O concello de Nigrán ofrece un curso gratuito de inglés ao sector hostaleiro para mellorar a atención ao peregrino

Hostelería Nigrán

Desenvolverase a través da empresa nigranesa Active Projects durante 48 horas presenciaisdesde o 3 de febreiro ao 11 de marzo. Os interesados deben inscribirse a través dun formulario online pendurado en www.nigran.es

Dos 28 establecementos analizados en 6 zonas do municipio ningún dispón de información en inglés ou dirixida ao turismo extranxeiro, polo que o Concello desexa revertir esta situación

“O Camiño de Santiago pola Costa aumenta exponencialmente o número de peregrinos e desde o Concello de Nigrán queremos posicionarnos como un municipio amable, atento e no que paga a pena parar a facer un descanso”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza máis medidas neste sentido

Nigrán 20/01/25

O Concello de Nigrán aposta pola formación en inglés do sector hostaleiro para posicionarse como o destino máis acolledor de Galicia para os peregrinos e o turismo angloparlante. Con este obxectivo, ofrece desde o 3 de febreiro ao 11 de marzo un curso gratuíto de inglés para que aquelas persoas que traballen en establecementos de restauración do municipio adquiran unhas competencias mínimas que lles permitan atender satisfactoriamente a este tipo de clientes e, adicionalmente, aumenten a visibilidade do negocio. O curso desenvolverase nun bloque presencial de 16 sesións de 48 horas no Centro Antena (rúa Otero Pedrayo) os martes, xoves e venres de 17:00 a 20:00 horas. Os interesados poden inscribirse ata o 31 de xaneiro a través dun formulario online en www.nigran.es (as prazas son limitadas e distribuiranse por orde estricta de solicitude).

A formación está dirixida pola academia de inglés de Nigrán ‘Active Projects’ xa que, precisamente, eles mesmos levaron adiante un estudo específico no que analizaron 28 locais hostaleiros de seis núcleos do municipio detectando que ningún deles ofrece unha soa mensaxe dirixida ao cliente estranxeiro. En contraposición, o Camiño Portugués pola Costa que atravesa Nigrán bate todos os records, sumando no pasado 2024 un total de 74.695 peregrinos, un 41,5% más que en 2023 (52.754 persoas), o que supón o 15% do total das rutas xacobeas ao seu paso por Galicia. Entre os estranxeiros, o 21% ten o inglés como lingua materna, sendo ademáis a lingua vehicular para o resto das nacionalidades.

“O ano pasado recibimos a persoas 40 nacionalidades na Oficina de Turismo da Ramallosa, con máis de mil peregrinos nun só mes do verán, e desde o Concello de Nigrán queremos posicionarnos como un municipio amable, atento e no que paga a pena parar a facer un descanso, sendo conscientes de que a hostalería é parte importante da nosa carta de presentación”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza máis medidas destinadas a acadar este obxectivo.

Así, o obxectivo final é situar a Nigrán como destino de calidade, aumentar a visibilidade do negocio para os clientes foráneos con mensaxes atraíntes que tamén sirvan para empregar en redes, fidelizalos, e mellorar a experiencia do peregrino no contacto directo perfeccionando a competencia lingüística dos profesionais. Para acadalo, aprenderán a acoller ao cliente (benvida e entrada no establecemento) a ofrecer bebidas, a explicar brevemente a carta, a atendelos durante a comida por se precisan algo ou amosando interese, a despedilos correctamente e, por último, a saber atendelos en situacións especiais que poidan xurdir (queixas, suxerencias, recomendacións…).