Un goberno surrealista para A Guarda

PSOE Fátima Guarda
Fátima Rodríguez, voceira do PSdeG PSOE na Guarda

Na política, a exemplaridade non é unha opción, senón unha obriga. Quen ocupa cargos públicos debe ser referente de ética, dedicación e responsabilidade. Porén, no noso municipio estamos asistindo a unha situación que, polas súas peculiaridades, podería ser parte dun guión humorístico máis que dun goberno responsable.

O actual alcalde, Roberto Carrero, acumula en ano e medio de mandato, episodios que poñen en dúbida a súa capacidade para liderar a nosa vila. Unha das súas primeiras mostras de falta de sentido común foi presentarse a un acto institucional como a presentación das Festas do Monte do 2023, un dos eventos máis importantes do ano, ataviado cun “pareo”. Máis alá da peculiaridade estética e dos motivos para presentarse vestido desta forma, este xesto reflicte unha preocupante falta de respecto cara á veciñanza e ao papel que representa como alcalde.

Pero o surrealismo non remata aí. A finais do 2023, trala denuncia do PSOE en Pontevedra, o alcalde tivo que admitir ter recibido preto de 4.000€ de maneira indebida da Deputación de Pontevedra, xustificándoo con que foi un “erro administrativo”. Este feito non só evidencia unha grave neglixencia, senón que dana a confianza cidadá na xestión pública.

A isto hai que sumar outra situación incomprensible: a perda de miles de euros en subvencións xa concedidas. Estas subvencións, que foron acadadas polo anterior equipo de goberno socialista, perdéronse pola evidente incapacidade do goberno local para tramitar e executar proxectos de xeito eficiente. O peor de todo é que estamos seguros/as de que aínda imos a ver como seguirán perdendo outras subvencións moi cuantiosas e con gran relevancia para o noso pobo.

Outra das cuestións que preocupa especialmente é a falta de dedicación á alcaldía. Roberto Carrero compaxina esta responsabilidade cunha xornada do 79 % como deputado provincial, ademais de ser profesor e avogado. Esta situación deixa claro que a alcaldía non ocupa o lugar prioritario que debería na súa axenda, unha realidade que repercute negativamente na vida diaria do noso municipio.

A falta de liderado de Roberto tamén ten consecuencias no equipo de goberno. En tan só ano e medio de mandato, dous concelleiros decidiron renunciar. Esta situación semella responder a unha evidente desmotivación: se o propio alcalde non amosa compromiso coa xestión municipal e os/as edís sen dedicación nin remuneración ven como os esforzos por mellorar o municipio caen en saco roto, o abandono das responsabilidades é, lamentablemente, previsible.

Por se fose pouco, o concelleiro de Comercio e Empresa pasou todo o ano 2024 fóra de España, deixando completamente desatendidas as súas funcións e privando a sectores económicos claves do municipio do apoio institucional que tanto precisan.

E aquí cabe preguntarse: Pero cal é o verdadeiro interese de Carrero en ser alcalde? Apostaríamos un brazo a que o seu obxectivo é exclusivamente o de escalar politicamente dentro do Partido Popular e garantirse un posto destacado na Xunta de Galicia. O tempo dará ou quitará a razón, pero o que está claro é que o noso municipio non lle importou nunca, e moito menos lle importa agora.

Desde o Grupo Socialista cremos que o noso pobo merece un alcalde de e para todos e todas, con dedicación exclusiva, que nos represente, que vele polos nosos intereses, que xestione e se preocupe por tódolos aspectos que afectan á nosa calidade de vida, cun claro proxecto de futuro e priorizando nas decisións de maneira acertada. Todo iso, e nada máis que iso, é o que lle pedimos ao actual equipo de goberno.