O pasado día 8 deste mes de novembro, nos xardíns do balneario de Cuntis, casou o noso colaborador, amigo e camarada Aarón Franco coa súa compañeira Elena Lameiro.
Ao longo da miña vida teño asistido a moitos enlaces matrimoniais. Unha vez que os anos comezan a acumularse no lombo, como as capas de neve se amorean no chan despois dunha chuvia de folerpas, este tipo de actos deixan atrás a emocións das primeiras veces e convértense en acontecementos estereotipados. Pero desta volta foi diferente. O máis bonito da voda de Aarón e de Elena non foi a comida,que estivo ben, nin o lugar do enlace, que estivo moi ben, nin os agradables momentos de conversa con persoas queridas coas que había tempo que non tiña a oportunidade de compartir camiño, que foron marabillosos. O máis bonito da voda de Aarón e Elena, por incrible que pareza, foi a cerimonia en si, pois foi capaz de desenvolver unha carga emotiva de tal intensidade que era realmente difícil non emocionarse.
A voda foi oficiada por Lucía Santos e Tino Iglesias, concelleiros do BNG de Marín, foron orixinais, emotivos, divertidos, lúcidos e cariñosos. E as palabras finais que Aaron dedicou a Elena ,e que Elena dedicou a Aarón agromaron nas profundidades máis insondables da alma de cada un dos dous, ateigadas de emoción e de amor recíproco sen caer no melindre en ningún momento.
Parabéns Aarón e Elena. Deséxovos que o camiño compartido faga mellor as vidas independentes e libres dos dous.



