O BNG de Mos alerta sobre a desatención das medidas de prevención de incendios nos edificios municipais

As mangueiras para a extinción de lumes levan tres anos sen pasar a revisión obrigatoria, incumprindo a normativa en vigor

O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, advirte de que “esta neglixencia pode ter consecuencias moi graves”

Mos, 16 de xullo de 2025. O Grupo Municipal do BNG de Mos vén de denunciar os preocupantes problemas de seguridade das instalacións municipais, alertando de que as mangueiras de prevención de incendios levan tres anos coa revisión caducada. Segundo establece a normativa vixente, este equipamento debe ser inspeccionado, como mínimo, unha vez ao ano. Porén, a última revisión realizouse no ano 2022.

O portavoz municipal do BNG de Mos, Gustavo Barcia, sinala que “o PP de Nidia Arévalo é incapaz de atender as necesidades máis elementais do Concello de Mos” e engade que “estamos ante unha neglixencia que pode ter consecuencias moi graves”.

O ano pasado, a raíz dunha denuncia do BNG nas redes sociais, sacouse a licitación un novo contrato de prevención de incendios. A empresa concesionaria revisou os extintores, pero esqueceu as mangueiras sen que o goberno fora capaz de garantir o cumprimento das máis elementais medidas de seguridade. En palabras de Barcia, “o PP de Nidia Arévalo vive pendente das redes sociais e só actúa cando algunha publicación no Facebook pon en evidencia a súa desastrosa xestión”.

Neste contexto, o BNG denuncia a falta de control e supervisión do executivo local e sinala directamente á alcaldesa. Gustavo Barcia cre que “Nidia Arévalo está máis pendente de Madrid que de Mos e cada día que pasa desenténdese máis da actividade municipal”. O portavoz nacionalista considera que “no día a día do Concello non hai ninguén ao mando”.