Pombas, gatos e edificios en ruínas

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

Gosto de vivir en Marín, mais non podo evitar poñer de manifesto o que considero está mal no noso concello. É lamentábel comprobar como estes “defectos” non diminúen co paso do tempo. Pola contra, a inacción dos nosos eternos gobernantes municipais, e da calada e perdida oposición, contribúen ao deterioro do noso entorno urbano.

En Marín podemos dicir que non temos urbanismo, nin concelleiro de urbanismo, na medida en que as normas só se fan cumprir cando hai denuncia polo medio.

O PXOM, tan marabilloso e que venderon como a solución a todos os nosos males, así como se aprobou quedou metido nun caixón e non se soubo máis del. Non mesmo caixón onde acaban de meter o proxecto do aparcamento subterráneo no Parque Eguren.

Por que non se actúa coas moitas obrase inacabadas e en ruínas que salpican as rúas de Marín? Para que está a lexislación urbanística?

Alguén entende a “humanización” improvisada e mal copiada que se limita a ampliar beirarrúas para servizo dos bares, e polas que malamente pode pasar o “Trole”. Será que as fan grandes para poder escapar mellor das cagadas dos cans?

Por que esa é outra, a proliferación de animais de catro e dúas patas fai imposíbel camiñar tranquilamente polas enormes beirarrúas. Parece que estamos participando nunha proba de obstáculos, dando saltos para non ter que pisar a merda dos cans, ou deberíamos dicir con máis propiedade a merda coa que nós agasallan os donos dos cans. Imaxinádevos agora que ides nunha cadeira de rodas.

E xa que estamos escatolóxicos, especial mención merece o entorno da praza de abastos. Parece ser que o concello decidiu convertela nun santuario de pombas e demais animais alados. Así, para deleite de autóctonos e visitantes, estas rúas están cheas de defecacións das pombas nun nivel nunca visto anteriormente.

Será por esa proliferación de aves que o Concello permite tantas colonias de gatos? Si, esa é outra das nosas especialidades urbanas, colonias de gatos sen control sanitario non centro e noutras rúas de Marín. Quedan moi bonitos para sacarlles fotos, pero ter a cen metros do concello e da policía local unha colonias descontrolada de gatos e de recipientes para darlles comida non é moi estético.

Por que non asume as súas responsabilidades a concelleira dos gatos e actúa conforme á legalidade sobre esta proliferación felina?

Xa perdín a conta das lexislaturas en que a Sra. Ramallo leva reinando en Marín con maiorías absolutísimas. Porén, en todo este tempo a xestión foi de moito circo e pouco pan.

Non se aproban orzamentos en tempo, non se inauguran rúas, non se constrúe… A gran xestión do PP en Marín é mediática e non se materializa en feitos concretos e tanxíbeis que melloren a nosa vila. O maior logro neste tempo foi o auditorio, un “mamotreto” que nós vai impedir ver o mar, se o dan rematado algún día, que vai estar arrodeado de contedores baleiros.

Temos un goberno tan incapaz que lle permite á Autoridade Portuaria amorear diante da Alameda de Marín centos de contedores enferruxados, dando imaxe lamentábel e terceiromundista do noso municipio.

Tanto tempo no goberno parece que enferruxou a maquinaria do PP local e hoxe a Sra. Ramallo non é capaz de “innovar” nin ter ideas novas para mellorar Marín.

Vai sendo hora do recambio, o problema que non se ve por ningures nunha oposición durmida, sen iniciativa, limitada e secar de cando en vez algunha nota sobre temas intranscendentes e a encher as redes sociais de fotos.

Marín, 28 de xaneiro de 2025.

Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago.