Xoan Carlos González, voceiro do BNG de Redondela

Despois de termos falado con Javier Bas e con Digna Rivas, nos dous anteriores números da nosa publicación, continuamos a análise en profundidade da política local de Redondela conversando con Xoan Carlos González o portavoz do BNG.

O voceiro nacionalista amosouse decepcionado coa acción política deste goberno, do que di que está a dilapidar a confianza que lle prestou o BNG e á vez moi firme na defensa das liñas políticas que defende a súa organización , moi orgulloso do histórico resultado das autonómicas que levou a que o Bloque fose por primeira vez na súa historia a forza máis votada en Redondela, e convencido de que teñen potencial de crecemento suficiente como para aspirar de maneira realista a acadar a alcaldía nas municipais do 27.

O BNG perdeu a confianza nas expectativas que xerou este goberno”

Cal é a valoración política que fai o BNG sobre este mandato que pronto chegará ao seu ecuador?

Caracterízase pola perda de confianza nas expectativas que este goberno xerara.

Podemos dicir entón, con claridade, que o BNG perdeu a confianza no goberno municipal?

Si, pódese dicir así porque é así.

Por que se deu esa perda de confianza?

Nós, desde o principio estivemos á expectativa de que o goberno fixera movementos políticos para podermos chegar a pactos que beneficiasen á veciñanza de Redondela, pero eses movementos non se producen, e xa estamos case na metade do mandato, xa que logo a nosa confianza foise esvaecendo.

Algún exemplo concreto?

No acordo de investidura recollemos que se abordarían os orzamentos antes de finalizar o ano anterior. Estamos xa no 25 e só sabemos pola prensa de que hai unha proposta de orzamentos.

No 23 e no 24 non houbo orzamentos?

Non.

E o goberno non fixo ningún movemento para os deste ano?

A semana pasada os primeiros( a conversa foi o 13 de xaneiro).Pero fixéronnos unha proposta cuxo enfoque non nos convence. Eles fan a súa proposta, trasládanlla aos técnicos e logo envíannola a nós. E o BNG entende que o procedemento correcto debe de ser o contrario: primeiro debiamos de acordar ambos, o goberno e nós, os proxectos e logo enviar o acordo aos departamentos técnicos.

Estamos nun momento en que o Partido Socialista de Redondela ten fobia a acordar co BNG.

Parece moi estraño. Non comprendo esa posición, pois non acordar con vós o único que supón é unha acción de goberno moito máis difícil para eles

Eles están en dinámica de competencia electoral constante.

Con vós?

Si.

Falemos do acordo de remunicipalización da recollida do lixo?

É un acordo que supuxo unha actualización de taxas. No ano 2027 remata o contrato vixente, despois de 20 anos. Nós demos o noso voto afirmativo á actualización das taxas a cambio de que unha vez que remate o contrato, ese servizo volva ser asumido polo Concello de Redondela. A xestión da recollida do lixo en Redondela é mala, e é así porque está privatizada. Nós entendemos que se fose o propio Concello quen asumise ese servizo,este sería moito mellor, e o momento era perfecto para a remunicipalización.

Di o PP que esa actualización de taxas é un “ espolio á veciñanza de Redondela”.Que tes que dicir ao respecto diso?

O mesmo que dixemos no último pleno: Javier Bas debe de dimitir pola súa campaña de mentiras .Esta campaña de difamacións foi especialmente significativa neste debate sobre a xestión do lixo.

Por que?

Presentáronse arredor de 120 alegacións, e como mínimo 1/3 eran de significados militantes do PP. Esa campaña que fixo o PP foi un absoluto fracaso, e o suposto espolio non existe, foi unha actualización dunha taxa que hai 20 anos que non se actualizaba e así o entendeu a veciñanza.

O PP tamén di que esa remunicipalización do servizo é imposible?

O que acontece é que o PP está moi preocupado porque Redondela se poida converter nun referente para moitos concellos grazas a unha proposta do BNG. Hai concellos que así o fixeron , como por exemplo León, e o resultado é positivo.

Os acordos aos que chegastes co PSOE para dar o voso voto afirmativo na investidura estanos cumprindo?

Os máis importantes, como por exemplo ter o ante proxecto de orzamentos para o ano antes de que remate o anterior ou negociar con nós os investimentos que superen os 300.000€, non.

Cal é a posición política básica coa que afrontou o mandato o BNG?

Nós comezamos o mandato na mellor das disposicións posibles. Tivemos a man tendida e agardamos que o goberno nos fixera as súas propostas para traballar en conxunto en beneficio do conxunto da veciñanza…pero, como che dixen ao inicio da conversa, a confianza quebrouse.

Hai cuestións coas que discrepamos radicalmente o que nos obriga a exercer unha oposición seria e rigorosa.

Por exemplo?

Dous exemplos moi importantes:

-A participación veciñal é un absoluto fracaso. Parece que non interesa que os consellos parroquiais teñan éxito.

-O Plan Xeral. Nós presentamos 21 alegacións que claramente o melloraban e aínda están en estudo por parte do equipo redactor. E parece que non van atender aspectos esenciais para nós como a dotación de máis solo para a vivenda social, e darlle a San Simón un plan de usos que tiña que vir xa recollido e o equipo de goberno non o preveu.

