O BNG do Porriño escolle a unha nova responsable local

O BNG do Porriño escolle a unha nova responsable local
Tino Lago

Contábame un amigo adestrador de fútbol, xa veterano, que ao longo dos milleiros de quilómetros percorridos, en máis de 3 décadas de profesión, polos campos do país galego vendo partidos de fútbol modesto, tense encontrado con futbolistas de enorme talento, con capacidade para chegaren á elite, pero que por circunstancias diversas non o puideron facer, e que se cadra esa é unha das súas maiores frustracións. A min pásame o mesmo coa política: en máis de 30 amos que levo no máis profundo das tripas da política galega teño visto de todo, desde inútiles pouco máis que analfabetos e analfabetas aos que a casualidade, a sorte, o transfuguismo ou calquera outra mala arte colocaron en alcaldías ou en calquera outro posto político relevante, ata auténticos portentos, verdadeiros animais políticos que por h ou por b nunca tiveron a oportunidade de chegar. Un deles é Pedro Pereira,candidato á alcaldía do Porriño polo BNG, e a única persoa que coñezo que é capaz de ter todo O Porriño, centímetro a centímetro , na cabeza. Se a sociedade do Porriño nunca lle dera a oportunidade de ser alcalde, sería unha demostración palpable do absurda que pode ser ás veces a vida.

En calquera caso xa se está convertendo nun agradable costume para min o de coñecer e conversar coas distintas persoas que van asumindo a responsabilidade de dirixir a organización local do Bloque, unha organización viva, sólida e solvente que nos últimos anos tivo como responsables a Míriam , a Marcelo e agora tócalle a Menchu: unha muller de Atios que pese a ser xa veterana na militancia nacionalista conserva intacta a ilusión. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Menchu Pereira.

Afronto a responsabilidade con toneladas de ilusión, e coa intención de dar o mellor de min para que o nacionalismo no Porriño poida crecer”.

Ben, comecemos por coñecerte un pouco?

Pois eu son e vivo en Atios. Vivo na mesma parroquia na que nacín,mudei de barrio pero non de parroquia. Traballo no sector da pedra. Xa levo máis de vinte anos traballando neste campo. Sempre me interesaron os asuntos públicos, de feito alén da militancia política tamén procuro implicarme no tecido social da miña comunidade, así pois, formo parte da Comunidade de Montes de Atios.

Cando e como se iniciou a túa relación coa política?

Desde sempre. A política é o instrumento que determina como nos organizamos socialmente, e non concibo as posicións que manifestan desentenderse ou carecer de interese polos asuntos políticos. As decisións políticas afectan á vida cotiá das persoas, e se non queremos participar serán outros e outras quen decidan por nós. Síntome unha muller libre do meu pobo, o pobo galego, e xa que logo o camiño para ser simpatizante e votante do BNG veu á miña vida por si só. Aínda que desde moi nova colaborei co BNG do Porriño, a miña afiliación foi no ano 2015.

Caramba entraches nun momento moi difícil, naquel ano o nacionalismo galego estaba atravesando unha das maiores crises da súa historia

Ese foi o momento no que entrei,coincidiu así. En calquera caso a implicación e a conciencia de formar parte dun colectivo exixe estar tamén nos malos momentos. Estar só nos días de viño e rosas é moi doado.

Dende cando formas parte do Consello Local?

Desde ese mesmo ano 2015 e xa comecei como responsable de organización tamén.

Levas 10 anos ininterrompidos como responsable de organización?

Si, así é. Aínda que sempre coa colaboración desinteresada e xenerosa dos meus compañeiros e compañeiras. Non me gusta particularizar, adoita ser inxusto, pero neste caso quixera facer unha excepción para salientar a axuda que en todo este tempo me brindou a compañeira Duli.

Non te coñezo, pero se levas tanto tempo con responsabilidades de organización presupóñoche un perfil persoal moi concreto: serio, solvente, rigoroso, constante….no caso contrario non sería posible

Ha, ha, ha, ha, ha…Non o sei. Só dicir que me gusta o traballo de organización , gústame moito máis que a exposición pública. Non a levo nada ben.

Todo é afacerse

Si, supoño que si, pero de momento non a levo ben.

Cando deches o salto a responsable local?

En xaneiro deste ano. Despois das asembleas nacional e comarcal, como marcan os estatutos do BNG.

Por que se produciu o cambio, propuxéroncho os teus compañeiros e compañeiras ou a decisión foi túa?

A decisión foi consensuada. Consideramos que a persoa que quedase co cargo debería ter bagaxe dentro da organización. Pedro, Míriam e Marcelo están no Concello, e entendemos que deben de centrarse no traballo institucional. E do resto de persoas que estamos no Consello local, decidimos que fose eu quen asumira a responsabilidade.

Con que ánimos afrontas a responsabilidade Menchu?

Con moita cautela , é algo novo para min e xa che dixen que tendo a escapar da exposición pública, pero con toneladas de ilusión tamén. Estou decidida a dar o mellor de min mesma para que o nacionalismo poida crecer no Porriño. Co equipo marabilloso de persoas que me acompañan estou segura de que todo vai ser doado. Temos un CL que combina a persoas veteranas, con moita experiencia, con novas incorporacións, de feito hai dúas persoas novas que se acaban de sumar, algo que nos enriquece e asegura a nosa continuidade no tempo.

Como está a saúde interna do BNG Local de Porriño?

Estamos moi ben, incorpórase xente nova e temos militantes moi implicados e implicadas. O BNG é unha organización viva que está sempre en todos os conflitos sociais e políticos. Onde hai un problema alí está o BNG para tratar de achegar unha solución, e en moitas ocasións estamos nós sós. Por mencionar unha área na que hai campo para podermos mellorar, e imos tratar de facelo, dicir que nos gustaría que houbese participación máis activa das persoas que nos consta que simpatizan con nós.

Como valora a Responsable Local do BNG do Porriño este mandato que case leva dous anos?

O PP está nas antípodas da forma de facer política do BNG. Nós temos un modelo de Vila,sabemos a onde queremos chegar e deseñamos un camiño e unhas liñas de traballo .O PP fóra das festas, lupandas e populismo, non ten nada que ofrecer á sociedade do Porriño.