A veciñanza de Mos está a ver grandes avances en materia de vivenda do Concello cun primeiro proxecto de Vivenda Pública protexida que contempla a construción de 20 vivendas na urbanización de San Eleuterio – Tameiga. Esta actuación supón unha inversión superior a 4,3 millóns de euros, con financiación conxunta entre a administración autonómica e fondos europeos.
Ademais desta promoción, está en marcha a adquisición de solo na mesma contorna para 79 novos fogares protexidos, ampliando a oferta de Mos de 20 vivendas en marcha a case 100 previstas.
O Goberno de España, a través dos fondos Next Generation da Unión Europea, pon en marcha o plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, liñas de axuda con fondos europeos que están vixentes en Galicia e España e que están a xogar un papel fundamental na vivenda pública en Mos.
A bancada socialista aposta firmemente pola construción e rehabilitación de vivenda pública. Esperamos que isto sexa só o comezo dun ambicioso parque público que ofreza alugueres accesibles para a veciñanza. Tendemos a man ó resto dos grupos municipais, xa que a vivenda pública non ten que ser unha bandeira partidista, senón un compromiso colectivo. Cremos nun Mos que medra sen deixar a ninguén atrás, onde cada persoa teña unha oportunidade de vivir e prosperar.
