Vaga de calor na planta de Stellantis Vigo: a CUT denuncia a falta de protección e o silencio dos sindicatos

Cut central unitaria de traballadores citroën

A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) denuncia a grave situación que están a padecer as traballadoras e traballadores da planta de Stellantis en Vigo debido ás altas temperaturas, así como a inacción da empresa e a complicidade doutros sindicatos (CCOO, UGT e SIT), que optan por defender os intereses da compañía en lugar de priorizar a saúde e o benestar do persoal.

A CUT tivo que recorrer novamente á xustiza para esixir o cumprimento da normativa sobre condicións laborais, tras considerar que a dirección da fábrica non respecta os límites legais de temperatura. O actual protocolo para facer fronte ás ondas de calor é, ao noso xuízo, totalmente ineficaz, obrigando ao persoal a traballar en condicións extremas, con temperaturas que superan os 30 ºC en moitas zonas das naves, chegando incluso a 40 ºC en áreas específicas. Estas condicións representan un risco evidente para a saúde dos traballadores.

Na recente audiencia xudicial, pendente de sentenza en primeira instancia, a CUT constatou con preocupación como os sindicatos CCOO, UGT e SIT se aliñaron coa empresa, negando a gravidade do calor extremo e a falta de medidas de protección adecuadas. Resultou particularmente alarmante observar como os representantes destes sindicatos coordinaban estratexias coa avogada da compañía, nunha actitude que a CUT considera inaceptable e contraria aos intereses da clase traballadora. Mentres a CUT defendeu con firmeza os dereitos do persoal, denunciando as condicións térmicas insalubres, estes sindicatos optaron por minimizar o problema e apoiar as teses da dirección.

Esta actitude reflicte unha preocupante tendencia por parte de CCOO, UGT e SIT de priorizar os intereses empresariais por riba da saúde dos traballadores, un feito que contrasta coas súas posturas noutros ámbitos laborais.

A pesar das reiteradas demandas da CUT para actualizar o protocolo de actuación ante ondas de calor, estes sindicatos non só non apoiaron a denuncia, senón que se posicionaron claramente a favor da empresa, evidenciando un distanciamento das necesidades reais do persoal.

A CUT tamén critica a falta de actuación da Inspección de Traballo, que parece dedicar maior atención a inspeccións rutineiras en pequenos negocios mentres ignora as condicións laborais nunha planta que emprega a miles de traballadores. Ademais, a CUT denuncia que o Servizo de Prevención limitou o acceso da súa delegada de prevención á zona de medición das sondas GTC, que rexistran as temperaturas en tempo real. Esta falta de transparencia dificulta a verificación das condicións reais de traballo e compromete a aplicación efectiva das medidas de protección.

Para a CUT, a saúde das traballadoras e traballadores é unha prioridade innegociable. Por iso, esixe a inmediata instalación de sistemas modernos de climatización e ventilación en todas as áreas da fábrica, xa que as instalacións actuais, con sistemas de aireación obsoletos de hai máis de 50 anos, non foron obxecto de melloras significativas para garantir condicións laborais axeitadas ante as altas temperaturas.

Coas alertas oficiais por calor activadas en varias rexións do país, e ante a previsión de temperaturas extremas nos próximos días, a CUT fai un chamamento á unión e á mobilización dos traballadores para esixir que Stellantis cumpra coas súas obrigas legais. “A nosa suor vale moito, pero a nosa saúde non ten prezo”, subliña a CUT, que se compromete a seguir vixiando as condicións laborais, denunciando irregularidades e demandando solucións inmediatas.

A CUT reitera a súa determinación para obrigar á empresa a adoptar medidas efectivas que garantan un ambiente de traballo seguro e saudable. “Se Stellantis non quere coidar de nós, teremos que obrigala”, conclúe o sindicato.