
Unha das diferenzas máis relevantes entre as persoas maduras e as que non o son, ben sexa porque non alcanzaron aínda a idade biolóxica para poder madurar ben sexa porque nunca o van facer, está en que as primeiras afrontan os problemas de maneira realista, por terribles que estes sexan, mentres que as segundas escapan deles, dulcifícanos ou agóchanos.
O paso inicial e imprescindible para poder solucionar algún problema , se en verdade existe vontade real de arranxalo, é identificalo con claridade nidia. Por exemplo; unha persoa que padeza ludomanía non poderá escapar da súa adicción ao xogo se non asume que ten ese problema, unha persoa que sexa adicta a calquera droga non poderá ser libre ata que non interiorice que é drogadicta.
Unha vez teñamos identificado o problema cómpre valorar a súa gravidade da maneira máis rigorosa posible para podermos aplicar a solución máis adecuada, se aínda existise a posibilidade real de solucionalo. Canto máis grave sexa a situación do problema que teñamos entre mans, máis complicada e difícil será a terapia que sexa necesario aplicar. Repito: se existe a honestidade necesaria para identificar o problema, e se hai unha vontade real para tratar de arranxalo , que aí está, creo eu, o problema real do caso que nos atinxe.
Se se dese o caso de que tiveramos fortes dores de cabeza e despois das pertinentes análises se nos diagnosticase que padecemos un tumor cerebral, que inevitablemente acabará por ser a causa da nosa morte, que pensariamos se a solución que se nos propón consiste en procurar un consenso entre o tumor e o cerebro para que cada un ocupe o seu espazo de maneira cordial e harmónica?
A resposta é moi doada: pensariamos que o terapeuta debe de dedicarse a outra cousa. Desde logo que quen apostase por esa disparatada forma de afrontar a enfermidade non é o responsable da aparición do tumor, pero a súa irresponsabilidade, á hora de identificar o mal, e a súa neglixencia para tratar de solucionalo ten moito que ver na nosa próxima e irremediable morte.
Nesa fase estamos no momento presente no que se refire ao idioma galego, a única lingua propia de Galicia. A terrible realidade dos datos de uso que ven de facer públicos o Instituto Galego de Estatística pono na situación que “os radicais catastrofistas “vimos denunciando desde hai moito tempo: A presión diglósica do idioma castelán acabará máis pronto que tarde coa morte dun idioma milenario, o noso. E os responsables da Xunta falan de pactos, acordos e consensos.
Os datos son os que son:
-Por primeira vez en máis de mil anos o galego non é a lingua máis falada de Galicia. A porcentaxe das persoas que o utilizamos habitualmente baixou en tan só 5 anos máis de 6 puntos: do 51,88% no ano 2018 ao 45,51% no 2023. Si, é terrible, pero é a realidade: 6 puntos en 5 anos. Seguindo con esa progresión nunha soa xeración o uso do galego en Galicia será residual, anecdótico, practicamente ornamental.
-Nestes cinco anos que abrangue a última enquisa sobre usos lingüísticos divulgada polo IGE( lembremos que o IGE é un instituto oficial da propia Xunta que só opera con criterios técnicos, non é ningún colectivo que obedeza a algún tipo de motivación política)observamos tamén que o monolingüismo en castelán ascende 10 puntos en tan curto período de tempo. Desde o 19,56% que o practicaban no ano 18 ao 29,20% que o exercen no ano 23.
-E por último, para non aburrirlles con datos e máis datos amigas e amigos, ofrecemos os números referentes aos usos lingüísticos nas persoas máis novas. Neste caso as cifras son estarrecedoras e amosan sen ningún xénero de dúbidas que a cadea de transmisión xeracional está rota. Hai 20 anos a porcentaxe de persoas entre 5 e 14 anos que empregaban habitualmente o idioma galego estaba en torno ao 40%, na enquisa do ano 18 as cifras baixaron ata o 26,12% e os últimos datos que se veñen de facer públicos, os do 2023, rebaixan o número de galegos e galegas de entre 5 e 14 anos que se expresan habitualmente no idioma galego ao 16,19%.
Cun 16% de nenos e nenas que se expresan habitualmente en idioma galego, este está irremediablemente condenado a morte. Con esas porcentaxes ridículas de uso, nunha soa xeración, cando eses nenos e nenas sexan homes e mulleres, un idioma de máis de mil anos morrerá, quedará reducido a unha lingua de uso puramente ornamental e académico. Exactamente igual que aconteceu co latín.
Se observamos as declaracións que os responsables( máis ben irresponsables) que dirixen a política lingüística do goberno galego ofrecen ao respecto destes datos vemos que tiran pos dúas vías:
1) Facer responsables da situación ás persoas emigrantes.
2)Agochar a realidade do problema amosando os datos de coñecemento e comprensión lingüística. Esta forma de escapar da situación real é especialmente indignante, porque tanto Anxo Lorenzo, como Valentín García saben perfectamente que nada importa que máis do 90% da poboación comprenda o noso idioma se só o usan un 16% de nenos e de nenas. Un idioma vive se se usa, e morre se non se usa, é así de sinxelo.
A situación é gravísima?, si sen dúbida. É irreversible? Creo que aínda non. Pero para que exista unha mínima posibilidade de que non o sexa é imprescindible:
-Mudar 180 graos a política lingüística do goberno galego, porque a Xunta de Galicia nin ten a honestidade necesaria para recoñecer a gravidade do problema, nin parece ter( vou ser xeneroso) a vontade real de regular para tratar de arranxalo. É necesario lexislar xa, e regular sen medo e sen matices en defensa do idioma galego.
E é necesario facelo porque cando unha lingua morre, desaparece un anaco da riqueza da humanidade, pérdese diversidade cultural, e coñecemento sobre ecosistemas, organizacións espaciais, temporais e compresión do mundo.
Se o galego morre, desaparecen as folerpas,os axóuxeres , os aloumiños, a carraxe, a xenreira e o agarimo. Se o galego desaparece acábanse os soutos e as chorimas , co idioma morren para sempre os nosos devanceiros que amaron, sufriron, choraron, viviron e morreron en galego. Se o galego se acaba tamén morre un pouco de cada un de nós.
É unha obriga moral de todos os que nos sentimos afectivamente comprometidos co idioma galego, convencer a máis e máis persoas de que o amor ao noso idioma é o amor á humanidade: plural, diversa e libre.
