O próximo venres 1 de agosto entre as 20:00 e ás 0:00 h Redondela volverá vivir unha nova edición da “Shoopping Night”. Esta noite de compras é organizada desde hai nove anos pola Asociación de Empresarios e Empresarias de Redondela. Durante a xornada os clientes que se acheguen a algún dos máis de medio cento de comercios participantes, poderán gozar de moi interesantes promocións e descontos en moitos dos artigos que vaian adquirir. Nós conversamos con Julia, a xerente de AER, para coñecer polo miúdo as características máis significativas desta xornada.
Na nosa conversa , Julia manifestou o seu interese en deixar claro o profundo compromiso da asociación coa cultura galega en xeral e co noso idioma en particular. E nós queremos dicir ao respecto que a empresa que edita ANP está asociada á asociación de Empresarios e Empresarias de Redondela, e que de ningún modo o estariamos se non tiveramos claro que é así. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
Julia Alonso, xerente da Asociación de Empresarios e Empresarias de Redondela.
“A valoración das anteriores edicións é moi positiva e estou convencida de que o resultado desta Shopping tamén será satisfactorio”
Cando se vai celebrar esta nova edición da Shopping Night?
Este ano celebrarase o venres 1 de agosto. Esta edición fixémola coincidir co festival Artistas na Rúa para que haxa unha sinerxia entre a dinamización do comercio e a actividade cultural de ocio vinculada a un centro de poboación como Redondela cunha capacidade de atracción importante, e con dous elementos que creemos se van compaxinar moi ben.
Que edición é a deste verán?
Esta é a novena edición, comezou o ano 2017.
Nunca parou esta campaña, nin pola pandemia?
Na pandemia fixemos un formato mixto chamado Shopping Days. Levabamos todo diante dos establecementos e o pobo converteuse nunha feira coa distancia de seguridade que se esixía nese momento.
Isto foi durante os dous anos de pandemia?
Si, nos anos 20 e 21.
Como naceu a idea do Shopping Night?
Naceu copiando e analizando campañas doutros lugares. Barcelona viña facendo esta Shopping Night desde hai moito tempo e foi o noso modelo de inspiración. Alí faise na época do nadal pero pensamos que aquí sería mellor no verán, porque as noites son moito máis agradables.
Sempre se fixo no verán?
Si, antes facíase a finais de xullo pero decidimos trasladala ao primeiro venres de agosto en colaboración co Concello porque era a data máis propicia para o interese comercial. Este evento foi evolucionando, Artistas na Rúa xa viña cunha traxectoria moi dilatada de replicar o mesmo formato durante anos, ao asociarse co noso evento concentrouse todo no venres.
A responsabilidade e organización do Shopping Night e da Asociación de Empresarios de Redondela, o Concello non ten nada que ver?
O Concello non ten nada que ver na organización, estamos en contacto pola necesaria colaboración loxística.
Este evento dáse nunha única xornada, a que hora comeza e a que hora remata?
Comeza á hora que tradicionalmente pecharían os negocios, é as 20:00h cando iniciamos as actividades. E prolongámola ata ás 00:00h.
Unha xornada de catro horas?
Si, nestas catro horas concéntranse actividades, descontos, promocións, etc. Na realidade, os establecementos que están máis en primeira liña non pechan ata a 1 da madrugada. Isto demostra o éxito que ten esta iniciativa comercial.
En que consisten as promocións que ofertan os negocios?
Cada establecemento ofertará, como mínimo, unha porcentaxe de desconto ou unha promoción asociada a un produto. Normalmente estamos liquidando as rebaixas no seu tramo final con porcentaxes de ata o 70%. Tamén estamos estreando a nova temporada. Na Shopping Night teñen descontos os produtos finais das rebaixas e os artigos de temporada de entre un 10% e un 20%.
Cantos establecementos participan?
Do sector comercial en torno a 50 de calquera actividade. Nestas últimas datas estamos intentando impulsar a colaboración e participación dos establecementos de hostalería e de servizos.
Tedes algún bar ou restaurante que participe?
Si, o ano pasado puxemos en marcha unha accións específica para os establecementos de hostalería cunha ruta de cóctel, na que tiñamos distintas propostas con e sen alcohol. Intentamos promocionar hábitos de vida saudable e dabámoslles uns prezos especiais polo motivo da Shopping. Cada evento ten unha temática asociada, e a preparación de cada cóctel vai asociada a esa temática
Os 50 establecementos que participan son do casco urbano de Redondela ou tamén das parroquias?
Poden participar todos os establecementos asociados. Para dar cabida aos establecementos doutras parroquias montamos tendas efémeras, dotámolas dunha carpa, de mesas ou expositores para que poidan amosar e vender as súas mercadorías.
Valórame as anteriores edicións, a afluencia foi positiva?
Desde logo que o resultado económico é moi bo, por iso repetimos. A nosa metodoloxía de avaliación para as diversas campañas é facer enquisas ao respecto. Neste evento en concreto obtivemos uns resultados moi favorables. A afluencia de público é notable, tamén esta afluencia ben marcada por toda a promoción que facemos, tanto na vila como en localidades veciñas. Igualmente é importante o atractivo engadido das actuacións no festival, que tamén son unha locomotora. Estas actividades son de balde e con acceso libre e isto é un aliciente para que veña xente de fóra de Redondela.
Hai algunha cuestión que vexas susceptible de mellorar?
A accesibilidade ao núcleo urbano. Precisamos mellorar a cuestión dos aparcadoiros para o acceso aos grandes eventos que hai no Concello.
É satisfactoria a colaboración do Concello?
O Concello sempre mostra interese por colaborar cos nosos eventos. Agora ben, todo é mellorable
Por exemplo?
Pois ás veces pode existir a percepción social de que algún evento concreto é organizado polo Concello, cando en realidade é da asociación de empresarios.
Iso a ti moléstache?
Non, non me molesta. Incluso me gustaría que houbese unha maior colaboración. O traballo das institucións ten que estar aliñado co traballo do tecido produtivo local, ten que escoitar e dar resposta as necesidades para acadar mellores resultados.
Este evento é a principios de agosto, que máis tedes previsto organizar ata finais de ano?
Para a dinamización comercial está previsto facer un formato de promoción a través de algo que se vai chamar Comercio na Rúa onde as mercadorías saíran ás portas dos establecementos, sería para a Alameda e en vez de facer Feira de Oportunidades faremos este formato parecido ao que fixemos nos anos de pandemia. Daquela deu moi bo resultado e como o noso orzamento non dá para facer os dous formatos porque tivemos recortes importantes das achegas que nos dá a Xunta de Galicia, decantámonos por sacar as mercadorías á rúa nun único evento.
