BNG reclama ao Goberno avanzar en dereitos sociais e nacionais, en rexeneración democrática e que cumpra coa Galiza

Néstor Rego exixe feitos concretos na defensa dos dereitos sociais, no recoñecemento das nacións e do plurilingüísmo, na loita contra a corrupción e polo benestar da maioría social

O tempo das escusas xa rematou” sinala Rego mentres advirte que o BNG “non está en Madrid para darlle un cheque en branco a ninguén” e urxe medidas concretas

A Galiza non pode seguir agardando máis promesas sen cumprir e no BNG imos exixilo con toda a firmeza” afirma o deputado do BNG

Madrid, 31 de xullo de 2025.

Após a comparecencia do Presidente do Goberno do Estado, o BNG fai unha avaliación crítica do curso político que agora conclúe, advertindo dunha clara falta de vontade política para avanzar nas transformacións sociais necesarias e no cumprimento do Acordo de Investidura conseguido. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama a PSOE e SUMAR “máis ambición” para desenvolver de maneira efectiva a axenda social, a través da conquista de dereitos e liberdades, así como implantar as medidas recollidas na Axenda Galega.

O deputado nacionalista do BNG no Congreso demanda ao Presidente do Goberno a “gobernar dunha vez por todas, sen máis escusas” e a cumprir os compromisos asumidos coa Galiza Rego advirte que “non imos dar carta branca a quen non cumpre nin cos dereitos da cidadanía nin co noso País”.

Dereitos sociais e nacionais e rexeneración democrática: moito anuncio e poucos feitos

O BNG lamenta que o curso político estivo caracterizado por unha axenda social sen avances significativos. “O que era unha oportunidade para ampliar dereitos e garantir o benestar da maioría social quedou, por agora, en anuncios e promesas incumpridas” sinala o deputado nacionalista, Néstor Rego.

Aliás, o deputado nacionalista sinala que son precisas mudanzas efectivas para o recoñecemento das nacións do Estado, como a Galiza, e das linguas oficiais. Do mesmo modo, lembra a necesidade de dotar o noso País dun sistema de financiamento adecuado, sobre a base do concerto económico, para termos a base dos cartos e non seguir perdendo recursos.

Así mesmo, o Bloque denuncia a inacción do executivo, lembrando que, malia as reiteradas denuncias do BNG e a gravidade dos casos coñecidos, non se activaron medidas efectivas para a rexeneración democrática. “Hai un ano o BNG puña sobre a mesa propostas concretas nesta materia e o executivo aínda non as implantou” recorda.

Por outra parte, o deputado do BNG denuncia con firmeza, máis unha vez, o aumento do gasto militar anunciado polo Goberno do Estado, así como o alineamento sistemático coas directrices da OTAN e dos Estados Unidos en política internacional, sen debate parlamentario nin control democrático real.

“Estes fondos públicos deberían destinarse a fortalecer os servizos públicos, os coidados, a sanidade e a educación, no canto de nutrir a industria armamentística ou contribuír a escaladas bélicas que nada teñen que ver cos intereses da cidadanía galega e das maiorías sociais do Estado español” reivindica Rego.

“Resulta inaceptábel que mentres se atrasan os investimentos para a Galiza ou se incumpren os compromisos sociais, o Estado destine miles de millóns de euros ao gasto militar” afirma Néstor Rego.

A Axenda Galega segue bloqueada: o tempo da espera rematou

Un dos puntos centrais da crítica do BNG é a parálise na execución da Axenda Galega, parte esencial do acordo que permitiu a investidura de Pedro Sánchez. Entre os compromisos incumpridos Néstor Rego exixe impulsar a condonación da débeda da Galiza, conseguida no Acordo de Investidura, ou posta en marcha dun plan integral de modernización ferroviaria, coa implantación do servizo de cercanías ferroviarias, ou a gratuidade e transferencia da AP-9, entre outras medidas.

“A Galiza non pode seguir agardando máis promesas sen cumprir e no BNG imos exixilo con toda a firmeza” reivindica o deputado do BNG.

Néstor Rego lembra que o seu apoio ao Goberno sempre estivo condicionado ao cumprimento do Acordo de Investidura e á defensa dos intereses da cidadanía galega. “Nós non estamos aquí para darlle un cheque en branco a ninguén, senón para que a Galiza avance. O Goberno do Estado ten a responsabilidade de cumprir, e o tempo das escusas xa rematou” concluíu Néstor Rego.