Redondela reivindica a voz feminina baixo o lema “Palabra de muller” na programación do 8M

A programacióninclúe xornadas de debate, monólogos, conferencias e contacontos para visibilizar o papel das mulleres en todos os ámbitos sociais. As actividades contarán coa participación de figuras como as actrices Arantxa Treus, Jazmín Abuín eOlga Cuervo ou as xornalistas Carolina Sertal, Paula Montes e Claudia Morán.

– A alcaldesa, Digna Rivas, destacou que “este ano queremos poñer o foco na palabra como ferramenta de transformación e empoderamento”. O Multiúsos da Xunqueira acollerá unha mostra colectiva dos centros de ensino, centros de día e asociacións redondelás sobre o que significa “ser muller hoxe”. As súas “palabras” serán un símbolo para visibilizar “a diversidade, a loita e os avances cara á igualdade”, sinala Iria Vilaboa.

Redondela, 28 de febreiro de 2026.

O Concello de Redondela reafirma o seu compromiso coa igualdade real coa presentación da programación institucional para conmemorar o 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. Baixo o lema “Palabra de Muller”, a Concellería de Igualdade deseñou unha axenda transversal que busca dar voz e visibilidade ás mulleres nas letras, a ciencia, o activismo e as artes.

No acto de presentación participaron a alcaldesa, Digna Rivas, acompañada pola concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez. Tamén estiveron presentes algunhas das protagonistas desta edición: a actriz Arantxa Treus, a docente Almudena Suárez, a pediatra Pilar Martínez e a contacontos Olga Cuervo. A alcaldesa destacou que “este ano queremos poñer o foco na palabra como ferramenta de transformación e empoderamento”, mentres que a concelleira Iria Vilaboa subliñou a importancia das VI Xornadas Gemma Pereira Otero, que serán o eixo central de debate os venres 6 e 13 de marzo.

O programa arranca o xoves 5 de marzo na Biblioteca Xela Arias de Chapela cunha conferencia sobre Rosalía de Castro e o feminismo a cargo deAnxo Angueira, doutor en Filoloxía Galega e presidente da Fundación Rosalía.

As VI Xornadas Gemma Pereira Otero (Oficina de Turismo, 19:30 h) dividiránse en dúas mesas redondas: o 6 de marzo: “Mulleres de Letras”, coas xornalistas Carolina Sertal (Faro de Vigo), Paula Montes (RadioVigo)e Claudia Morán (Nós Diario, gañadora do V Premio Sesé Mateo); o 13 de marzo o faladoiro levará por título: “Mulleres Invisibilizadas”, coas intervencións de Pilar Martínez (Médica pediatra e fundadora da ONG Da Man), Mª José Rodríguez (Xefa da Unidade de Violencia Contra a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra), Enma Torres (decana da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo), eAlmudena Suárez (Profesora no IES Mendiño e primeira muller segrar autorizada pola Diocese de Tui-Vigo para dirixir a Celebración da Palabra).

O lecer e a reivindicación daranse a man o domingo 8 de marzo no Multiúsos da Xunqueira co monólogo “Meigags”, protagonizado por Arantxa Treus e Jazmín Abuín.

O luns 9 de marzo, terá lugar o acto institucional na Praza do Concello, onde a actriz redondelá Olga Cuervo será a encargada de ler a Declaración Institucional.

A programación complétase coa inauguración da exposición “Palabra de Muller” o 10 de marzo, coas mensaxes creadas por centros de ensino, centros de día, colectivos e asociacións redondelás. Trátase de “involucrar a todos e todas neste Día Internacional da Muller”, como explica Iria Vilaboa, “por iso abrimos a mostra colectiva a toda a sociedade,para que escribana palabra que represente o que significa ser muller hoxe”. O obxectivo é dar voz ás mulleres e ás súas experiencias, “convertendo esa palabra nun símbolo colectivo que visibilice a diversidade, a loita e os avances cara á igualdade”.

A programación inclúe actividades dirixidas ao público infantil co contacontos “Elas tamén contan”, que levará a Olga Cuervo ata Chapela o venres 20 de marzo.

O Concello de Redondela convida a toda a veciñanza a participar nestes actos, todos con entrada de balde.Para máis información, as persoas interesadas poden contactar a través do correo igualdade@redondela.gal.

Primer comentario

Deixa a túa opinión