O Porriño: O Noso Encontro

O goberno municipal leva a pleno a súa proposta de orzamentos para o que resta de exercicio
Alejandro Lorenzo: Alcalde de O Porriño

O 25 de xullo, Día de Galicia, é o símbolo indiscutible do noso recoñecemento a eses homes e mulleres que escribiron xuntos/as unha fermosa historia de superación e loita. Un día de recoñecemento a un pasado de traballo e sacrificio, de compromiso cun presente de éxito compartido e un día para celebrar a certeza dun futuro sen límites coñecidos.

Ese pasado que di quen somos , xente nobre e traballadora que sacou adiante ás súas familias

deixando o seu suor sobre pedras rosas, xente festeira que celebra vida, xente culta que deixou a súa pegada no mundo, mestres que nos marcaron o camiño, doutores que coidaron das nosas vidas… pero sobre todo, persoas que co seu talento, esforzo e vontade puxeron os alicerces do Porriño que somos. Da Galicia que somos.

Ese presente orgulloso que presume dos pequenos e maiores, do seu músculo industrial, dos seus deportistas, de tantos e tantas heroes da vida, das oportunidades que ofrece á xente nova e de ser o lugar de calma e reposo para quen xa precisa descansar.

Porque somos un pobo pensado para vivilo con ledicia, con espazos creados para o lecer. Un pobo no que sentarnos na praza, ao carón de Don Antonio, e facernos unha foto con él, treparlle por riba se es un pícaro, ou contarlle esas pequenas cousas do día a día que todos levamos por dentro.

Ese lugar onde conflúen de maneira natural e sorprendente a innovación e a industria co Camiño de Santiago, ese camiño cheo de historia que ven de lonxe traendo xentes doutras terras e doutras culturas.

Pero sen dúbida o que máis nos enorgullece é o noso futuro .Ese que aínda non chegou pero xa podemos albiscar. Entre todos construiremos ese lugar especial que desexamos para os nosos fillos e fillas, ese onde interactúen as diferentes xeracións poñendo en valor a herdanza dese pasado, recoñecendo o traballo feito e sabendo que o mellor aínda está por vir.

Porque xuntos/as somos quen de empregar a nosa pedra para construír pontes, que traerán novas xentes, familias que farán da nosa vila a súa e que estarán orgullosos de ser porriñeses. De ser galegos.

O Porriño é sen dúbida, un bo reflexo desa Galicia forte, decidida e orgullosa de ser quen é.

Feliz día de Galicia a todas e todos!