IV Edición da Feira de Saúde e Benestar FEIRAMOS

Noelia Conde

Os próximos 10 e 11 de maio no pavillón Óscar Pereiro de Mos vaise celebrar a IV edición de FEIRAMOS, unha feira de saúde e benestar que presentará un abano enorme de terapias e talleres orientados á saúde física e emocional das persoas. Este evento está organizado por Noelia Conde, unha terapeuta mosense coa que de novo foi un pracer conversar.

Noelia Conde Lago, organizadora .

Estou moi agradecida ao pobo de Mos pola acollida que nos dá”

Parece que o evento vaise consolidando,Xa imos pola IV edición?

Pois si. Estou moi satisfeita de como nos está a recibir o público de Mos. Menos a a segunda edición que fixemos en Ponteareas, o resto foron aquí ,e o resultado é moi positivo.

En que datas se celebra o evento?

Serán os próximos días 10 e 11 de maio no Pavillón Óscar Pereiro.

En que horario?

De 11:00h. da mañá ás 21:00h da noite ininterrompidamente o sábado e domingo. Haberá postos de comida para poder pasar o día.

En que consiste o evento?

Vai a estar dividido por zonas, unha será para conferencias durante todo o día. Outra zona será onde se impartirán os talleres, noutro espazo haberá terapeutas profesionais facendo consultas e logo haberá postos de venda de produtos. Haberá actividades todo o día tanto para rapaces ou rapazas pequenos ata as persoas maiores. Tamén estará Mobles Soliño, teremos camas articuladas para persoas maiores ou con problemas de mobilidade.

Que hai para nenos e nenas pequenas, e que hai para persoas maiores?

Para á rapazada pequena hai inchables e estará o sábado pola tarde Tatarina que é un grupo que fai contacontos, monicreques e xogos. O domingo tarde estará unha persoa facendo un contacontos.

E para os adultos todo o mencionado antes, engadir que haberá masaxes, acupuntura, reflexoloxía astróloga, esta o ano pasado foi un éxito. Un terapeuta explicara o que é a hipnose e fará unha pequena práctica. Numeroloxía cabalística que será algo novo deste ano.

En que consiste?

Faise coa túa data de nacemento, a suma dos números dirá trazos da túa personalidade.

Tamén haberá unha doula, esta é unha persoa equivalente a matrona de partos da sanidade. A doula é unha profesional que acompaña á muller durante o embarazo, o parto e o posparto, brindando apoio emocional, físico e informativo para as mulleres que queren ter un parto natural, como se facía antigamente na casa.

Tamén teremos diferentes tipos de talleres máis enfocados ao estrés de tipo mindfulness que é unha técnica de meditación que busca adestrar a mente para centrar a atención e dirixir os pensamentos. Taller de coach, de feng shui. Este ano temos máis talleres ca en ningunha outra edición.

Cantos talleres hai?

Repartidos nos dous días haberá dez talleres.

Este ano tamén temos a charla de Eva López, a psicóloga de Vigo que vai falar das parellas. Como novidade contamos coa protección civil e a policía local de Mos que nos vai falar de temas de seguridade viaria cos nenos e nenas nos coches. Eu darei unha charla de como as sas emocións afectan na nosa saúde.

Cando é a túa charla?

O domingo pola tarde.

As emocións afectan á saúde física?

Si, completamente. Cando recibes unha mala nova como consecuencia parece que o estómago se bloquea, ou cando o teu xefe che carga de traballo e con presas normalmente parece que tes un peso enorme nas costas.

Isto como se xestiona?

Escoitando ao corpo en todo momento. Eu fago Bio-descodificación para isto.

Isto en que consiste?

Esta técnica creouna Hamer, un doutor que xa faleceu, e é sobre a súa propia historia vital. A el matáronlle un fillo nun barco e despois disto el padeceu un cancro de próstata e a súa muller un cancro de peito.

E consideraba que estas enfermidades eran causas directas pola morte dun fillo?

Si, por ese trauma vivido. Comezou a estudar como saen manchas no corpo que identifican a doenza dun órgano.

Para tratar estas doenzas levamos as persoas á orixe, no noso ciclo de vida, ao mellor tes unha doenza agora de adulto por algo que che pasou na nenez. Estas terapias son complexas e acabas revivindo traumas e chorando moitísimo. Cando o botas para fora, coma por arte de maxia, a dor desaparece.

Como son as expectativas de asistencia?

O ano pasado o sábado foi un éxito, sobre todo coa charla da psicóloga. Este ano adaptamos a data entre todos para que no coincida con ningún outro evento e agardamos que vaia todo moi ben.

A entrada é de balde?

Si, todo é gratuíto, o único que ten custo é se queres mercar algo.Se asistes a algunha terapia ou algún taller tamén ten custe, estes oscilan entre os 10 e os 20€.

Con todo para este ano temos unha previsión moi optimista de asistencia, quedei moi satisfeita nas edicións anteriores e considero que este evento debe perdurar no tempo polo ben da nosa saúde.

Para agradecer á xente a súa asistencia, as persoas que teñan 5€ de gasto daráselle unha papeleta para participar en varios sorteos.

Que ides sortear?

Cestas de produtos, consultas con desconto e unha tablet o domingo á noite antes de rematar o evento. Ademais, se antes do cinco de maio entras na nosa web e te rexistras para algún taller, xa entras directamente no sorteo da tablet.

Como se financia este evento?

Os Postos pagan unha cota.

O Concello de Mos que tal se porta?

O concello sufraga a publicidade, este ano manda a policía e a protección civil, préstanos o equipo audiovisual e cédenos as instalacións e as cadeiras.

Achega económica faivos?

Non, iso non.

E quen che axuda na organización?

Ninguén, iso fágoo eu soa. E case non teño ningún rendemento económico por facelo, isto é para dar a coñecer a nosa profesión e ensinarlle a xente que hai outras alternativas á medicina tradicional. O día 23 de abril ás 19:00h. fixemos a presentación da Feira no Multiusos coa alcaldesa, na que dei unha charla de alimentación.

Por outra parte agora tamén estou co Congreso de Naturopatía de Galicia o 26 de abril, eu son a presidenta do Organización Colexial Naturopática FENACO.

E podes conciliar ben todo iso coa túa vida profesional e persoal?

Non sei onde quito o tempo e as enerxías, pero si, si que podo. No que respecta ao meu negocio, agora mesmo estamos co traslado de gabinete, marchamos para Puxeiros, enfronte o colexio Lar na Avda. Rebullón. Meu home é o quiromasaxista e tamén fai Reiki e limpezas enerxéticas. Eu trato as enfermidades desde a súa orixe, traballo a parte física, a parte emocional e parte enerxética. Segundo a doenza que teñan as persoas podo dicirlle que alimentos as poden estar provocando, facer tratamento con acupuntura e traballar a parte emocional.

Cando comezades en Puxeiros?

Esperando a rematar co carpinteiro para poder trasladarnos, será máis pronto que tarde.

Ilusionada co cambio?

Si,moito.

Ilusionada con esta nova edición de Feira Mos?

Si, claro. Todo o que sexa axudar aos demais fai que a vida pague a pena.