Os próximos 4 e 5 de Outubro a Comunidade de Montes Salcidos vístese de gala

En outubro do ano 2024, con motivo da inauguración do parque inclusivo do monte Torroso, a Comunidade de Montes de Salcidos celebrou, no medio das chuvias e das brétemas características do outono do Baixo Miño, unha preciosa festa á que tiven o pracer de asistir. O evento foi fermoso. Unha delicia de música, poesía, confraternidade e aposta pola comunidade como motor da construción de sociedades dignas e decentes nas que non quede ninguén atrás. O éxito incuestionable foi o resultado dun evento ao que tranquilamente asistirían arredor de 200 persoas, e foi tamén o catalizador que animou aos comuneiros e comuneiras de Salcidos a organizar outra festa cultural e gastronómica este mes de outubro. Este ano o evento transcorrerá ao longo de dous días , o sábado 4 e o domingo 5 de outubro. Haberá novidades importantes como un concurso de escultura en pedra, e un programa amplo e diverso pensado para que os públicos de todas as idades poidan gozar da festa comuneira. Será un pracer para min volver estar na compañía dos amigos da CM de Salcidos, e contarlles aos nosos lectores e lectoras, na vindeira edición da nosa publicación, o máis salientable do que aconteza. Para coñecer polo miúdo os actos programados, falamos con Benito Lomba, secretario da CM e vello amigo de ANP.

Benito Lomba Secretario da CM de Salcidos.

A saúde da Comunidade de Montes de Salcidos está mellor que nunca”

A festa que teremos o 4 e o 5 de outubro é a segunda edición?

Non creo que se poida considerar a segunda edición, pois é algo diferente ao evento que tivemos o ano pasado. No 2024 fixemos unha festa para celebrar a inauguración do parque inclusivo do monte Torroso. O tempo non nos acompañou aquel día, pero aínda así o éxito da convocatoria foi indiscutible. Tanto é así que este ano animámonos a repetir, pero de maneira diferente pois serán dous días, o ano pasado foi só un, e con máis actividades que o ano anterior. Digamos que a festa pode considerarse unha continuación da do ano anterior.

En que horario desenvolverase o evento?

Quero dicir antes que nada que imos ter unha carpa en previsión de que poida chover. Comezamos o sábado 4 de outubro ás 10:00 da mañá cun concurso de escultura en pedra. O concurso rematará ás 18:00 h. Haberá unha competición de escultores, e os 3 primeiros gañaran un premio dotado cunha pequena cantidade económica, e tamén haberá unhas placas de recordo para os participantes que vai doar o Concello de A Guarda.

Quen decide os gañadores?

Un xurado de 5 persoas.

Os escultores van levar as pezas feitas, ou esculpiranas alí?

Vanas facer alí, para que a xente mire como se traballa en pedra.

Os fondos para premiar aos gañadores do concurso de onde saen?

Saen da Comunidade de Montes. Temos un orzamento para iso. Asemade imos tratar de recadar algo coa venda de comida e bebida. Poremos uns prezos populares pero coa intención de podermos recadar algo que nos axude a sufragar os gastos do evento.

E no que respecta á música que grupos nos van acompañar?

Teremos a compañía do grupo de gaitas “ Entre o Mar e o Río” pola mañá, e pola tarde gozaremos co conxunto de pandereiteiras “ Airiños de San Miguel”.Por último, a partir das 20:00 teremos a actuación do grupo de rock “ Cazacús” pensando xa no público máis novo ou nos que xa non somos tan novos pero tamén nos gusta o rock.

Agora cóntanos que teremos o domingo?

Comezamos tamén ás 10:00 da mañá cunha exhibición de talla en madeira con motoserra. Teremos algúns especialistas verdadeiramente importantes que estou seguro que farán as delicias de todos os asistentes. O mesmo grupo de gaitas do sábado amenizará tamén a mañá do domingo e teremos o noso prato estrela que é o porco ibérico ao espeto. O porco dóao un dos membros da comunidade de montes, especialmente xeneroso e altruísta. Son porcos que cría na casa. Xa o ano pasado fixemos o mesmo, e tivo un éxito enorme.

Teremos tamén variedade de comida e bebida para quen prefira outras opcións.

E como rematamos o domingo?

Teremos a actuación do trío Luetto, creo que xa coñeces á cantante.

Si, vina o ano pasado e a verdade é que impresionoume á súa calidade, si.

É unha auténtica estrela. Estou seguro de que gozaremos unha enormidade coa súa música. Finalizaremos o evento coa actuación do grupo folk Deixandar. Tamén quixera salientar que haberá inchables para os máis pequenos. Pretendemos cubrir todos os abanos de idade para que os asistentes poidan sentirse cómodos.

Como tedes as expectativas de asistencia?

Moi elevadas. Xa o ano pasado, cun tempo moi malo que fixo ese día, a asistencia superou as nosas mellores expectativas, e confiamos en que este ano poida ser igual ou incluso mellor.

A entrada é libre?

Si, totalmente.

O concello vai colaborar?

Si, van colaborar co palco, con valados, cos contedores de lixo e con diversas cuestións loxísticas.

O alcalde vai asistir?

Si, si que virá.

O ano pasado non veu

Non, por unha cuestión persoal foille imposible. Pero avisounos en tempo e forma de que non podería asistir.

Rematamos Benito: Como está a saúde da CM?

Eu creo que está mellor que nunca. Estamos traballando moito e penso que estamos traballando ben.