G. Figueiredo e Tino Lago
Lucía é unha moza do Condado de 21 anos de idade. Ela naceu en Salvaterra e é filla dunha muller de As Neves e dun home de Ponteareas. Desde que era unha nena comezou a destacar no deporte do bádminton ata tal punto que aos 14 anos foi seleccionada para ir a un centro de alto rendemento e Pontevedra, e alí se foi vivir sendo pouco máis ca unha meniña. Cando fixo os 18 levárona ao Centro de Alto rendemento de Madrid. Desde entón vive feliz na capital do estado, combinando os estudos coa práctica do deporte que lle apaixona. Lucía está na elite española deste deporte, de feito compite representando a España na selección absoluta de bádminton, e pouco lle falta para chegar á elite mundial. No ránking ocupa unha das 50 primeiras posicións entre todos os deportistas do mundo, está no posto 46. Ela soña con disputar uns xogos olímpicos e por que non, tamén con con poder estar nun dos tres postos do podio olímpico e acadar unha medalla. Non sei se o conseguirá, pero si sei que desde ANP desexamos con todas as nosas forzas que poida facer o seu soño realidade . En calquera, caso sexa posible ou non, o que xa é incuestionable é que unha deportista do seu nivel é un orgullo para a nosa comarca.
“O meu soño é estar nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028”
Queremos coñecer a túa historia persoal
Ben, pois eu nacín no 2004 en Salvaterra do Miño. A miña nai é das Neves e meu pai e de Ponteareas, pero eu nacín en Salvaterra. Medrei en Salvaterra, pero As Neves é tamén a miña casa para min.
E como comeza a túa relación co deporte? Sempre foi o bádminton?
Non, para nada. Gustábame moito o deporte e de pequena probei fútbol, taekwondo e tenis. O bádminton apareceu como actividade extraescolar no colexio cando tiña sete anos. Apunteime case sen saber o que era. Ía un par de días á semana e comecei así, aos poucos.
En que momento pasa de ser unha actividade máis a algo serio?
Como me gustaba e se me daba ben paseime da extraescolar do cole e comecei co Club Bádminton As Neves. É o club máis importante da Comarca, incluso case poderiamos dicir que é o máis importante da provincia de Pontevedra, con moita tradición e moito nivel, a pesar de ser dun pobo pequeno compite nos campionatos de España e consegue moitas medallas. Alí foi onde comecei a adestrar con máis regularidade e a tomalo máis en serio.
Cantos anos tiñas cando empezaches no Club Bádminton de As Neves?
Entre oito e nove. Aquí pasábao moi ben e comecei a competir por toda Galicia.
Como segue despois a túa carreira deportiva?
Con doce anos xa comezo a adestrar a máis nivel en Pontevedra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD). Con catorce quedei a vivir en Pontevedra na residencia de luns a venres. Este CGTD é o segundo máis importante de España en bádminton por detrás do de Madrid.
E non che deu medo ir vivir sen os teus pais tan só con catorce anos?
Ao principio estaba nerviosa, non coñecía a moita xente, pero adaptación foi rápida. Ao final estás rodeada doutros rapaces e rapazas que viven o mesmo ca ti. As fins de semana ía a casa cos meus pais.
A túa valoración desa esa etapa en Pontevedra?
Moi intensa. Adestraba todos os días e tamén estudaba alí. No instituto só había unha clase, todos eramos deportistas. Iso axuda moito, porque todos entendemos as competicións, as viaxes e o ritmo de adestramento.
Ata cando estiveches vivindo no CGTD?
Ata os dezaoito anos, cando rematei a selectividade. Despois desta etapa en Pontevedra marchei para Madrid.
Seguías competindo co Club As Neves na túa etapa de Pontevedra?
Si, sempre. Aínda que adestraba no CGTD, competía e sigo competindo co meu club. Iso non cambiou.
Que supuxo Madrid para ti?
En xaneiro de 2023 fun seleccionada para ir ao Centro de Alto Rendemento de Madrid co equipo nacional. Foi un paso moi grande. Non fun soa, fun con tres xogadores máis. Vivimos tamén en residencia e xa estamos totalmente integrados na dinámica da selección española. Estou moi contenta.
Como é o teu día a día agora con 21 anos e formando parte da selección española?
Adestro unhas cinco horas diarias. O bádminton é a prioridade absoluta por enriba dos estudios. Ademais estou estudando Animación 3D, pero vou pouco a pouco, adaptándome ao calendario de competicións. Non é doado compaxinalo, pero creo que é importante formarse tamén.
O voso calendario é principalmente internacional, non si?
Si. En España case non competimos, porque para o ránking mundial non conta demasiado. A maioría dos torneos son fóra. Dependendo do mes podemos ter dous ou tres torneos internacionais. En España só facemos o campionato de España.
Unha muller moi coñecida no teu mundo é Carolina Marín. Que significa para vós?
É o referente absoluto. En España ninguén conseguira o que ela conseguiu a nivel mundial. É un exemplo e é a mellor na historia do bádminto.
Védesvos chegando ao seu nivel?
O noso mellor resultado foi unha semifinal nun torneo internacional. Ela gañou campionatos do mundo e Xogos Olímpicos.
En que modalidades compites?
Estou especializada en dobres. Xogo dobres feminino con Paula López, que é de Madrid, e dobres mixto con Rubén García, de Granada. En individual non compito, despois de júnior o normal é especializarse nunha modalidade e decidín centrarme en dobres.
Cal é a túa posición actual no ránking?
Agora mesmo estou arredor do posto 46 do mundo en dobres mixto. En dobres feminino estamos máis atrás, sobre o 80, pero é porque a miña compañeira estivo lesionada e operada o ano pasado e case non competimos. Chegamos a estar no 43.
Pódese vivir profesionalmente do bádminton en España?
Mentres estás competindo a este nivel, si. Pero non é un deporte que che asegure estabilidade para toda a vida. Cando deixas de competir, tes que ter outra saída profesional. Por iso tamén estudo.
Ata que idade se pode competir a alto nivel?
Depende moito da persoa e do seu corpo. Hai quen con 25 anos xa está queimado e o deixa, e hai casos como o de Pablo Abián, que te 41 anos e segue competindo chegando a estar no Top Mundial. É un deporte moi esixente física e mentalmente.
Cal é o teu gran obxectivo deportivo?
Clasificarme para os Xogos Olímpicos de Los Ángeles 2028. É o gran soño. Creo que temos opcións reais de loitar pola clasificación.
Se vos clasificades, tedes opcións a algunha medalla?
Agora mesmo sería moi complicado, pero a longo prazo ese é o obxectivo. Se estás aí, queres aspirar ao máximo.
Botas de menos Galicia?
Claro que si. Sempre que podo volvo. A familia e os amigos están aquí e iso nótase.
E cando remate a túa carreira deportiva, onde te ves?
Agora mesmo gustaríame volver a Galicia. Pero son nova e poden pasar moitas cousas. Xa veremos que trae o futuro, poden pasar moitas cousa na vida persoal e deportiva.

Primer comentario