Trinta anos fornecendo de información e cultura ao país galego
En 1996 dous traballadores do extinto “ Diario 16” tomaron unha decisión de enorme risco para eles mesmos e que comportaba unha dificultade extraordinaria: ían crear unha empresa que asumise a rotativa do periódico que acaba de morrer. A empresa chamouse “ Publicacións Tameiga” en homenaxe á parroquia de Mos na que naceu e estivo moitos anos. Nestes 29 anos de traballo ininterrompido, tivo por única actividade a impresión de periódicos, chegaron a imprimir cerca de 100 cabeceiras diferentes e conseguiron que varios millóns de exemplares de prensa escrita asolagaran as rúas, camiños e corredoiras deste país. En Galicia hai moi poucas rotativas, nunca chegou a a haber 10 funcionando ao mesmo tempo, pois o volume de investimento que supón ter unha rotativa en funcionamento é inmenso, e para unha pequena empresa como a súa a tarefa de tela funcionando case tres décadas de vida,en todo tipo de contextos económicos, é ciclópea, case heroica. Eles son Vicente Alló, xa xubilado, natural de Santiago e veciño de Cangas, e Carlos Rey que naceu en Madrid por accidente pois é máis galego ca min. E alén de impresores serios e rigorosos tamén se pode dicir de ambos o mellor que se lle pode espetar a calquera ser humano: son dúas boas persoas coas que é un pracer conversar de cando en vez.
Carlos Rey e Vicente Alló.
Cando se fundou Publicaciones Tameiga?
No ao 1996.
Quen foron os seus fundadores?
Nolos dous e un terceiro socio que xa hai tempo que non está.
Desde que se fundou, levades vinte e nove anos de actividade ininterrompida?
Si.
Sempre vos dedicastes á impresión de periódicos?
Si, nós viñamos das artes gráficas e desde que montamos a empresa sempre nos dedicamos a isto.
Onde vos coñecestes?
Foi en Santiago, traballando nunha empresa de Artes Gráficas no ano 1985.
Como evolucionaron as cousas ata chegar a asociarvos para fundar unha empresa?
Vicente chamoume, di Carlos, en 1988 porque lle ofreceran ir para Diario 16 de Galicia. Alí ían mercar unha rotativa e estivemos os dous traballando para montar a fotomecánica. Querían facer eles todo o periódico. Así estivemos de xefes de produción.
Estivestes de traballadores en Diario 16, ata cando?
Ata ano 95. Cando pechou Diario 16 quedaron a debernos bastante diñeiro e marchamos a Madrid a negociar. Ofrecémonos a asumir a débeda a cambio da rotativa. A empresa aceptou a oferta e así comezou a nosa andaina no universo da impresión de cabeceiras varias.
Onde estaba esta rotativa?
En Mos.
No edificio de Tameiga onde vos coñecín eu?
Si.
Entón quedastes coa rotativa do Diario 16 a cambio da débeda que tiña a empresa con vós. Cantos periódicos comezastes a imprimir?
Ao principio moi poucos, como moito cinco ao mes.
Canto tempo durou esa rotativa pequena?
No ano 2002-2003 xa comezou a haber prensa en cor con periódicos gratuítos, esta rotativa xa non nos daba marxe para competir e decidimos mercar outra moderna e competitiva. Compramos unha rotativa Uniman no ano 2006.
Esta durouvos ata que ano?
Arredor de 13/14 anos
Que pasou despois?
As cousas xa non ían ben. Coa crise do 2008 a prensa en papel comezou a baixar e o traballo reduciuse moitísimo. Polo medio tivemos unha avaría na máquina e para saír do paso tivemos que imprimir no Faro de Vigo. Despois disto comezamos a negociar co Faro e decidimos desfacernos da nosa rotativa para traballar con eles.
Cando mercastes a rotativa no ano 2006, isto foi unha inversión tremenda verdade?
Si, unha inversión moi grande. Aínda que a rotativa era de segunda man do grupo do Faro de Vigo, tíñana en Canarias. Para poder instalar esta máquina tivemos que facer unha obra importante na nave e facer unha soleira de formigón de ata catro metros nalgunhas partes.

Cantas cabeceiras de periódicos puidestes chegar a imprimir en toda a vosa historia?
Pois igual arredor de cen cabeceiras.
En todos estes anos de actividade, mudou moito a impresión de periódicos?
Si, o oficio é bastante diferente.
En que?
Sobre todo na fotomecánica. Comezamos o principio da era informática, antes as páxinas sacábanse en papel por unha especie de impresoras. As fotografías facíanse nunha cámara para as artes gráficas, logo pegábanse nese papel e todo era en branco e negro. Agora e todo máis sinxelo, vai todo informatizado directo á prancha.
En todo este tempo de máis de case 30 anos na profesión e unhas cen cabeceiras, tedes impreso millóns de exemplares?
Si.
Vicente xa está xubilado. Agora levas ti só a empresa non Carlos?
Si ben, pera aínda ven por aquí con frecuencia a “ dar o coñazo”.
Ha, ha , ha ha…E ti que opinas diso, Vicente?
Que non o podo deixar só, senón que “ Deus nos colla confesados”
Ten futuro a prensa escrita?
E difícil de prognosticar, pero o máis probable é que só o teñan as cabeceiras estritamente locais
Non vedes no longo prazo a existencia de periódicos?
Nunca se sabe o que pode acontecer, tamén dicían que coa chegada de internet o libro en papel morrería de contado e seica se venden máis libros que nunca. Pero a nosa opinión é que os periódicos xeralistas téñeno complicado.
Unha empresa como a vosa ten futuro ou vaise acabar cando Carlos se xubile?
Penso que cando eu me xubile a empresa tamén vai a facelo, a non ser que haxa alguén interesado en comprala. Se se dese ese caso nós escoitariamos a oferta con interese, desde logo
Que foi o que máis che gustou do teu traballo Carlos?
O trato coa xente. Ter coñecido Galicia de punta a punta e boa parte de Portugal tamén foi enormemente enriquecedor. A relación co persoal que traballou con nós foi tamén moi boa en liñas xerais e agradezo a todas as persoas que pasaron por aquí a súa compañía. Non me gusta particularizar porque en liñas xerais é inxusto, pero nese caso voume permitir unha pequena excepción para salientar con enorme afecto a compañía leal e xenerosa do noso amigo Dani Sotelo.
E o que menos?
A morosidade, ter que reclamar que che paguen unha factura é enormemente desagradable.
Botando a vista atrás, gustouche a vida laboral que levaches?
Malia que houbo momentos nos que o pasamos mal de verdade, foi o que nos permitiu vivir a min e á miña familia, entón a resposta non pode ser outra que afirmativa.
E a ti Vicente, que foi o que máis che gustou do teu traballo?
Subscribo completamente as palabras de Carlos sobre o noso persoal en xeral e sobre Dani Sotelo en particular. A compañía de persoas como Dani fai que a viaxe da vida sexa máis fácil e agradable.
Por outra banda eu destacaría a satisfacción do cliente, cando sabes que do teu traballo depende non só o teu negocio, senón tamén o negocio de outros e eses outros recoñéceno convidando a unha comida, a un viño ou simplemente cun sorriso , pois é desas cousas que lle dan sentido ao que fixemos na vida.
O que menos?
As presas e o estrés para lograr que todas e cada unha das cabeceiras saísen en tempo e forma tamén é unha parte desagradable do traballo.
Botando a vista atrás, Vicente, a ti gustouche a túa vida laboral?
Houbo momentos en que foi realmente dura, pero eu estou namorado de Publicacións Tameiga.
