Carlos Rodríguez “SAXA”, crego de Reboreda

Igrexa Reboreda

En marzo do ano 2022 un lóstrego batía contra a parte superior da fermosa igrexa de Reboreda causando danos moi graves ao edificio. Esta é unha igrexa de estilo barroco tardío catalogada como Ben de Interese Cultural, que sería unha auténtica catástrofe para o pobo de Reboreda non poder arranxar. A teimosía e o compromiso afectivo do seu crego, Carlos Rodríguez “ Saxa”, un cura como Deus manda, para cos seus fregueses e freguesas, deu o seus froitos e unha vez conseguiu o financiamento necesario están a traballar en volver deixar a igrexa tal como estaba antes do impacto do lóstrego. O 15 de Agosto, día grande das festas de Reboreda, prevese que as campás da súa igrexa repeniquen anunciando a fermosa Alba de Gloria de reparación definitiva do templo barroco da parroquia que ten o centro cultural máis bonito do mundo.

Nas festas de Agosto prevemos ter rematadas as obras da nosa Igrexa”

Carlos, cantos anos levas de cura en Reboreda?

Levo doce anos

En que parroquias estiveches antes?

Estiven en Varias: en Barciademera, Sabaxáns, Paraños, Santa Mariña de Covelo, Salvaterra, Fornelos dá Ribeira, Moreira e Lourido. Despois desta etapa fun a Salamanca, alí estiven case doce anos e rematei a carreira de filosofía e humanidades, despois fixen un doutorado na Pontificia, tamén dei clase na Ponti ata que se me rematou o contrato e vinme para aquí, para Redondela e estiven de crego en Cedeira e Trasmañó.

Cantas parroquias atendes agora?

Estou en tres parroquias. San Martiño de Ventosela, Amoedo e Reboreda.

A idiosincrasia dos fregueses e freguesas é a mesma en todas as parroquias que atendes?

Si, quizais Reboreda sexa unha parroquia con máis peso por ter máis poboación.

Cal é a idade media da xente que asiste á igrexa, hai xente maior ou tamén hai xente nova?

Maiormente xente maior. Hai un grupo pequeno de xente que inicia a catequese entón veñen nenos e algunha xente nova tamén.

De que época é esta igrexa?

É barroca tardía do S-XVIII. Mandouna construír don Diego de Araujo Ozores Sotomayor, é esta familia a que paga a construción da obra.

Ten algunha reforma posterior?

Non, non ten. Posiblemente no sitio da Igrexa habería unha capela pero como quedaba pequena os señores mandaron refacela enteira, a torre e o presbiterio.

Que forma parte da construción, a igrexa, a casa reitoral, que é a túa vivenda, e algo máis?

Non.

Houbo unha tormenta e un lóstrego caeu sobre a igrexa, cando foi isto?

O 8 de marzo do 2022. Ás 7:05h dá mañá.

Estabas a durmir imaxino?

Estaba medio adormecido xogando co gato.

Viches o lóstrego?

Vin unha bóla luminosa e logo un ruído interminable.

Que pensaches nese momento, que se acababa o mundo?

Ha ha ha ha. Quedei impresionado, non era unha noite de treboada, foi un único lóstrego. Cando me asomei pola xanela parecíame incrible, faltaba parte do campanario, cando saín e vin todas as pedras, decateime da desfeita.

En que consistiron os danos, foi moi grande a destrución?

Derrubouse a cúpula do campanario e o tambor que a sostén que son un 25.000 Kg de pedra. Parte desas pedras caeron sobre o tellado, esnaquízase o tellado e a caída das pedras provoca unha fisura interna dentro da bóveda, tamén desaparece por completo a instalación e o cadro eléctrico. Dentro do malo, non ardeu o retablo.

De que época é o retablo?

É barroco puro dun gran mestre ebanista que ten máis retablos, Don Antonio Del Villar. Tiña unha escola de ebanistería en Redondela e máis obras dentro da diocese, un retablo na Catedral de Tui, outro na Colexiata de Baiona, un Cristo articulado en Vilavella.

