XXVI edición do festival de monicreques de Redondela

Luis Crespo

Entre o 12 e o 18 de maio vaise celebrar en Redondela a XXVI edición do

festival internacional de títeres “ memorial Juanjo Amoedo. Este grande evento de monicreques xa é un clásico no universo cultural non só de Redondela, senón de Galicia enteira, e nós non podemos deixar de darlle o espazo que merece nas nosas páxinas.

Ao longo da historia universal do pensamento hai dúas visións opostas acerca de cal debe de ser a finalidade da arte: hai quen di que a arte debe de cinguirse á busca da beleza estética, e hai quen opina, coma min, que a arte non se pode separar do contexto no que vive e debe de ser crítica, aceda, corrosiva e penetrar ata o máis profundo das razóns das cousas. Exactamente iso pensa Luis Crespo, o director do festival de monicreques de Redondela, por iso nos gusta tanto. Un director que, non sei se nunca llo dixeron, ten o mesmo sorriso que tiña Darío Fo, por iso nos gusta máis. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa

Luis Crespo, director.

A nosa intención é deixar pegada no corazón dos espectadores e espectadoras”

Comezamos o camiño cara ao medio século do festival,Luis?

Comezamos con moitísima ilusión e toneladas de folgos a XXVI edición do noso festival, cando digo noso refírome a todo o pobo de Redondela, coa intención de converter ao noso pobo nun escenario internacional de espectáculos de monicreques que nos fagan gozar a todas e a todos.

Cantos escenarios haberá?

Na rúa arredor de 10 ou 12, con arredor de 45 funcións. En sala teremos en torno a 20 funcións. Se non me falla a memoria creo que en total faremos 67 representacións, nos 7 días que dura o festival.

Teremos compañías de países diversos?

Si, contaremos con grupos de Arxentina, Italia, Brasil, Chile,Portugal…..A verdade é que nós traballamos cun sistema que trata de traer compañías de calidade que están en disposición de vir cando facemos o festival. Non é tanto traer compañías de moitos países para encher, senón traer calidade con independencia de onde veña.

Podes ter a seguridade, Marcos, que cada compañía que traemos é porque ten algo que ten a capacidade de engaiolar.

Segovia ten un papel importante na vida do festival?

Abofé que o ten. Este festival nace grazas a Segovia, e nós levamos con Segovia os nosos 26 anos de vida.

Fálanos desa relación con Segovia

Juanjo Amoedo era presidente da AV de Redondela, e nunha viaxe que fixera “Tanxarina” a Segovia foi con eles ao “Titirimundi”, un festival de monicreques que hai nesa cidade. Alí dáse de conta que algo semellante podería casar moi ben no pobo de Redondela. Cando el formula a proposta un desgraciado accidente fai que morra.

Despois da súa morte teceuse como unha especie de rede de afectos e emocións que propiciou que diferentes persoas e colectivos se puxeran de acordo para crear o 1º festival na súa honra.

Cando poñedes á venda ás camisetas?

O festival comeza o 12 de maio, e as vendas comezarán a fin de semana anterior. A partir do día 9 ás 17:00 abrimos as vendas de camisetas e os despachos de billetes.

Venda on line tendes?

Non, nese sentido somos un pouco antisistema. Desa maneira o pobo de Redondela pode mercar as entradas sen problema.

Teremos pasacalles este ano?

Por suposto que si. Imos traer “ Os cabalos de Menorca”, que é un espectáculo que sempre deixa pegada na alma das persoas. Imos traer un caracol xigante que é o que vai facer a Ruada.” Os tres porquiños” farán un serán que tratará de acertar o folclore galego aos máis cativos.

Como se portou o Concello con vós?

O Concello sempre se porta ben con nós. Temos uns protocolos e asinamos o convenio 30 días antes da celebración do festival, para que nos fagan o ingreso e podermos traballar con tranquilidade.

Teño que dicir que tanto Digna como Rita teñen un nivel de compromiso moi importante, e eu só podo agradecer a súa eficacia na xestión.

Sen o apoio do Concello o festival sería posible?

Sen a simbiose entre “ Xente Titiriteira” e o Concello non, non sería posible. Teño que dicir que en 26 anos penso que temos demostrado que somos un festival importante para Redondela, e creo que temos gañado o respecto de toda a corporación. Entendo que o apoio do Concello ao festival está garantido con independencia das futuras conxunturas políticas.

Os comezos do festival foron moi duros?

Eu diría que foron ilusionantes. Era algo moi emocional, a figura de Juanjo estaba moi presente pois había moi pouco tempo que morrera. Eu sumeime á edición número 4 e teño que dicir que estou moi orgulloso de que ao longo de todos estes anos mantiveramos os nosos criterios artísticos.

Dicías que te incorporaches na edición número 4, levamos 26.Quédalle moito a Luis Crespo nos monicreques?

Pois todos os anos penso o mesmo. Vou empregar un símil futbolístico para poder contestar con propiedade e dicir que imos partido a partido, é dicir; edición a edición.

Cando remata unha edición xa comezas a pensar na seguinte?

Cando termina unha edición comeza unha etapa moi dura relacionado coas xestións administrativas coa DEPO e coa Xunta para que fagan efectivas as súas achegas o antes posible. Cando rematamos nós temos os cartos que nos dá o Concello e o que xeramos nós, pero o restante tarda varios meses e iso pode ser un problema moi serio para nós.

E facer o festival sen saber exactamente canto podedes recibir da DEPO e da Xunta non supón un risco?

E tanto que o supón. Ás veces temos sufrido moito con iso.

Supoño que como sempre teremos campaña escolar?

Si claro, dedicada aos colexios públicos de Redondela. Creo que son 1.143 rapaces e rapazas os que pasarán polos nosos escenarios.

As propostas de sala como as tedes artelladas?

Igual que o ano pasado temos unha proposta de luns a xoves,que é unha proposta familiar. E o venres sábado e domingo temos unha programación especial para adultos.

Temos unha función que nos ilusiona moito que poremos para maiores de 16 anos porque vai mergullarse na intimidade dunha relación. Quero dicir que levamos 11 anos tratando de traer esa compañía e por razóns diversas non o puidemos facer ata agora.

Imaxino que compañías galegas haberá?

Por descontado que si: Tanxarina, Cachirulo…. E un grupo de pandeireteiras para homenaxear ás galardoadas coas letras galegas deste ano, tamén.

Rematamos Luis cunha pregunta da que me interesa moito coñecer a túa opinión: Que é o teatro para ti?

O teatro é un reflexo da vida, penetra nas emocións profundas do pobo co que consigue tecer vínculos sociais moi sólidos e axuda a ser mellores persoas, polo menos esa é a intención dos que facemos o festival: deixar pegada no corazón de quen nos ve.