O recente congreso do PP tiña un slogan cun significante ben rechamante “ Toma partido por España”, pero cuxo significado conceptual é máis ben confuso. Que significa “tomar partido por España” en concreto?:
-Significa aprobar o uso do 5% do PIB en gasto militar?, iso é tomar partido por España?
-Significa aprobar o feixe de estupideces que ven de espetar Feijoo sobre o salario mínimo? Tomar partido por España é deixar a milleiros de españois e españolas cobrando 700 e pico € ao mes?
-Significa estar de acordo coa burrada estratosférica que espetou o voceiro parlamentar do PPdeG acerca de que a poboación de Gaza se multiplicou por 10 desde non sei que ano,e polo tanto o xenocidio palestino non existe?.
-Significa erguernos da mesa e marcharnos se alguén nos fala nalgunha lingua oficial do estado, que non sexa o español?
-Significa flexibilizar o despido?
-Significa cargarse a negociación colectiva?
-Significa retirar a palabra nun parlamento autonómico aos deputados que ousen criticar o funcionamento da xustiza?
-Significa “ La fiscalía te lo afina”?
-Significa negarlle a atención sanitaria a 7.291 vellos moribundos porque carecen de seguro privado?.Iso é tomar partido por España?
………………
E así poderiamos seguir sen que nos chegasen todas as páxinas da nosa publicación para reflectir en realidade, fora de propaganda valeira e de slogans publicitarios baratos, o que significa en realidade tomar partido polo PP.
Nós tamén tomamos partido, claro que si, tomamos partido ata mancharnos. Pero tomamos partido por principios moi diferentes
-Tomamos partido porque o pobo galego é o único suxeito lexítimo para decidir sobre os seus intereses.
-Tomamos partido polo idioma galego.
-Tomamos partido pola paz,pola igualdade, pola xustiza social e polo antiimperialismo en calquera das súas formas e expresións.
-Tomamos partido contra Altri porque é unha bomba ambiental que pode destruír para sempre o futuro dunha das comarcas do noso país.
-E tomamos partido por Palestina porque é a única posición decente posible. Cuestionar o xenocidio deste pobo espetando o aumento de poboación de Gaza, é unha barbaridade semellante a cuestionar o xenocidio do pobo xudeu a mans dos nazis porque na área xeográfica na que se ubicaba o gueto de Varsovia a poboación de xudeus se multiplicou nos primeiros anos da década dos 40 do século pasado.
A poboación de Gaza, señor Pazos, crece porque os palestinos expulsados a punta de pistola das súas casas, igual que os xudeus europeos no SXX, noutras zonas de Palestina se refuxian no que acaba sendo a maior cárcere a ceo aberto do mundo.
E como tomamos partido polo que o tomamos, e como nos manchamos da dor dos que sofren inxustiza, e como sentimos en nós mesmos as derrotas de todos os derrotados, velaí vai a escolma de imaxes da Coca de Redondela que nós consideramos necesario publicar.







