UD Nespereira

UD Nespereira

Nespereira é unha parroquia do Concello de Pazos de Borbén, malia que é a que máis habitantes ten de todo o Concello non deixa de ser unha pequena parroquia na que viven arredor de 780 persoas. Desde o ano 1982 un equipo de fútbol, primeiro CD e agora UD Nespereira, defende con orgullo, dignidade e paixón as cores da parroquia de Nespereira polos distintos terreos de xogo nos que disputa as súas competicións. E sen dúbida fan un traballo moi meritorio, pois neste contexto de enorme dificultade económica non é nada fácil manter vivo tanto tempo un equipo deportivo. Nós falamos con Jose Luis, un dos fundadores do equipo e o seu actual presidente.

Jose Luis Ruíz Vilas, presidente.

O Nespereira é un equipo moi asentado no corazón da nosa parroquia, e estou convencido de que ten futuro”

De onde es ti, Jose Luis?

Son de Reboreda.

E como fuches parar a Nespereira?

Por amor, casei aquí hai xa 48 anos e aquí quedei.

Caramba,case medio século, xa es máis de Nespereira que de Reboreda?

Pois si, abofé que é así.

Que anos tes ti e a que te dedicas?

Teño 72 anos, estou xa xubilado. Eu traballei no sector da construción.

Cando e como comeza a túa relación co mundo do fútbol?

A finais da década dos 70, principios dos 80 do ano pasado en Nespereira non había nin campo nin equipo, de feito a situación da nosa parroquia era en liñas xerais moi mala. Eu tiña confianza cunha persoa da DEPO e iniciáronse os contactos coa comunidade de Montes para conseguirmos un terreo e facermos un campo de fútbol. Logramos facer o campo e por fin en 1982, 7 ou 8 persoas fomos capaces de fundar o equipo.

No 82 en que división comezastes a competir?

Na máis baixa, na 3º autonómica.

Os 42 anos de vida que tendes, tivestes actividade ininterrompida?

Non chegamos a desaparecer pero si houbo problemas serios. De feito tivemos que mudar o nome,pois nos nacemos sendo CD Nespereira, e por problemas diversos vémonos na obriga de cambialo ao actual UD Nespereira.

En que ano se produciu o cambio de nome?

No ano 2015.

Levas sendo o presidente desde ese ano?

Si, desde o 2015.

Cantos equipos tendes?

Este ano dous, os sénior e os xuvenís. Chegamos a ter máis.

E por que se reduciron?

Por falta de nenos.

Temos equipo feminino?

Non, non temos. Intentamos facelo pero non fomos capaces.

Por que?

Porque non había nenas suficientes. Nespereira é unha parroquia pequena e en xeral, Pazos é tamén un concello pequeno.

Que tal están as instalacións do voso campo: “ Chan do Areeiro”?

Están bastante ben. No 2017 transferimos a súa propiedade ao Concello para que nos puideran pór céspede artificial e o campo, en xeral, está bastante ben coidado.

Como valoras o comportamento con vós do novo goberno municipal encabezado polo alcalde Luciano Otero?

Ben, este é un concello pequeno, entendo que hai poucos cartos, pero ben parece que con uns e con outros e sempre temos que estar rañando. En resumo: pórtanse máis ou menos ben pero creo que podían facelo un pouco mellor.

En que división estamos a competir agora e que tal vamos esta temporada?

Estamos en terceira autonómica;os xuvenís van ben, os maiores non van tan ben, están no posto 12.

O equipo sénior ten posibilidade de subir a 2º?

Os maiores terían que mellorar moito, os xuvenís si que teñen posibilidades.

Cantas fichas tendes?

Entre os dous equipos teremos arredor de 45.

Cal é o voso uniforme?

Camiseta e medias verdes e pantalón negro.

Os corenta e pico rapaces que practican o fútbol no Nespereira de onde son?

Hai moitos de Nespereira pero a nosa, como che dixen, é unha parroquia pequena e aquí non temos suficiente xente. Temos rapaces de pobos veciños tamén. Hainos de Redondela, O Porriño e Mos.

Como vos financiades?

Temos unha subvención que nos dá o Concello que cubre unha parte pequena do noso orzamento, no mundo do fútbol todo está moi caro, temos socios, facemos publicidade no campo ,a nosa cantina traballa moi ben, e tamén sacamos algo dalgunhas rifas que vendemos.

Cales son as expectativas deportivas para esta temporada?

Competir con dignidade e terminar a liga o máis arriba posible. Agardo que para o ano poidamos ter posibilidade de competir polo ascenso a segunda autonómica.

O Nespereira é o único equipo de fútbol 11 do Concello de Pazos. Hai un de fútbol sala pero de fútbol 11, no Concello de Pazos de Borbén só estades vós. Tendo en conta esa circunstancia cal cres quen sería a categoría natural na que se debe de asentar o Nespereira?

Tanto polo volume de poboación que temos ,como pola cuestión económica podemos movernos entre a 3º e a 2º autonómica, moito máis arriba penso que non sería posible asumilo.

Se se dera o caso de que xuntarades un equipo de moita calidade e subides primeiro a 2º e logo a 1º autonómica, sería imposible de competir nesa categoría?

Desde logo que nós non renunciamos a nada. E se se dese ese caso tratariamos de financiarnos sexa como sexa, pero xa che digo que sería realmente complicado.

Cantas persoas sodes na directiva?

Neste momento somos 5.

No momento que por idade, ou por falta de gañas, o vaiades deixando, ti cres que haberá xente máis nova que queira continuar co club?.Ten futuro o Nespereira?

Si, estou seguro de que o ten. Hai xente nova que traballa moi ben. O equipo está moi asentado na psique colectiva da nosa parroquia e teño a certeza de que continuará.