Educar
Educar é o mesmo
que poñer motor a unha barca
hai que medir, pesar, equilibrar
e poñer todo en marcha.
Para iso, un ten que levar na alma
un pouco de mariño
un pouco de pirata
un pouco de poeta
e un quilo e medio de paciencia concentrada.
Pero é consolodar
soñar mentres un traballa,
que ese barco, ese neno
irá moi lonxe pola auga.
Soñar que ese navío
levará a nosa carga de palabras
cara a portos distantes,
cara a illas afastadas.
Soñar que cando un día
estea a durmir a nosa propia barca,
en barcos novos seguirá
a nosa bandeira enarborada.
Gabriel Celaya
Este fermoso poema de Gabriel Celaya describe perfectamente o labor tan marabilloso que fan os dous profesores responsables de que esta revista, que cada ano realizan as alumnas e alumnos de 2º de bacharelato do Instituto Pino Manso do Porriño, vexa a luz. Eles son Pedro Ocampo , profesor de filosofía, e Juan Carlos Lago, profesor de debuxo. Ambos entenden que axudar a que os adolescentes poidan construír un criterio propio e un pensamento autónomo é o único camiño que no futuro pode facer que se convertan en persoas adultas libres de verdade. E disto vai “ OPINO”, un facho de luz na escuridade, unha revista de filosofía e arte feita por adolescentes que tratan de comprender o mundo no que viven e atopar un lugar propio na vida.
Este ano presentaron a IV edición, e nós non quixemos perdernos algo tan agradable como unha nova conversa con Pedro e Juan Carlos. Velaí vai
IV Número da revista OPINO do instituto Pino Manso do Porriño.
Falamos con Pedro Ocampo, profesor de filosofía e Juan Carlos Lago, profesor de debuxo.
“Os adolescentes precisan o debate cara a cara, poder discutir de maneira respectuosa con outras persoas”
Contádeme as características desta cuarta edición da revista?
Ben, fixemos como nas anteriores edicións e o tema de cada número elíxeno os alumnos e alumnas.Este ano decidiron mergullarse en profundidades e tratar as cuestións que poden ser tabús.
Cal é o proceso para que escollan o tema?
Reúnense, propoñen varios e van a votación. Nós nesta fase non nos metemos. O que facemos é dar ideas despois de que o tema estea elixido.
Os estudantes son de segundo de bacharelato, cantos rapaces e rapazas forman parte da redacción deste traballo?
Ao principio eran algo máis de 20, ao final chegaron 10 rapazas.
Por que motivo son todas mulleres?
Estamos convencidos de que é porque están máis preparadas para o traballo en equipo, e están máis implicadas no ben colectivo.
Caramba que interesante. E en base a que argumentos tirades esa conclusión?
En base á observación empírica da realidade na nosa experiencia das catro edicións da publicación. Por outra parte quixeramos salientar que todas teñen un gran expediente, están nun ano moi complicado, o último do bacharelato, e todas implicáronse moitísimo.
Cando comezastes coa redacción?
Comezamos na primeira avaliación, procuramos ter por Semana Santa todo redactado para despois poñernos coas ilustracións. Sempre se nos bota o tempo enriba pero ao final chegamos.
Como se fixo para escoller os textos ou os temas que se trataron?
Envíanse propostas, de todo o que mandan algúns quedan na revista e outros non. A versión dixital si que está máis ampliada. Nela hai colaboracións de traballos, enquisas, entrevistas que se fan ás familias ou nas aulas do instituto. En xeral, este ano poucos textos desbotamos. No primeiro ano si que se desbotaron moitos por ser a primeira vez e non había tanta calidade. Este ano case non se desbotou nada, incluso aumentamos as páxinas de redacción. Tamén contamos coa colaboración do demais profesorado.
Onde está a versión dixital?
Pendurarémola na páxina do centro.
Equivócome, ou neste número hai máis calidade na edición, que nos anteriores?
Imos mellorando, é verdade. Este ano tamén tivemos máis tempo. Quero aclarar que no tema da ilustración esta feito por rapazas e rapaces porque é unha actividade que facemos na clase. Traballamos moito e para cada artigo faciamos como cinco ou seis imaxes.
Despois de escoitar aos alumnos e alumnas debater sobre temas tan interesantes, podemos dicir que ás persoas adolescentes preocúpanlle os tabús?
Desde logo que lles preocupan. Esta xeración non é diferente a ningunha outra. Se se lles dan vías adecuadas para poderse expresar, vemos que o que lles interesa é o mesmo que nos interesaba e nos preocupaba a nós cando tiñamos a súa idade.
Cales son os temas máis recorrentes?
O sexo e as distintas sexualidades, a droga, o corpo, a imaxe, a saúde mental…. este tema preocupa moito.
Os rapaces e rapazas desta idade xa poden comezar a ter problemas de saúde mental?
Cada vez máis, e cada vez son medicados máis novos. Incluso hai casos preocupantes de auto lesións nos que hai aplicar os protocolos anti suicidio.
Os 17 anos é unha idade para vivir a vida con plenitude e pensar en desfrutar, en amar…Paréceme terrible que unha persoa desa idade poida estar pensando no suicidio
A situación é agora máis complicada polo contexto social no que vivimos. Penso que moita da culpa a ten o mal uso de internet. Estes rapaces teñen dúas vidas, a real e a virtual. Na vida virtual teñen que seguir competindo, aparentando, necesitan likes en todo para sentirse ben consigo mesmos ou aceptados polos outros. Antes no instituto podías ter problemas se alguén se metía contigo, pero á hora de marchar para casa esquecíase o conflito. Agora o conflito é as 24 horas do día a través da rede. Se non es popular non existes.
