Os nacionalistas veñen de vivir a súa XVIII Asemblea Nacional na que a súa militancia apostou pola continuidade do liderado de Ana Pontón. Nós conversamos co responsable do BNG na comarca de Vigo, Manuel Caride, para coñecer a súa opinión sobre a mesma e para que nos conte o estado de saúde do nacionalismo na zona da que é responsable.
“O BNG non se pon límites, e aspira a todo en todos os sitios”
Vindes de celebrar unha asemblea nacional, cada canto tempo as facedes?
O que marcan os nosos estatutos e facelas mínimo cada dous anos, máximo cada tres.
Eventos tan enormes como son as vosas asembleas nun período de tempo relativamente curto( cada dous ou tres anos) non supoñen un sobre esforzo para a militancia?
Nós non o vemos así. O BNG é unha organización radicalmente democrática. A democracia interna do BNG non ten equivalencia en case ningunha outra organización política. A nosa liña política decídea a militancia, non por un sistema de delegados, senón a través do voto directo. Calquera militante que teña a súa situación regularizada pode asistir, opinar e votar con liberdade.
E nós queremos que sexa sempre así, que sexan os e as militantes quen marquen o rumbo e quen elixan aos órganos de dirección, xa que logo as asembleas non poden ser moi distantes no tempo.
Como valoras o resultado da asemblea?
Valóroo de maneira moi positiva. Marcamos as liñas políticas do BNG ata a próxima asemblea nacional, e remarcamos o noso horizonte de reforzar a base social da nosa organización. Temos dous retos apaixonantes no futuro: as municipais do 27 e as galegas do 28.
Houbo debate político de peso?
Abofé que o houbo. Moita militancia pediu a palabra e defendeu as súas posicións desde ópticas diferentes.
Os días anteriores á asemblea algúns importantes medios de comunicación galegos presentaban a situación interna do BNG case como unha analoxía dos momentos pre Amio, como se existise unha especial tensión interna nas vosas ringleiras. Iso responde á realidade?
Non, de ningunha maneira. Quen escribiu iso non ten nin idea do que é o BNG. O BNG é unha organización plural, como che dixen antes radicalmente democrática, na que se debate todo o que calquera militante queira debater. Pero gozamos dun nivel de unidade e cohesión como nunca na nosa historia.
Unha cousa que me chamou a atención é que a candidatura menos votada , cun número tan baixo de votos,algo máis do 3,50% , obtivese representación na executiva nacional?
Este feito explícase porque no BNG, cando hai varias candidaturas, a representación é directa e proporcional ao número de votos obtidos. Outro exemplo máis da nosa natureza radicalmente democrática.
Se non hai ningún adianto electoral no estado, non teremos ningún proceso electoral ata o 2027.Cales van ser as liñas de traballo da túa comarca nestes dous anos de aparente tranquilidade electoral?
Intensificar o traballo de todos os noso grupos municipais trasladando as problemáticas das rúas aos plenos. E seguir incidindo no que é un sinal de identidade do BNG:O traballo social. A colaboración entre o social e o institucional é a chave do crecemento do nacionalismo na sociedade galega.
Na cidade de Vigo semella que quen fai oposición a Abel Caballero é unicamente o BNG. A realidade é como parece ser?
Nós preocupámonos de facer o noso traballo, os demais que se preocupen de facer o seu. A cidadanía viguesa colocounos na oposición ao goberno de Abel Caballero e exercemos a nosa responsabilidade con rigor, como sempre fixo o BNG en toda a súa historia. Unha oposición seria, construtiva e propositiva. Sempre que nos opomos a calquera medida ofrecemos en paralelo unha medida que a nós nos parece máis adecuada.
As vosas propostas moito éxito non adoitan ter no goberno municipal?
Ninguén ten o patrimonio da verdade. E cando alguén ten o costume de rexeitar todo o que non veña de si mesmo creo que é evidente onde está o problema.
O ex voceiro da Marea de Vigo, Rubén Pérez, é Secretario de Estado agora. Esta responsabilidade tivo algún tipo de incidencia na cidade de Vigo ao teu xuízo?
A min non me consta.
Nas últimas autonómicas o BNG foi a forza máis votada en Vigo, verdade?
Si, por primeira vez na nosa historia.
Trasladar os resultados dun proceso electoral a outro non é correcto, pero se algo caracteriza a Xabier Pérez Igrexas, alén da súa indiscutible altura política, é a súa ilusión e a súa vontade de non pór límite algún ás expectativas do Bloque. É posible soñar cunha alcaldía nacionalista en Vigo como xa a houbo no seu momento?.
O BNG non se pon ningún tipo de límites e estamos a ver como nos últimos anos o apoio ao nacionalismo na cidade non deixa de medrar. O BNG temos un sólido proxecto para Vigo. Un proxecto transformador que quere poñer fin á inercia que está deixando atrás a cidade e que desatende as necesidades reais das viguesas e vigueses. Fronte ao Goberno actual que non ten nada que ofrecerlle a cidade, o BNG somos a verdadeira alternativa en positivo e estou convencido de que imos seguir avanzando para lograr que o nacionalismo galego volva ser unha forza determinante na maior cidade do noso País.
Non imos analizar de maneira individual cada unha das 8 localidades que abrangue a comarca de Vigo para o BNG, pois xa o fixemos hai pouco, pero si quixera pedirche unha valoración global da situación do bloque na comarca?
É positiva, temos presenza en todos os concellos da comarca por primeira vez desde hai tempo. E as sensacións que temos, os indicios e as perspectivas é que imos medrar en todas.
Hai algún concello no que vexas posibilidades realistas de acadar a alcaldía a corto prazo?
Aspiramos a todo en todos, e non nos pomos límites en ningún.
A situación orgánica da comarca como está?
Está moi ben. Pronto tocará a renovación de órganos locais e comarcais. Alí presentaremos o noso informe de xestión e agardamos contar co aval maioritario da militancia. O que si é un dato obxectivo é que o medre de afiliación foi significativo.
Unha última cuestión, de nacionalista a nacionalista: Ao meu xuízo se a conciencia colectiva de sermos pobo galego non morreu aínda é por dous motivos:-O idioma e -O Nacionalismo( político e sindical).O estado de saúde do primeiro, non é para analizar aquí, e no que atinxe ao nacionalismo parece estar atravesando un bo momento cuantitativo. Pero iso non abonda. Non basta con que a xente vote BNG, é imprescindible para asegurar a supervivencia do noso pobo que a conciencia colectiva de sermos un pobo de seu penetre na alma de cada persoa que se achegue ao nacionalismo. Nese terreo como estamos?
Estou absolutamente de acordo contigo. Eu creo que non hai unha soa persoa en Galiza que descoñeza que o BNG é unha forza nacionalista e cando unha persoa nos vota ou decide achegarse a nós, sabe o que está a facer. Iso xa é un indicio claro da existencia dunha mínima simpatía cara aos dereitos nacionais do noso país, de preocupación polo noso idioma e polos nosos sinais de identidade.
Desde logo que os que somos militantes do BNG, os que queremos a este país e os que traballamos na defensa dos seus intereses non deixaremos de facelo, porque ás xeracións posteriores non se lles pode roubar a súa historia, nin a súa identidade, e a conciencia colectiva de sermos pobo galego debe de seguir existindo sempre.
