Francisco Álvarez Koki
Nova Iork 26 de marzo do 2025.
Camiñei polas rúas, que tantas veces camiñei sempre. Atopei nos ollos da xente que vive nas cidades ese cansazo de sobrevivenza desconsolada Atopei nos ollos dá xente dás cidades esa dor que roe por dentro como un can de palleiro. Atopei mozos e vellos no acubillo dos cartóns, nas rúas vellas de sempre. Atopei todo iso no corazón mancado deste imperio. Os homeless, non ten Deus que os protexa. Este ano, ademais de todo iso, apareceu unha nube de medo. Os emigrantes, teñen medo, os turistas, teñen medo, os que soñan, teñen medo. A xente de sentido común, ten medo. O país empeza a estar secuestrado polos alcóns do contubernio. Todos que non pensemos igual que eles, empezamos a ser un trofeo de guerra.
Nestes días a Secretaria Nacional de Seguridade, retratouse, fronte a mega cárcere que o presidente do Salvador Bukele, lle ofreceu a Donald Trump. Este monicreque político, non sabe que Roma non paga os traidores. Esta muller, encargada da seguridade nacional, aparece fachendosa coa súa cara como un mapa cultivado polo botox, como un bicho depredador. Esa mensaxe cara aos os emigrantes indocumentados convidándoos a marchar da terra prometida é noxento. Probablemente, ela nunca se puxo no noso lugar, nin tivo necesidade de facelo. Que saibades que este tipo de xente vai tódolos domingos a misa. Pero esta ameaza cara aos emigrantes, ten tamén outro dano colateral. O abuso dos patróns que si antes os explotaban, agora están legalmente autorizados a chupar mais sangre. (podían
chupar outra cousa).Os presos Venezolanos. Se non foron todos, unha parte considerable deses presos, foron sen ter un xuízo xusto, moitos sen cargos. Iso fíxome lembrar, aquela lei que legalizara o franquismo de, “vagos e maleantes”, ou aquel grito do ministro franquista Manuel Fraga de “A rúa é miña“. En realidade temos que entender, que para ser presidente de un imperio, non podes ter inclinacións de santo, senón mais ben de demo. Eu, nunca entendín de que sempre USA viña con un tecido de líder das liberdades, cando sempre usou o seu poder para facer mal, quitar e por presidentes en latino-América, meternos bases onde nos quepa e manter aos ditadores, como Franco, pra usalos ao seu servizo. Por exemplo para porlle unha secretaria a Castelao para espialo. Fai algúns anos, escribín uns versos que dicían.
Din que os norteamericanos son os mais civilizados. E senón pregúntenllo a bomba atómica. Nestes días todos puidemos ollar, como seis policías de emigración secuestraban á estudante de orixe turco, Rumeysa Oztur, secuestrada en pleno día, polo feito de usar o seu dereito de liberta de expresión, nun artigo defendendo a Palestina do xenocidio Sionista. Como sempre fai o fascismo, terxiversa a verdade e acúsannos de apoiar o terrorismo de Hamas e, non é así. Non queremos violencia. O que si queremos e que se lle devolva a patria os cidadáns palestinos e deixen de continuar con este xenocidio. Pero, por que se chegou a esta situación? O presidente ganou as eleccións e este e o resultado da ignorancia dos cidadáns. Escoitei a moitos emigrantes queixarse de que eramos moitos, outros moitos brutos querían a súa maneira América primeiro é grande.
Tamén isto recorda a, Unha Grande Libre. Nas primeiras protestas nas universidades de Nova Iork. Na universidade de Columbia, foi detido un dos líderes. Mahmoud Khalil de orixe palestino, inda que estaba legal no país e casado cunha cidadá americana. A universidade de Columbia quixo defender os estudantes, pero a ameaza de Donald Trump de retirarlle 400 millóns de fondos federais, fixo que esta cambiase de parecer. Como di o vello refraneiro “Cando o diñeiro fala, a xustiza cala”. E Columbia xa está o servizo do poder. Neste intre nada se parece mais que o poder nazi que o poder en USA. Están sementando o poder e todos calan. Fai algúns meses, en certos estados do país, ofrecían 1000 dólares por denunciar á emigrantes indocumentados. Hai moito medo. Non sei cando comenzarán a queimar libros e facer queimas. Si fora crente diría “Deus nos colla confesados”.
