Tras a asemblea realizada o 15/10/2024 os e as empregadas públicas do Concello de Redondela decidiron en votación por maioría, emprender unha serie de actuacións para denunciar e mostrar a súa preocupación pola deriva que están a tomar os acontecementos.
O Comité de empresa en reunión extraordinaria do 23/10/2024, entre outras medidas decidiu publicar esta nota de prensa.
Ao longo destes anos vimos denunciando a falta de persoal. Lembrar que todos e cada un dos postos de traballo do Concello teñen unha partida económica reservada para pagar o salario de todo o ano. Pois ben, este goberno se empeña en manter ano tras ano unha media de vinte postos de traballo vacantes, co prexuízo que isto ten tanto para a atención e a solución de problemas á veciñanza, como para o seu propio desenvolvemento e defensa dos seus intereses.
Os vehículos e algúns equipos de traballo caen a cachos, os vehículos de Obras e do Servizo de Emerxencias, son moi antigos e non saen do taller, algúns deles xa teñen protagonizado algunha incidencia polo seu mal estado pero este Goberno non o toma en serio e non fan practicamente nada por reverter esta situación. O feito de non ter uns equipos de traballo en condicións retarda o traballo, supón un esforzo extra e pon en perigo a seguridade dos/das traballadoras.
Estamos nun punto onde o Goberno deste Concello intenta negarnos as mudas anuais de roupa de traballo, algo que non lembran nin as persoas máis veteranas. A Concelleira de Persoal, chega ao punto de ameazarnos de forma velada, con non cumprir un acordo ao que chegamos anos atrás para a mellora do vestiario se esiximos a entrega da roupa anual. Esta roupa a levamos solicitando dende o mes de febreiro polo que non hai escusa que xustifique o desleixo.
Parece que a intención do Goberno é facer Esmorecer estes servizos públicos coa intención de privatizalos pero como se pode ver coas privatizacións que xa está levando a cabo, as facturas se multiplican e o Concello se arruína. Fálase de remunicipalizar servizos e nin sequera son quen de ter o cadro de traballadores/as completo.
Queremos uns Servizos Públicos de calidade para a cidadanía e queremos traballar con dignidade e este é o primeiro movemento aos que lle seguiran outros para que lle quede claro ao Goberno.