A declaración de San Simón como un espazo para a memoria supoño que será altamente satisfactoria para o BNG?

Con algunha dúbida, pois dentro de pouco tempo,arredor de dous anos, remata o tempo de cesión de San Simón do estado á Xunta. E o que percibimos é que hai unha estratexia por parte da alcaldesa de valorar como moi positivo todo o que veña do goberno do estado. Nós neste importante asunto estamos á expectativa a ver que é o que acontece.

A alcaldesa, no anterior número da nosa publicación afirmou que o grande proxecto do seu mandato é o paseo do litoral de Cesantes. O BNG ve ese tema como un proxecto realista?

É realista, si. Pero todo vai depender da vontade de chegar a acordos con nós e de que tipo de obra se quere facer aí. Nós, cando se nos presente o proxecto e en función do tipo de proxecto, valoraremos se o apoiamos ou non.

Os problemas económicos que tivo o Concello de Redondela, foron debidos a un problema informático, como afirma a alcaldesa, ou á mala xestión económica do goberno, como di o PP?

O primeiro que quero dicir sobre este asunto é valorar como moi positivo o traballo dos funcionarios e funcionarias do Concello para superar unha grave crise, motivada por un problema informático, que tivo paralizado durante tres meses o pago aos provedores do Concello.

Entón a causa da imposibilidade de facer pagos durante eses meses foi un problema informático real que foi alleo á xestión política?

Si.

E cal foi a orixe do problema? Algún tipo de pirateo dos sistemas informáticos?

Non se sabe de momento.

O concello chegou a carecer de liquidez para afrontar os pagos?

Non, nunca. Esa cuestión foi puramente técnica e está ben resolta. Agora ben, iso non quere dicir que non haxa unha mala xestión económica por parte do equipo de goberno.

Haina?

Nalgunhas cuestións para nós si.

Por exemplo?

Redondela gasta moito en fachenda, por exemplo en alumeado de Nadal gasta o mesmo que gasta Pontevedra,e non inviste o necesario na atención aos colectivos máis vulnerables ou en servizos que son básicos.

As prioridades de gasto do goberno non sos as mesmas que ten o BNG,e a xestión tampouco é adecuada. Así podemos falar a modo de exemplo de servizos sociais, con evidentes necesidades e carencias, e curiosamente a partida de emerxencia social nunca se executa na súa totalidade.

Como está a situación das parroquias en liñas xerais?

Por partes:- A situación no que se refire á limpeza dos camiños en parte mellorou porque se contratou a unha empresa para que a realizara. Teño que dicir que esa contratación de 1.000.000€ non a comparte o BNG. A nós desa contratación nin se nos consultou nin se nos informou.

Por outra banda en pleno se aprobou un plan de mellora de seguridade viaria nas parroquias, pero non se está facendo nada, e sobre o saneamento non se avanzou en nada estes anos. No que se refire á recollida do lixo a empresa segue a incumprir o contrato e as traídas de augas seguen dispondo de moi poucos recursos

Por último na dinámica de actividade cultural funciónase ao chou, sen un deseño previamente establecido.

Explícame a posición do BNG en relación ao cambio de nome da rúa Alfonso XII?

Nese tema tratouse de facer política anti BNG. Nós estamos a favor, claro que si, como non imos estalo. Incluso temos unha proposta que é chamarlle á rúa “Madriñas de San Simón”.

Pero ese tema lévase a pleno en forma de moción,e non como punto da orde do día, polo tanto ao facelo así a súa execución non é vinculante. Logo no medio do camiño inventan unha enquisa e nós entendemos que non podemos privarlle a unha parte da poboación de Redondela da posibilidade de propor o nome que queiran, sempre que non vaia contra a memoria democrática, porque ese nome a nós non guste.

Se ese asunto se tivera feito ben, e se levara a pleno como punto da orde do día nós por suposto que votamos a favor, o tema estaría xa resolto e non habería problema algún.

Como está a saúde interna do BNG de Redondela?

Esa pregunta é moi doada de responder: Marabillosa. O grupo ten un nivel de cohesión absoluta, hai xente moza , o que é unha inmensa alegría e hai unha comodidade e unha alegría no traballo máis que notables.

Nas últimas autonómicas fostes por primeira vez na historia a forza máis votada de Redondela. Que supuxo ese resultado para ti?

Unha enorme satisfacción e unha emoción colectiva absolutamente espectacular. No BNG de Redondela hai xente que leva moito tempo, que viviu tempos moi complicados e que deu sempre o mellor de si mesmo en épocas verdadeiramente duras. Para min ver a satisfacción desas persoas aquel día histórico, foi un océano de emoción, unha treboada de ledicia e satisfacción moi difíciles de conter.

O tempo pasa moi rápido e en pouco máis de dous anos teremos un novo proceso electoral. Honestamente Xoan Carlos: é realista contemplar a posibilidade dunha alcaldía nacionalista en Redondela?

Estou convencido de que si. Estamos en disposición de ser a forza máis votada e de gobernar Redondela.