Xulio Fernández, Secretario Comarcal da CIG Industria

Xulio Fernández

Despois de rematada a fantasía de luces e cores do nadal vigués, que agocha unha realidade industrial cada vez máis precaria, achegámonos ao local da CIG para conversar con Xulio Fernández, SC da federación de Industria da CIG, e coñecer a súa valoración sobre a situación industrial na comarca de Vigo. Xulio é un veterano sindicalista lúcido e cordial,dotado dunha extraordinaria capacidade para o sarcasmo, co que unha vez máis foi un pracer conversar.

A administración municipal non apoia en absoluto á industria da nosa cidade”

Xulio, faime unha valoración global de como está a situación xeral da actividade industrial da Comarca de Vigo.

Ben, vou falar entón por separado dos dous grandes sectores: o naval e o automóbil,ambos en franca decadencia.

O naval aínda se pode considerar como un gran sector industrial na area de Vigo?

No naval aínda traballan arredor de 2.000 persoas. É verdade que en Vigo hai vinte anos chegaron a traballar unhas 10.000 persoas, e reduciu o seu volume de maneira substancial, pero o naval aínda ten actividade e veremos como se vai desenvolvendo no futuro. O que mellor define a situación presente do sector é o termo precariedade. As condicións de traballo son precarias e con grandes deficiencias na saúde laboral.

Estamos ante un sector con empresas de síntese no que o traballo é realizado fundamentalmente por contratas, o que esixe uns importantes niveis de control e coordinación que non se están a levar a cabo

Sempre foi unha actividade precaria?

Esta actividade sempre foi de condicións duras de traballo pero segue empeorando en comparación co resto de actividades. As condicións en saúde laboral son dramáticas. As condicións de traballo moi duras con temperaturas moi altas cando chega o verán , por iso pedimos que so se traballe en xornada de mañá. Espazos confinados, temperaturas moi baixas no inverno.

Non existe no naval o traballo continuado?

Non. Armón que é empresa máis grande agora mesmo e a nova propietaria de Barreras négase. Tanto é así que temos desenvolvido concentracións diante da factoría e denuncias como Federación

Cal é o motivo?

Eles defenden que o corte para a comida produce unha maior sensación de descanso. Para nós non ten sentido e estamos en radical desacordo.

Que evolución prevedes para este sector naval?

Non prevemos que vaia cambiar moito en moito tempo, de todos os xeitos debemos de estar vixiantes

Falemos agora do automóbil?

A CIG ven detectando desde hai moito tempo que as condicións do sector poden chegar a ser realmente dramáticas ante o novo cambio de modelo produtivo sumándose as políticas de deslocalización que poñen ás empresas auxiliares en graves riscos. Neste sector non hai unha conciencia sectorial, son traballos de fábrica a fábrica e cada unha vai salvando a situación como pode. Na CIG vimos realizando campañas de concienciación do sector na procura da unidade dos traballadores

Non hai conciencia sectorial entre os traballadores e traballadoras?

Non é tan importante como noutros sectores, aínda que dun tempo a esta parte vai mellorando a cousa, o que nos permitiu por exemplo irmos a unha folga do sector.

Existe no sector unha desviación da produción industrial cara a outros países?

Si, si que existe, a Portugal e a Marrocos. O sector do automóbil está en risco na Comarca de Vigo.

En risco de reducirse de maneira tan importante como o naval?

Si, igual co naval. Pensamos que en pouco tempo vai a haber peche de empresas e outras van reducir substancialmente a súa produción.

Isto nótase no deterioro das condicións laborais ?

Abofé que se notan. Afectan ao propio desenvolvemento do traballo, as paradas, os ERTES continuos.

As administracións autonómica e municipal apoian a actividade industrial?

Non hai ningún tipo de apoio por parte das administracións,

A administración municipal quere converter a Vigo nunha cidade de servizos, e en consecuencia elude as súas responsabilidades coa industria local?

Non cabe dúbida que é así. E tampouco a hai de que os empregos do sector servizos son de moita peor calidade que os da industria, xa que logo o deterioro das condicións de vida das clases traballadoras é unha consecuencia inevitable desta política disparatada.

Como está a saúde interna da Federación de Industria da CIG da que ti es o máximo responsable?

Neste momento somos unha federación que está crecendo tanto en afiliación como en delegados e delegadas, podemos dicir que a Federación está en alza. Somos o referente da comarca a nivel sindicato.

Que valoración fas desta folga do automóbil?

Tendo en conta que os demais sindicatos non só non a apoiaron senón que a combateron sen dar a máis mínima alternativa, o éxito foi máis que notable dando unha mostra de fortaleza sindical.

CCOO e UXT combateron a convocatoria de folga?

Non a apoiaron e foi amplamente criticada, mesmo sindicatos máis pequenos tamén a criticaron.

A saúde interna da CIG como está?

Agora temos un sindicato moi cohesionado internamente que nos permite traballar en defensa da nosa clase con comodidade e eficacia. Na CIG a día de hoxe todas as sensibilidades teñen cabida e se respectan.

Sobre a recente expulsión do presidente dun comité de empresa como afiliado, que tes que dicir?

A discrepancia interna, incluso a crítica , é perfectamente asumible, pero sempre que se dea dentro dos organismos do sindicato. Cada delegado ou delegada pode defender o que lle pete, pero cando as distintas posicións se debaten e se adopta unha liña maioritaria, todos os afiliados e afiliadas temos a obriga de defendela cara fóra. Cando non só non se defende , senón que se combate estamos ante un comportamento desleal inaceptable.

O relevo xeracional da Federación de Industria está asegurado ou preocúpate Xulio?

Si que hai unha certa falta de conciencia política e sindical na xente máis nova,pero tan pronto comezan a se integrar na dinámica dun comité, a situación tende a se reverter. O relevo xeracional nas estruturas e organismos da CIG está plenamente asegurado.

Eso que dis responde á realidade? Ou é unha contestación tópica?

É absolutamente certo. Hai un feixe de afiliados e afiliadas á CIG que aínda non teñen 30 anos e posúen un sólido compromiso social, sindical e político.