Xabier Gómez, O Phileas Fogg do Condado

Xabier é un profesor de linguas clásicas natural de Mondariz, veciño de Ponteareas, e que exerce a docencia en Salvaterra. El, como o protagonista da novela de Xulio Verne que dá título a este traballo, é un home con fame de aventura e sede de coñecemento. Se cadra, a súa formación en cultura clásica unida á súa natureza curiosa son os catalizadores do seu afán por enriquecerse como ser humano, coñecendo in situ as culturas de outros pobos do mundo. E ollo, tampouco podemos esquecernos de certos matices románticos que lle levan a procurar a aventura, non como Ulises volvendo a Ítaca, pero case, pois fai as súas inmensas viaxes nunha moto vespa. O ano pasado fixo a ruta do Mare Nostrum, que explicou profusamente en ANP, e desta volta mergullouse polas rexións caucásicas. Para min foi un pracer conversar de novo cun home culto e sensible como Xabier, quen se mostrou moi agradecido a Calis, o ex alcalde de Mondariz por terlle facilitado a bandeira galega co logo do concello que aparece na imaxe que ilustra esta reportaxe. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.

Viaxar ensancha a alma e alimenta o espírito”

Estamos en Ponteareas no bar República, un lugar moi apropiado para que nos contes as Repúblicas que visitaches desta volta. Cóntame como foi esta última viaxe.

Este verán quixen achegarme a Azerbaiján e facer a Ruta Caucásica do Mar Caspio. A viaxe foi preciosa, lamentablemente só puiden estar en Xeorxia e en Armenia, pois non me permitiron entrar en Azerbaiján.

Esta é a segunda viaxe longa que fas en Vespa. Na primeira, o ano 2024, fixeches a ruta do Mare Nostrum por Italia Grecia, Turquía… e volviches polos Balcáns. Cantos quilómetros fixeches naquela primeira viaxe en Vespa?

Sobre 13.200 km.

E desta segunda vez fixeches a Ruta Caucásica. Que día saíches?

O 8 de xullo desde Ponteareas.

Cando regresaches?

O 15 de agosto.

Que cantidade de quilómetros fixeches nestes 37 días?

Desta volta fixen 10.800, algúns menos quilómetros dos previstos porque non puiden chegar a Azerbaiján. Non me deixaron pasar a fronteira nin en Xeorxia nin en Armenia.

Armenia e Azerbaiján seguen estando en guerra, verdade?

Ben, digamos que segue habendo conflito. Está Trump mediando entre os dous Estados para chegar a un acordo. Falei disto cun rapar armenio, e a verdade eles non teñen moita fe neste posible acordo.

O pobo armenio e moi interesante, dunha riqueza e unha tradición cultural elevadísima. Eu sempre recomendo, a quen teña interese en coñecelos, a lectura do libro “Os corenta días do Musa Dagh” que describe o xenocidio armenio por parte do Imperio Otomano

Non lin o libro, pero si que o coñezo. Tamén son coñecedor do espantoso xenocidio que sufriu este pobo. Coincido contigo en que todo o que teña relación coa nación armenia é especialmente apaixonante.

Dicíasme que non puideches pasar a Azerbaiján, non?

Paguei 30 dólares para poder pasar e cando cheguei á fronteira dixéronme que só podía pasar vía aérea.

A quen lle pagaches?

Á embaixada española, fixen os trámites vía mail e non puiden pasar por terra.

Fixeches esta viaxe coa mesma Vespa que usaches o ano pasado?

Si, pero nesta collín barco desde Barcelona ata Chivitavecchia. Desde Bari fun a Grecia, desde o Pireo pasei a Illa de Quíos, e de aí entrei en Esmirna en Turquía.

Que tal en Turquía?

Teño que dicir que en Turquía manteñen o antigo patrimonio grego en moi boas condicións. Cidades como Troya, Esmirna, Éfeso, Mileto, Halicarnaso..son lugares para perderse e gozar de maneira superlativa.

Como seguiu a viaxe despois do Cáucaso?

Crucei toda Turquía e cheguei a Batumi, a entrada de Xeorxia. Fixen Xeorxia que é espectacular e cheguei ao límite coa fronteira natural Rusa, a Ushkuli, un sitio impresionante tamén.

En Xeorxia hai unha zona rusófona coa que manteñen conflito os xeorxianos, verdade?

Si, o conflito armado parouse no ano 2010 pero o conflito sigue. É unha zona semi independente.

En Armenia tamén hai un conflito latente?

Si, baixei á fronteira de Nagorno Karabaj e falei con algún soldado.

Soldados armenios ou azarís?

Armenios,aí mirábase moito movemento militar.

Nagorno Karabaj chegou a ser independente, é unha zona poboada por persoas de etnia armenia pero está dentro do territorio político de Azerbaiján. É así?

Si, chegou a ser zona independente pero os azarís recuperaron o territorio e disolveron a República de Nagorno Karabaj.

Sabes se hai represión contra as persoas de etnia armenia?

Sempre, eles como pobo senten a presión tanto dos azarís como de Turquía no seu día. O pobo armenio historicamente sempre foi un pobo perseguido. Agora falamos do xenocidio de Gaza, pero o do pobo armenio tamén foi terrorífico.

Armenia é bonita?

Tanto Xeorxia como Armenia gustáronme moitísimo, encataríame repetir.

Como é o carácter das súas xentes?

Os armenios son moi hospitalarios, sentinme moi cómodo en Armenia, tamén en Xeorxia.

Crees que a existencia do Estado Armenio pode correr perigo ?.Os azarís teñen o potencial para poder facer desaparecer ao Estado Armenio?

O perigo é real e inminente por parte do azarís e dos turcos, de feito en algúns puntos das fronteira hai zonas tensionadas e militarizadas.

Como te comunicabas, en inglés?

Cando podía si. Cando non podía pois non quedaba outra ca usar a linguaxe non verbal universal. Nas miñas viaxes trato de evitar os grandes núcleos aínda que visitei Ereván, a capital de Armenia. Unha cidade moi limpa, ben organizada e con cero delincuencia. Fai moito contraste coa periferia, que ten unha pobreza moi acentuada e chocoume que non teñen cultura de moto. Nun pequeno pobo deixei a moto, e media hora despois estaba chea de mulleres con nenos sacando fotos.

No nivel de vida que viches en Ereván había algunha diferencia con relación ás cidades de Europa occidental?

Non, é unha cidade como as do primeiro mundo.

Xeorxia tamén?

Si.

En que cidades de Xeorxia estiveches?

Na capital Tiflis, e tamén en Batumi, esta é unha cidade turística próxima ao Mar Negro onde xa ves europeos.

Que tal a comida, que se come en Xeorxia e en Armenia?

O que me chocou é que nos bares sempre había almorzo a base de cogombro con tomate e un queixo salgado. Un almorzo un pouco forte.

A comida xa é variada. Tiven a oportunidade de comer nun sitio por 3€, nun bar de traballadores, un prato que era como unha sopa de tomate con anacos de pito, acompañado dunha ensalada cun viño branco. Neste bar só tiñan este menú para comer.

Estaba boa a comida?

Estaba boa pero era moi picante.

As comidas caucásicas teñen sona de darlle ao picante máis cós mexicanos.

Si, picaba moito.

Dicíasme ca na capital Armenia, non apreciaches ningunha diferenza cunha cidade europea e que atopaches pobreza nos pobos da periferia. En Xeorxia tamén tiveches esa mesma percepción?

Si, se cadra Tiflis, a capital, ten algo máis de nivel ca Ereván pero segue habendo o mesmo contraste das cidades grandes cos pequenos pobos ou aldeas.

A nación Armenia en xeral non se corresponde en absoluto co que é o estado político de Armenia. Hai armenios en Irán, en Siria, en Turquía. É así?

Si, como os pobos Kurdos. Os kurdos non teñen nin Estado, os armenios si. No Estado Armenio hai 3.000.000 de persoas, igual ca na Galiza, pero fóra, espallados por outros países son moitos máis.

E Xeorxia dicíasme que che gustou moito?

Xeorxia é espectacular. Podo dicirche que a zona norte foi o máis bonito que mirei nunca, de estar a 3.000 m. de altura e ser a paisaxe totalmente verde. A fronteira natural entre Xeorxia e Rusia é un sitio precioso.

Os xeorxianos téñenlle manía ao rusos?

Si, sobre todo as xeracións máis antigas, as que viviron na Unión Soviética. Coñecín a un descendente da familia Bagration. Bagration é unha familia moi importante de descendentes dos herdeiros ao trono de Xeorxia, mesmo na década dos 80 había un piloto de rallies, Jorge Bagratión, que sería herdeiro ao trono e gañou varios rallies en España.

Despois de estar en Xeorxia e Armenia, por onde volviches?

Volvín recorrendo o Norte de Armenia . Visitei a Ruta dos Mosteiros, subín a Xeorxia e desdobrei o camiño entrando por outra fronteira en Turquía e facendo o Norte ata chegar a Ankara, capital de Turkía, para volver a Esmirna. De aí a Grecia e Italia, onde collín o barco ata Barcelona de novo.

Tiven a oportunidade de coñecer a moitas persoas, entre elas un Youtuber, Mario, que fai viaxes, agora está en Kazajistán e vai para Mongolia. Tamén coñecín a Jose de Zaragoza, co que fixen parte da viaxe por Armenia.

Como é a Vespa coa que viaxaches?

Unha Vespa 300 do ano 2011.

Cantos kilómetros ten?

116.000 km.

Unha moto aguanta tantos kilómetros coma un coche, uns 400.000?

Diría que non. Ter máis de 100.000 km. nunha moto xa son moitos. Hai un famoso viaxante que xa recorreu medio mundo e vai cunha moto parecida a miña, esta moto ten cerca de 300.000 qmts e aí sigue.

Fallouche a moto nesta viaxe?

En Xeorxia estiven algo tirado. O depósito da Vespa ten unha autonomía limitada, e nas altas montañas nos hai posibilidade de encher.Cheguei a mercar un litro de gasolina, nunha botella de auga, a unha señora que tiña coma un quiosco no que vendía gasolina para facer os enlaces.

En Armenia, facendo a Ruta dos Mosteiros, pensei que me quedaba alí. A Vespa comezou a darme tiróns e alí non hai talleres de motos, os talleres que hai fan un pouco de todo. Reparan camións antigos ou autobuses de gas da época da Unión Soviética. Nos sei se foi pola gasolina que non era boa, pero a moto despois xa foi ben e non me deixou tirado.

Na primeira viaxe tiveras unha situación tensa en Serbia cuns pescadores furtivos. Tiveches nesta viaxe algunha situación parecida que te fixera sentir en perigo?

Non, sentinme moi cómodo nestes países con xente moi amable.

As concusións da viaxe son positivas?

Si. Viaxar enriquece a alma e coñecer ensancha o espírito.

Haberá unha terceira etapa?

Quería dispor de máis días para seguir por aquela zona que me encanta.

Sería Azerbaiján, Kazajistán, Uzbekistán?

Si, o meu soño sería chegar a Mongolia, facer a Ruta da seda de Marco Polo. Isto facelo cunha Vespa tería moitos condicionantes. Como coñecín a Mario e Jose, que levaban outro tipo de motos, eu igual faría o mesmo e pensaría cambiar de montura. Se non o fago, quero ir coa Vespa ata Senegal. Facer Marrocos e Mauritania e chegar a Senegal.

E Irán??

Tiven esta vez a oportunidade e ir, coñecín a unha persoa cun contacto, un guía co que podía pero o tema do visado era moi complexo. Si que me gustaría moitísimo ir, o meu soño e facer o Magreb ata Alexandría e Exipto. Aquí hai dous impedimentos grandes, Alxeria e Libia.

Entrar en Libia sería moi perigoso para atúa integridade física e con perigo de morte creo eu.

Si, desde logo. Tería que contratar escoltas.

Por que sería Alxeria un problema?

Pola burocracia.

Pois nada, quedamos emprazados a que nos contes como foi a terceira viaxe

Será un pracer.