O PP de Redondela esíxelle ao goberno que aproveite o convenio coa Xunta para a posta en valor e a celebración de actividades na Illa de San Simón tras seis anos de esquecemento

Javier Bas candidato do PP á alcaldía de Redondela

Os populares lembran que hai un acordo co Goberno galego que permite que o Concello empregue asiduamente este espazo e impulse a súa difusión, pero lamenta que o executivo “non fixera absolutamente nada” neste emblemático arquipélago da parroquia de Cesantes

· O voceiro municipal, Javier Bas, tilda a proposta socialista de integrarse nas fundacións de xestión e administración da illa de “intento baleiro de lavar a cara simplemente por cuestións de confrontación e de axenda ideolóxica que nin lle importan aos veciños nin valorizan San Simón

Redondela, 2 de abrilde 2025.- O grupo municipal do PP de Redondela vén de posicionarse sobre a situación e o emprego da Illa de San Simón e o papel que debe xogar o Concello sobre enclave esixíndolle ao goberno local que abandone a “política baleira de palabras estériles” e aproveite ao máximo o convenio vixente entre a Xunta de Galicia e a administración local para a súa posta en valor e a celebración de actividades tras seis anos de absoluto esquecemento.

Os populares lembraron que actualmente está en vigor un amplo e potente acordo entre o Goberno galego e o Concello de Redondela, asinado en marzo de 2015 polo entón alcalde Javier Bas, que permite que o municipio celebre nesta emblemática illa da parroquia de Cesantes actividades socioculturais e deportivas, accións de potenciación e promoción dos seus valores, visitas guiadas e incluso que deseñe un calendario anual de eventos en coordinación coa Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

O Concello de Redondela pode e debe empregar asiduamente este espazo, que posiblemente sexa o máis coñecido do noso municipio en toda Galicia, e tamén ten que impulsar de maneira decidida a súa difusión e promoción, pero lamentablemente non fixeron absolutamente nada malia as moitas

oportunidades que lle confire o convenio coa Xunta”, aseverou o voceiro municipal, Javier Bas.

Por elo, e ante a nova proposta dos socialistas locais reclamando a inclusión do Concello na Fundación Museo do Mar de Galicia, dependente da Xunta e que regula os usos de San Simón, e pedindo a reactivación da Fundación Illa de San Simón, o PP redondelán amosou o seu escepticismo en que “un partido ao que lle custa un mundo xestionar o goberno local cun mínimo de eficiencia queira tamén poñerse a codirixir esta illa, coas limitacións de usos, aforos e actividades que loxicamente ten que ter, e máis cando nestes seis anos deixou clara a súa total desidia e pasotismo con este enclave”.

Deste xeito, o PP cre que o goberno de Digna Rivas tivo agora esta “ocorrencia” por cuestións de interese política e electoral e por presións dos seus socios e aliados BNG e AER: “Cremos que estas novas peticións supoñen un intento baleiro dos socialistas para tentar desviar a atención da súa nefasta xestión en Redondela, para lavar a cara tras pasar de San Simón todo este tempo, para buscar a confrontación coa Xunta e para tratar de implantar unha axenda ideolóxica sectaria que nin lle importa aos veciños nin serve para valorizar San Simón”.

Finalmente, os populares redondeláns consideran de maior utilidade que o Concello se adhira e apoie a petición da Xunta de Galicia ao Goberno de España para que transfira a titularidade da Illa de San Simón a prol da comunidade autónoma despois de que a mesma leve trinta anos coidando, xestionando, preservando, divulgando e investindo neste espazo e de que acordo de cesión finalice dentro de dous anos.