A espantosa traxedia que ven de sufrir o País Valencià espertou o mellor de moita xente; a solidariedade e fraternidade a toneladas de milleiros de homes e mulleres que se desprazaron ata Valencia a botar unha man ás persoas damnificadas. Un deles foi Félix, o voceiro socialista de Salvaterra. Aproveitamos a súa viaxe para conversar con el sobre a súa visión política da situación da súa localidade. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa
“Teño constancia de empresas que están fartas de traballar co Concello de Salvaterra, porque teñen verdadeiros problemas para cobrar as súas facturas”
Seica, acabas de volver dunha longa viaxe?
Si, fomos a Valencia unha serie de persoas. Marchamos o venres 8 ás 3 da tarde, e volvemos o domingo 10 de madrugada. O Partido socialista de Salvaterra foi o voceiro para organizar unha recadación de fondos, e coa colaboración de particulares e empresas logramos o obxectivo de mercar .unhas hidrolimpadoras e diverso material de protección( botas, máscaras, luvas….) pero dá igual, nunha situación terrible como esta non hai, ou polo menos non debera de haber, ningún tipo de cores. Só solidariedade incondicional.
Que situación encontraches alí?
Horrible, un auténtico desastre. Vaime deixar pegada no corazón toda a vida.
Onde entregastes o material que levastes?
No Concello de Manises, pero previamente contactaramos cunha mancomunidade de municipios afectados.
Ben, falemos de política local. Como valoras o actual mandato no que se refire a acción política do goberno de Salvaterra?
Non hai nada que valorar, porque este goberno non fai nada, nada en absoluto. Limítanse a xestionar o día a día como poden, e ata iso fan mal. Pero carecen de modelo de Vila, non hai proxecto e polo tanto non hai camiño deseñado para chegar a algún sitio. Só deixan pasar o tempo. A valoración é un suspenso rotundo.
En verdade este goberno carece de modelo de Vila?
Absolutamente si. Estamos rematando o 2024, temos a PLISAN ás portas e non hai nada planificado. Que Salvaterra queremos? Cara onde vai a nosa localidade? Con esta alcaldesa e con este goberno lamentablemente nin se sabe.
Cal é a situación económica do Concello de Salvaterra?
Complicada. Levamos varios recoñecementos extraxudiciais de crédito que suman arredor de 3 millóns de € de gasto a maiores sobre o que o Concello podía realmente gastar. Por outra parte o Concello traballa cuns orzamentos prorrogados desde o 2017 o que complica moito a xestión
Este é un dato moi curioso, pois este é o segundo mandato da alcaldesa Marta Valcárcel, ambos con maioría absoluta .E se tivera levado uns orzamentos a pleno teríaos aprobado sen ningún tipo de problema. Por que non o fixo?
Marta Valcárcel é alcaldesa de Salvaterra desde o ano 2019, sempre con maioría absoluta. E en media ducia de anos non foi capaz de levar uns orzamentos a pleno tendo asegurada, se os levara, a súa aprobación. Por que non o fai?.Pode ser por dúas razóns: Por falta de vontade,ou por falta de capacidade. Lamentablemente penso que no seu caso é polos dous motivos: Non ten nin vontade, ni capacidade.
No que respecta ao pago de facturas aos provedores do Concello, que tal o están facendo?
Estano facendo fatal. A lei obriga ás administracións a pagar aos seus provedores nun máximo de 30 días, e o período de pago do noso Concello está en arredor de 140.O risco de que a administración interveña o noso Concello é real. Moitos deses provedores son pequenos negocios de Salvaterra que necesitan cobrar con rapidez para poder vivir. De feito eu teño constancia de empresas que están fartas de traballar co Concello de Salvaterra porque teñen verdadeiros problemas para cobrar as súas facturas.
Este tipo de gobernos normalmente non adoitan recortar nin en propaganda nin en lupandas .É o caso do goberno de Salvaterra?
É o caso si. Só temos que ver as redes sociais do Concello e nos daremos de conta de que o único que parece importar son as festas e a propaganda. A política é algo moito máis serio ca iso.
Como está a atención ás parroquias ?
Non mellorou nada. É moi deficiente. Hai unha grande cantidade de camiños en condicións pésimas. E a limpeza tamén deixa moito que desexar.
No referente á sanidade que tal está a situación?
Agora mesmo xa temos pediatra. Pero a nosa é unha localidade de máis de 10.000 habitantes. Ao centro de saúde fixéronlle un lavado de cara pero non é suficiente. En realidade o noso centro de saúde non cobre as necesidades de Salvaterra. O que realmente necesitamos é un novo, que se adecúe ao noso volume de poboación.
Como está a saúde interna do PSOE de Salvaterra?
Somos un grupo unido, cunha forte cohesión interna, sólido solvente e coas cousas moi claras: Salvaterra precisa un goberno progresista con urxencia absoluta.
E os teus ánimos persoais?
Para min é unha honra liderar o proxecto socialista do meu pobo,
e estou firmemente convencido de que as e os socialistas seremos os protagonistas do cambio político que precisa Salvaterra.
Rematamos: E as relacións co BNG local como andan?
Están moi ben. Ambos grupos temos moi clara a necesidade do cambio. E cando chegue o momento estou seguro de que non haberá problema algún para constituírmos un goberno progresista.
