Unha profesión de risco

Artigo de opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Artigo Opinión A Nova Peneira
Pedro M. Cortegoso Gago Traballador do Sergas

Os traballadores e traballadoras do Sergas temos hoxe en día unha profesión de risco. Soportamos diariamente o malestar, o cabreo e os malos modos de moitas persoas por culpa do deterioro da sanidade pública. Mentres, os responsábeis políticos agóchanse nos despachos sen ter que soportar as consecuencias dos seus actos, nin aturar diariamente esta estresante situación.

O pasado 12 de outubro aconteceu un incidente violento no Punto de Atención Continuada de Marín, cando unha persoa agrediu ao persoal que atendía o mostrador botándolle a mampara enriba e proferiu insultos e ameazas contra del. Este non foi un feito illado, repítese en Marín, e en moitos centros de saúde e Puntos de Atención Continuada, con maior ou menor virulencia e gravidade.

A raíz deste lamentábel feito a Xerencia do Sergas de Pontevedra contratou un servizo de gardas xurados para o PAC. A presenza destes gardas tiña un efecto disuasorio e daba seguridade aos traballadores, especialmente nas horas nocturnas e na fin de semana, cando acontecen normalmente estes feitos. Porén, como as alegrías na casa do pobre duran pouco só se mantivo o servizo até o nadal, sendo substituído o garda por unha cámara.

Evidentemente o efecto disuasorio deste aparello é nulo, como quedou demostrado unha noite deste mes de Abril. Volveu acontecer no Punto de Atención Continuada de Marín un incidente violento, cando unha persoa rompeu a porta de entrada a golpes. Desta vez a cousa non foi a maiores e non houbo que lamentar danos persoais entre o persoal, aparte do susto que provocan feitos deste tipo.

O deterioro provocado da sanidade pública tamén é violencia.

Esta violencia, deixando a parte a responsabilidade persoal de cada quen, tamén é consecuencia das políticas privatizadoras e de precarización da sanidade pública. As longas listas de agarda, a falta de médicos e pediatras son o caldo de cultivo perfecto para o cabreo e o malestar.

Os meses de espera sen saber cando soará o teléfono ou recibiremos a carta citándonos co especialista ou para realizar esa proba diagnóstica tan necesaria, a intervención cirúrxica que mellore a nosa saúde e a nosa vida que non da chegado, son actos de violencia institucional que sofremos as persoas usuarias da sanidade pública. Que padecemos cada vez que estamos doentes e vemos como conseguir unha cita cun facultativo é unha lotaría.

Violencia é que un neno ou unha nena non teña pediatra para ser atendido con normalidade cando estea doente.

E din que nunca tanto se “gastou” en sanidade en Galiza, que nunca tanto persoal tivo o Sergas en nómina. A quen queren enganar, os cartos vanse en pagar convenios con empresas privadas, en derivar probas e intervencións que se podían facer nos hospitais públicos con mellores garantías. Se tanto persoal hai, ulos médicos?

A Galiza que funciona é a deles, a dos que fan negocio coa nosa saúde. A nosa Galiza vai cada vez peor.

Marín, 30 de abril de 2024.

Asdo.: Pedro M. Cortegoso Gago