Se cadra, o máis importante é que non ardeu o retablo e sobre todo que non houbo perdas persoais.

Claro, chega a pasar un domingo en misa e sería terrible, morrería xente.

Quedou inutilizada a igrexa para prestar o servizo relixioso?

Si, estivo precintada case dous meses.

E onde dabas as misas nese tempo?

Tiven que dar misa e facer algún enterro en San Martiño de Ventosela.

Que se fixo neses dous meses para poder pór a igrexa en condicións de poder acoller as misas?

O arquitecto que veu valorar os danos dixo que a estrutura interna dunha bóveda había que facerlle un cimbra para darlle seguridade, ata que se fixo esta cimbra non se puido .

A partir de aí xa puideches dar misas con normalidade?

Si, xusto foi Domingo de Ramos, no inicio da Semana Santa.

Cando se comezan as obras de restauración e como se financian?

Montamos a estrutura coma se fose un crebacabezas de pedras en xullo para que estivese preparada para a novena da festa o 15 de agosto, aquí xa estaba montada a estrutura e xa se puido facer unha valoración de orzamento. Isto custeouno a parroquia con fondos propios, foron uns 14.000€.

E non pediches fondos ao bispado?

Isto pagouno a parroquia.

Logo imaxino que pediriades un orzamento?

Despois de ter a estrutura da cúpula e o tambor montado xa se puido pedir un orzamento. Tivemos que solicitar un proxecto a unha arquitecta. Este proxecto foi custeado a medias entre a parroquia e o bispado.

Caramba: sospeito que a parroquia vería seriamente afectadas as súas finanzas?

Si, quedou un pouco esquilmada. Despois disto a parroquia sufriu un roubo, rebentáronnos as portas e tivemos que cambialas. Aquí si que o seguro cubriu parte do custo.

Os seguros cobren catástrofes naturais deste estilo?

Este cubriu parte, como o desmonte das pedras ou o arranxo da iluminación. Foi para o que deu a cobertura da póliza.

Cando empezaron as obras?

Unha vez que presentamos o proxecto da arquitecta a patrimonio da Xunta de Galicia, patrimonio aceptou facerse cargo da obra. Nós contratamos á empresa e patrimonio fíxose cargo da contía.

É moi elevada?

Uns 300.000€.

Vai quedar tal cal estaba antes?

Si, diso é do que se trata, de axustar e refacer as pedras que faltan, reparar as que están con fisuras. Tratamos de respectar o orixinal o máximo posible.

O custo total é sufragado por patrimonio da Xunta de Galicia?

Si.

Non falastes co concello para que colaborase na reconstrución?

Unha vez que estivo aceptado por patrimonio o proxecto tivemos que pedir licenza de obra ao concello, penso que nos fixeron demasiados requirimentos burocráticos e de papeis. Entendo que sexan necesarios para unha licencia pero penso que se equivocaron, esta obra non é unha construción nova, senón unha reconstrución dun Ben de Interese Cultural catalogado así dentro do propio concello. O propio concello debería de saber que isto é unha igrexa e que ten un valor en si mesmo, é obvio.

Como dicía Bertolt Brecht: hai momentos en que non nos deixan outra opción que defender o obvio.

Parece que ás veces o obvio é o máis descoñecido. Tivemos que pedir unha cantidade de permisos e houbo tantas trabas que parece difícil de crer.

O concello fixo algunha achega de diñeiro?

Cando nos dan a licenza cobráronnos de taxas unha cantidade moi elevada e despois decatámonos que noutros concellos como as obras no casco vello de Tui ou na Guarda, estas obras están case exentas destas taxas.

Pagan algunha taxa?

Pagan algo simbólico.

Cando prevés que rematen as obras?

Están para rematar a finais de xullo.

Para as festas de Reboreda do 15 de agosto esperas que estean as obras acabadas?

Si, penso que para aquí voltearán as campás de novo.