E ese sentimento de non ser aceptado polo grupo pode xerar frustración?
Exacto. E unha frustración agravada porque a esa idades non teñen o cerebro preparado para tanta estimulación e tanta emoción. Nas últimas enquisas sobre a utilización do móbil case ninguén o utiliza por debaixo das cinco horas diarias, moitas son de noite ao marchar para cama e ao levantarse. Xa recibir cando te levantas un non me gusta por algo, frustra. A estas idades están buscando a súa identidade e a sobre estimulación cando a personalidade está aínda en construción pode ser moi perigosa.
Recíbense comentarios ofensivos e agresivos nas redes sociais constantemente?
Si, isto é algo que a nós, como profesores escápasenos, non estamos nas súas redes e non podemos controlalo. Nin os pais moitas veces tampouco poden defendelos e non se decatan de que hai un problema ata que estoupa. En canto á axuda que poidan recibir de fóra en saúde mental pola seguridade social é moi escasa. O sistema non está preparado para afrontar este problema. No hai profesionais preparados nin a atención axeitada. Antes ante un protocolo de suicidio era atendido no mesmo día, e agora tardan meses en atender a esa persoa.
Como se pode combater todo iso?
É unha pregunta de moi difícil resposta. A realidade é poliédrica e ten moitas arestas e matices, pero o esencial é fomentar a comunicación cara a cara, e o coñecemento crítico que permita aos mozos e mozas ter a oportunidade de formar un criterio propio.
Entre as preocupacións que teñen a estas idades advertistes algún tipo de pulsión política, polos colectivos, polo ben común, pola organización social ou isto xa non existe en mozos e mozas de dezasete anos?
A política é un tema dos que saíu na revista. Están preocupados pola polarización, as posturas son tan diverxentes que acaban levando a conflito. A propia política estase convertendo nun tema tabú. Na miña maneira de velo esta polarización pode ser perigosa e facer que os rapaces deriven a simpatizar con opcións que diriamos retrógradas.
Atopades simpatías á ultradereita en nenos e nenas de dezasete anos?
Si, como forma de autoafirmación, en grande maioría nos homes. Volven outra vez as mensaxes agresivas doutros anos, como se os homes foran vítimas do proceso de igualdade, as queixas polo feminismo son continuas. Curioso que incluso este pensamento dáse en rapaces emigrantes, que pensan que o malo é o emigrante que chegou despois. Tamén a maneira de dirixirse entre eles pode ser moi perigosa
Por exemplo?
“ moro, xitano, negro …”
En serio que os nenos de dezasete anos poden tratarse de maneira tan agresiva e ofensiva?
Si, cando os reprimes din que é broma e que non importa. Non entenden que non se pode reducir as persoas á cor da súa pel. Por este motivo é necesario opinar no debate cara a cara, que se poida discutir dunha maneira respectuosa e non reafirmarte coas mensaxes sen escoitar á outra persoa, sen contraste, isto é o que leva á polarización e realmente dá medo.
O preocupante é que estes personaxes son os que levan a voz, os que falan en voz alta. Na nosa época alzaba a voz o progresista e agora os que a alzan son estes, sen ningún tipo de reparo e os demais calan. Esta mensaxe vai calando ata tal punto que hai rapaces de bacharelato de ciencias defendendo o terraplanismo. As redes lévanos a esta deriva sen sentido.
Este ano non puiden vir á presentación da revista, os anteriores si estiven e lembro que o ano pasado viñera o equipo de redacción completo das tres edicións e estaba o escenario ateigado. Este ano foi así?
Si, non viñeron do primeiro ano porque tivemos un erro de comunicación. Pero a asistencia de público foi moi elevada, o que nos fixo moi felices.. Esperamos que o ano que ven xuntemos ao equipo das cinco redaccións.
A parte de ser emocionante e interesantísimo que haxa tanta xente, porque amosa certa conexión e pegada que deixa esta revista de filosofía e arte na alma destes adolescentes. Supoño que isto vos animará a seguir contribuíndo a que o pensamento crítico poida ser parte activa na formación do espírito de persoas adolescentes.
Absolutamente si. Ese é un obxectivo moi ambicioso, pero poder contribuír a que un alumno ou alumna teña capacidade para pensar por si mesmo, e consecuentemente acabe por se converter nun adulto independente e libre, é infinitamente máis importante que todos os contidos de todas as materias. E cando ves que o teu traballo axuda a que isto poida ser así, pódese dicir que a docencia pagou a pena . A publicación é unha especie de marca tamén, de saber que formaches parte de OPINO, créase un vínculo e unha maneira de pensar crítica. Saber que formaches parte dun traballo colaborativo onde se implica a moita xente como profesorado, alumnado e familias. E nestes momento nos que o conselleiro de educación pídenos unha neutralidade, que non se sabe moi ben en que vai consistir, pois máis aínda…
Como dicíamos, cada edición vai con maior calidade e financiar isto non é barato. Como facedes para sufragar a edición de OPINO?
É o Concello o que nos financia. Este ano aumentamos páxinas e non houbo ningún problema pola súa banda. Non só a financian, tamén ven o alcalde á inauguración a darnos o apoio institucional, e nós desde logo que estamos moi agradecidos..
Entre quen se distribúe a revista?
Entre as persoas participantes tratamos de difundila o máximo posible.
