos séculos.

As pedras tamén contan a historias deste pobo:

En Presqueiras, os restos da Torre-fortaleza medieval de Montes lembran outro capítulo fundamental da historia da Terra de Montes.

A fortaleza foi residencia dos Xuíces-meriños e centro administrativo e xudicial ata o seu derrubamento, arredor de 1467. Chegou a ser un dos castelos máis destacados da provincia de Pontevedra e algúns historiadores sitúano como centro xeográfico e político da Terra de Montes.

Preto dela, o Outeiro do Coto elévase ata os 1.014 metros. E nas inmediacións aparecen tamén as insculturas do Outeiro das Cruces e da Laxe das Buratas. Esta última está catalogada como Ben de Interese Cultural e conserva dezaoito signos cruciformes de diferentes tamaños nunha superficie de sete metros.

En Pardesoa, no monte Costoia, atopáronse tamén restos vinculados á cultura dolménica, entre eles un ídolo de pedra e unha machadiña de pedra pulida. Preto deste lugar sobreviven os restos dunha antiga neveira relacionada co mosteiro de Aciveiro.

O xeo, os muíños e a vida de antes:

Hai elementos do patrimonio de Forcarei que poden resultar especialmente sorprendentes para quen chega por primeira vez.

É o caso das Neveiras de Fixó. Situadas a uns 800 metros de altitude, están vinculadas ao mosteiro de Aciveiro. Son dúas grandes pozas de catro metros de profundidade e seis de anchura. Alí se almacenaba o xeo que posteriormente era empregado para conservar carne, arrefriar bebidas ou para usos medicinais. Aínda se conserva a casa do Neveiro, vinculada á xestión e venda do xeo.

Ou o caso dos muíños de Ventoxo.

Na beira do río atopamos a antiga ponte da Bouzada, ou Ponte Vella, de comezos do século XVIII. Ao seu redor chegaron a funcionar ata oito muíños. Hoxe quedan catro: o Muíño de Baixo, o Muíño do Chocolateiro, o Muíño da Chousa e o Muíño do Rato.

Son pequenas pezas dun pasado non tan afastado no tempo, pero que xa forma parte da memoria da xente maior, as últimas testemuñas da vida que xiraba ao redor dos muíños.

A terra dos gaiteiros:

E falar de Forcarei é falar tamén de cultura.

En Soutelo de Montes, o monumento aos Gaiteiros e, especialmente, a figura de Avelino Cachafeiro Bugallo, o Gaiteiro de Soutelo, ocupan un lugar destacado na vila. A praza dedicada aos Gaiteiros, no centro do núcleo urbano, lembra a figura deste músico fundamental da tradición galega. Nas proximidades pódese contemplar tamén un mapa da Terra de Montes tallado en pedra pola Escola de Canteiros, así como varios petos de ánimas do século XIX.

Avelino Cachafeiro non é, con todo, a única figura cultural que conecta Forcarei coa historia recente de Galicia. O cineasta Chano Piñeiro e o fotógrafo Virxilio Vieitez son outros dous nomes fundamentais nacidos neste concello.

E aí está outra das singularidades desta terra: nun concello de interior, rural e montañoso, a pegada cultural transcende con moito os seus límites.

Mirar ao ceo:

Forcarei ten tamén unha proposta diferente. Non só hai que mirar cara o chan para ver as pedras, nin ao redor para ver a paisaxe, senón tamén hai que mirar cara o ceo. Para quen queira cambiar os castros e os camiños pola observación das estrelas, o Observatorio Astronómico ofrece visitas guiadas nas que é posible acceder á cúpula e ao telescopio e achegarse ao coñecemento de constelacións, planetas e nebulosas.

E para quen busque unha actividade de lecer máis trepidante, na parroquia de Madalena existe tamén o circuíto de Karting, outra opción dentro dunha oferta que vai moito máis alá do turismo tradicional.

Un lugar para ir sen présa:

Quizais o mellor que se pode dicir de Forcarei é que non é un concello para coñecer dunha soa ollada.

Hai que percorrelo.

Hai que baixar ata os ríos e subir aos montes. Pararse diante dunha ponte. Buscar os restos dun castro. Achegarse ao mosteiro de Aciveiro. Seguir un vello camiño de arrieiros. Escoitar a historia da Loureiriña. Mirar unha fervenza. Descubrir unha mámoa. Entrar nun espazo etnográfico. E, cando cae a noite, levantar a vista cara ao ceo.

Porque detrás de cada un deses lugares hai unha historia.

Forcarei conserva unha parte desa Galicia interior que ás veces parece quedar agochada detrás das grandes rutas turísticas. Unha Galicia de montes e aldeas, de pedra e auga, de lendas e memoria. Un territorio no que o patrimonio non está concentrado nun único monumento, senón repartido por todo o concello, formando unha paisaxe cultural que merece ser coñecida.