Agora estes fondos, que ascenden a 10.000 €, só poderán ser empregados para amorzar débeda con entidades de crédito
Desde que tomou posesión en setembro de 2024 o goberno do PP de Pablo Barcia non convocou as subvencións dirixidas a asociacións para a realización de actividades socio- culturais. No ano 2023, con AporM no goberno, estas axudas foran convocadas no mes de outubro para que as asociacións de ámbito municipal puideran ver compensados algúns gastos das súas actividades. Nese ano o goberno de AporM aprobounas por decreto de alcaldía o 24/10/2023 e foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra o 31/10/2023.
Calis Montes, portavoz do partido municipalista, afirmou que o PP “non poden escusarse na súa recente toma do cargo nin na falta de tempo, pois deberían saber que estas axudas se convocaban anualmente. Parece máis unha cuestión de falta de coñecemento e de xestión do concello, que deixa sen axuda ás asociacións municipais e que ademais deixou de gastar 10.000 euros que estaban orzamentados e reservados para tal fin”.
Mónica Vázquez, concelleira portavoz do mesmo grupo na área económica, asegura que “ese importe non se empregou para outros fins, é dicir, que quedaron sen gastar 10.000€ que podían terse redirixido a outro tipo de axudas, outras convocatorias ou certames ou actividades da mesma natureza por medio dunha modificación orzamentaria. Así mesmo, poderíanse ter empregado para o Certame de Decoración de Nadal, iniciativa do goberno anterior de AporM que o novo goberno do PP tampouco decidiu continuar e que deixa sen empregar 400 euros reservados para os premios dos participantes neste certame”.
Unha vez pechado o exercicio 2024, estas contías pensadas para axudar ás asociacións pasarán a formar do Remanente de Tesouraría, e só poderán ser empregadas para amortizar débedas con entidades de crédito. Así, estes fondos non poderán ser utilizados para a finalidade para a que estaban previstas, polo que as asociacións de Mondariz non poderán dispoñer desa axuda municipal para desenvolver o seu importante labor.
Dinamizadores sociais
Para ApoM as asociacións deportivas e culturais son clave nos pequenos concellos coma Mondariz, porque fomentan a integración social, fortalecen a identidade local e promoven hábitos saudables. Ademais, ofrecen oportunidades de lecer, deporte e cultura, reducindo a desigualdade de acceso a actividades recreativas e educativas. Ademais estas asociacións tamén dinamizan a sociedade e a economía local e reforzan o sentido de comunidade, o que constitúe un activo esencial en vilas de pequeno tamaño coma a nosa.
