O Cole Pena de Francia vive semanas de mobilización e preocupación. As familias están fartas de reclamar solucións para problemas que consideran fundamentais: a falta de persoal para atender adecuadamente o alumnado e unhas instalacións deportivas que, tras unhas obras realizadas polo Concello, acabaron clausuradas despois de numerosas caídas e lesións infantís. Dous conflitos diferentes, con dúas administracións responsables, pero cunha mesma comunidade educativa que reclama ser escoitada. Falamos con Belén Sío Pereira, presidenta da ANPA, para coñecer os detalles dunha situación perigosa para as crianzas deste colexio.
Belén Sío Pereira, presidenta da ANPA
«Non queremos protestar por protestar; queremos que os nosos nenos e nenas estean ben atendidos e poidan xogar con seguridade»
Belén, o pasado 4 de novembro protagonizastes unha concentración diante do colexio. Que vos levou a mobilizarvos?
Esta concentración foi convocada para denunciar os recortes de persoal docente da Xunta. A mobilización foi solicitada pola maioría das familias socias da ANPA, arredor do 90 %, na reunión celebrada o 2 de outubro. Todas as actuación que desenvolve a ANPA son votadas nas asembleas de socios e socias.
A situación do centro é preocupante. Temos unha orientadora compartida con outro colexio e arredor de 200 alumnos e alumnas. Entre eles hai nenos e nenas que precisan valoración e atención. É evidente que unha profesional que non está a xornada completa no noso centro non pode atender todas esas necesidades.. Non lle dá tempo material.
Que reclamades para solucionar este problema ?
Unha orientadora a tempo completo. Consideramos que cada centro debería contar cunha profesional propia e que a dotación debería adaptarse ao volume de alumnado.
Pero non é a única carencia. En Educación Infantil temos catro aulas e 44 nenos e nenas, e carecemos da mestra de apoio coa que contabamos outros anos. É un recurso imprescindible para resolver situacións cotiás: un neno que cae, outro que precisa ir ao baño ou unha docente que ten que ausentarse. Agora temos que recorrer a profesorado de Primaria para cubrir esas necesidades.
A maiores, precisamos reforzar os recursos de Pedagoxía Terapéutica e contar cunha segunda coidadora. Actualmente temos unha, pero hai alumnado que precisa unha atención moi continuada.
Trasladastes estas demandas á Administración antes de saír á rúa?
Por suposto. Desde o comezo do curso mantemos comunicación coa dirección do centro e presentamos dous escritos á Xunta: un reclamando unha orientadora a tempo completo e outro solicitando a mestra de apoio para Infantil. Non obtivemos resposta. Por iso os socios e socias decidiron mobilizarse.
A concentración realizouse ás nove da mañá para dar visibilidade ao malestar das familias. Uns 65 alumnos e alumnas chegaron tarde ese día, provocando unha incidencia colectiva de puntualidade que pretendía chamar a atención da Administración e da Inspección Educativa.
E tedes comunicación e relación directa coa dirección e profesorado do centro para trasladarlles as vosas inquedanzas?
Existe unha comunicación directa coa dirección.
Paralelamente a este conflito coa Xunta, xurdiu outro co Concello polas novas pistas deportivas. Como comezou?
O proxecto naceu en xuño, no marco das actividades polo 50 aniversario do colexio. A idea era recuperar unha zona do patio, que estaba cuberta de grava, e construír unha pista de atletismo. Era unha proposta compartida polo equipo directivo, o Concello e a ANPA.
Cómpre explicar tamén que as familias levamos anos traballando para mellorar o centro. O ano pasado pintamos as gradas e contratamos, cos fondos da asociación, un mural dedicado a Rosalía de Castro. Este verán reformamos o comedor para solucionar os problemas de ruído que padecía o alumnado: cambiamos o teito, pintamos e adquirimos mobiliario novo. Tamén pintamos outros muros e melloramos diferentes espazos. Todo iso coas achegas das familias, os recursos da asociación e o noso propio traballo durante as vacacións.
O mantemento ordinario, porén, corresponde ao Concello. E temos moitas deficiencias: tubaxes que desprenden cheiros, paredes deterioradas, problemas de pintura e falta de mantemento continuado. Cada verán temos que insistir para que o colexio estea en condicións ao comezo das clases. Mesmo o cartel co nome do centro foron pagado e pintado pola ANPA.
E que pasou coa obra das pistas?
As obras comezaron a finais de agosto, poucas semanas antes do inicio do curso. Para construír a pista houbo que trasladar o patio de Infantil a outro espazo, mantendo separados os pequenos e o alumnado de Primaria. O Concello moveu os elementos existentes e incorporou algún novo, como un areeiro e unha estrutura para escalar.
O problema foi a execución da pista. A superficie presentaba deficiencias e non contaba cun sistema de drenaxe adecuado. Cando chovía, a auga acumulábase ata chegar aos nocellos nalgunhas zonas. Avisamos reiteradamente de que aquilo non estaba ben, mediante chamadas e mensaxes, pero non se solucionou antes do inicio das clases.
O primeiro día lectivo, o 9 de setembro, unha nena esvarou e tivo que recibir varios puntos de sutura no queixo. Comunicamos o sucedido e a solución foi botar máis grava, pero o problema persistiu. O firme segue sendo esvaradío e dispoñemos dun informe técnico que sinala deficiencias na execución. Tamén apunta a ausencia de elementos necesarios para evitar os riscos derivados das caídas.
A drenaxe é outro problema importante. As canalizacións e os desaugadoiros non ofrecen garantías suficientes e a auga acaba dirixíndose cara ás zonas onde xogan os nenos. Non podemos ter un patio que queda inutilizado cada vez que hai precipitacións.
Como e cando iniciastes as protestas para que o Concello actúe para arranxar o estado da pista?
O 22 de setembro as familias recolleron sinaturas. Posteriormente, xuntamos esas peticións co informe técnico e presentamos un escrito a través da sede electrónica municipal. Non obtivemos resposta. Tamén falamos reiteradamente coa Concellería de Educación e trasladamos directamente o problema á alcaldesa.
A situación agravouse o 30 de outubro, cando seis nenos e nenas sufriron caídas con distintas lesións. As fotografías foron remitidas á Concellería tanto pola ANPA como polo propio colexio.
Esa mesma tarde, coincidindo cunha actividade organizada pola ANPA, acudiron ao centro responsables municipais, entre eles a concelleira de Educación e o tenente de alcalde, ademais de persoal de Emerxencias e da Policía Local. A decisión foi valar e clausurar toda a zona nova da pista, impedindo o acceso.
Que supón ese peche para os nenos e nenas?
Supón perder unha parte moi importante do patio. Temos unhas instalacións grandes, pero iso non significa que dispoñamos de espazos suficientes. Contamos cun patio cuberto pequeno, no que caben 50 nenos e nenas, e tamén temos o pavillón, pero o alumnado non quere xogar alí porque o pavimento é esvaradío.
O que máis nos indigna é que levabamos meses advertindo de que a pista non estaba ben. Non se actuou cando tocaba e tiveron que producirse varias caídas para chegar á clausura.
Como valoras a relación actual co Goberno municipal?
Ata que o problema transcendeu publicamente, a relación era cordial, aínda que levabamos tempo trasladando as deficiencias sen conseguir solucións. A repercusión nos medios fixo que a situación se tensase un pouco, polo menos eu sinto que está tensa. Nós non buscamos un enfrontamento co Concello. Queremos que se arranxe a pista e que os nenos e nenas poidan xogar sen risco.
Que actuacións tedes pensado seguir se o problema non se arranxa?
Non queremos protestar por protestar; queremos que os nosos nenos e nenas estean ben atendidos e poidan xogar con seguridade. Dependo de como se presenten os acontecementos, serán as familias en asemblea as que decidan os seguintes pasos a levar a cabo.
Recibistes apoio de fóra da comunidade educativa para darlle solución a estes problemas?
O PSOE e o BNG amosaron o seu apoio e estiveron na concentración do día 4. Tamén se puxo en contacto connosco outra formación, UCIN. O BNG ofreceuse, ademais, a promover unha moción ou solicitar un pleno extraordinario para abordar esta situación.
De momento preferimos agardar a ver se a solución que propón o Concello non se demora. A posibilidade de levar o asunto a un pleno ou presentar unha moción tamén terá que ser valorada e aprobada polos socios e socias ou pola directiva do centro.
Esperades conseguir con estas actuacións que tanto a Xunta como o Concello solucionen as vosas peticións?
Non queremos entrar en conflitos coas administracións. Queremos solucións. Queremos que a Xunta dote o colexio do persoal necesario para atender adecuadamente todo o alumnado e que o Concello arranxe as pistas e garanta a seguridade das instalacións.
O mínimo que podemos esixir é que as administracións cumpran coas súas responsabilidades. Se hai vontade de solucionar os problemas, nós estaremos dispostos a colaborar sempre.


