Marcelino é un veciño de Sanguiñeda de 60 anos de idade que despois de máis de 35 como axente da policía local do Concello de Mos xubilouse o pasado 2025. E cando debería gozar desta etapa tan bonita da vida, manifesta que o seu amor polo concello, que lle viu nacer e no que vive, lévalle a tomar a decisión de montar unha candidatura que compita pola alcaldía nas vindeiras eleccións municipais do ano 2027.Marcelino amósase moi crítico coa xestión da actual alcaldesa e entende que o seu pobo precisa un proxecto político diferente, que ilusione á maioría social da veciñanza e que facilite a posibilidade do cambio real. Nese sentido reivindica con orgullo a forma de facer política que tiña o seu pai, militante socialista que chegou a ser alcalde de Mos.
Nós conversamos con el. Velaí vai o que deu de si a nosa conversa.
“ Teño visto chorar a máis dunha concelleira por mor da forma que ten a alcaldesa de tratar ás persoas”
Ti es unha persoa poliédrica, cuxa vida descorreu por moitos camiños. Como prefires que te presentemos: Aspirante á alcaldía de Mos, ex Policía, ex futbolista..?
A min gustaríame que se me coñecera por ser un veciño de Mos, que quere moito ao seu Concello, e que desexa achegar todo o que ten para contribuír a facermos un Mos mellor.
Queremos coñecerte un pouco máis
Ben, eu nacín en Sanguiñeda no ano 1965.Na actualidade sigo a vivir na parroquia na que nacín. Estudei a educación secundaria nun colexio do centro de Vigo. Compaxinaba os meus estudos coa práctica do fútbol.
Creo que non se che daba mal iso do fútbol?
Iso dicían. A verdade é que tiña unha boa perna esquerda, creo eu. Cheguei a xogar na canteira do Real Madrid e no segundo equipo do Celta.
Coincidiches con algún xogador que chegara a destacar?
E tanto que si, cos da “ quinta do buitre”.De feito nas concentracións adoitaba durmir con Pardeza e con Mandía. Lembro que de cando en vez nos levaba o defunto de Juanito,que logo morrería nun desgraciado accidente de tráfico, ás concentracións.
Vaia, que interesante. E como era Juanito como persoa?
Era moi simpático, un auténtico rexoubeiro. Sempre estaba de brincadeira. Como todo na vida aqueles tempos tiveron luces e sombras, pero en liñas xerais gardo moi bo recordo da época do fútbol. Foi unha etapa moi bonita.
E tivo que comezar a vida laboral?
Pois si. Saíron unhas oposicións á policía local de Mos, e, creo que foi no ano 1989, aprobeinas.
Ata cando fuches policía?
Ata o ano 2025. O ano pasado déronme a incapacidade por un problema de saúde.
Que recordos che deixa a túa etapa como policía?
Uf.. pois en máis de 35 anos de servizo houbo de todo. Lembro que cando comezamos as cousas non estaban ben. Viviamos unha administración case como a de 40 anos atrás. Un compañeiro máis eu creamos a sección sindical de UXT na policía local, e tratamos de facer unha policía moderna adaptada á realidade dos tempos e que estivera ao servizo da veciñanza.
A policía eu concíboa como un servizo público que debe de facilitar a vida das persoas. E desa maneira procurei exercer o meu traballo en todos estes anos.
Quen era o alcalde en aquel momento?
Ballesta.
Como valoras o seu goberno?
Digamos que non era unha persoa fácil.
De todos os alcaldes e alcaldesas que coñeciches cal cres ti que gobernou de maneira máis positiva para o conxunto da veciñanza mosense?
Eu diría que o goberno de Ramón Alonso, non tanto por el, senón polo colectivo que o rodeaba. Para min foi un bo goberno colectivo.
En todos estes anos na policía recibiches presións directas dalgún dos alcaldes ou alcaldesas cos que coincidiches?
Si.
Quen ?
A actual alcaldesa.
Directamente?
Si. Fíxome a vida bastante difícil.
Dirías que Nidia Arévalo ten tinturas ditatoriais?
Para min si. Teño visto chorar a máis dunha concelleira por mor da súa forma de tratar ás persoas.
A alcaldesa chegou ao poder por un episodio de transfugismo?
Claramente si. De feito ao concelleiro tránsfuga durante un tempo tivérono escondido nun hotel de Baiona para que ninguén se achegara a el. Teño moi claro que se Nidia Arévalo segue como alcaldesa foi grazas a aquel episodio. En relación con este asunto quero dicir que eu xa sabía que se estaba a preparar ese movemento, avisei ao PSOE e ao BNG para que tiveran coidado, pero por desgraza non me fixeron caso e non fixeron nada para evitalo.
Cando comezou a túa relación con UCIN?
Hai case catro anos. Todo comezou polo contacto cunha persoa que en tempos xogara ao fútbol comigo. Comentoume o proxecto de UCIN e houbo un interese recíproco.
Ata o momento nunca presentastes unha lista en Mos, verdade?
Non, de momento a miña participación política limítase a ter ido nas listas de UCIN ás eleccións europeas.
Procura contestar da maneira máis concreta posible: Nas municipais do ano que ven vas montar unha lista para ser candidato á alcaldía de Mos?
Estou traballando en facer unha candidatura si. Estou falando cos distintos colectivos veciñais para tomar nota das súas necesidades e problemas e ver o que se podería mellorar no vindeiro goberno de Mos. Tamén estou falando con distintas persoas para que me acompañen na candidatura.
Por que motivo cres que debes de presentar unha candidatura?
Porque Mos precisa un cambio político e eu considérome co deber moral de dar un paso ao fronte para tratar de contribuír a ese cambio.
Non che valen ningunha das outras dúas opcións: PSOE e BNG?
Mos necesita un proxecto novo, non o mesmo de sempre. Un proxecto diferente que ilusione de verdade. Eu non estou condicionado por ningún apriorismo nin ideolóxico nin de partido. Vou montar unha lista transversal, de xente fiable que poida aportar, composta de persoas de todas as parroquias, incluso con ex do PP, que esteamos unidos arredor de dúas ideas chave: O amor a Mos, e a convicción de que o noso pobo precisa un cambio.
A ti faiche falta a política para vivir?
Non, nunca me fixo falta. Cando era policía vivía do meu soldo e agora que son xubilado vivo da miña pensión. De feito penso que vivir da política, é un problema. A actividade política debe de ser un medio para mellorar a vida da xente, non un medio para que o político poida vivir.
Cales son as túas expectativas realistas?
Aspiro a ser o próximo alcalde de Mos. Se a sociedade me dá un voto de confianza sei, dígoo con toda a humildade, que non vou decepcionar.
Se antes das eleccións recibises unha chamada da alcaldesa para que non montes a lista e che fixera unha oferta de integración no seu equipo, habería algunha posibilidade de que a aceptases?
Non, non hai ningunha en absoluto. Eu son unha persoa íntegra.
O rencor inflúe na túa vontade de competir pola alcaldía de Mos?
De ningún modo. Eu non teño ningún tipo de rencor por ninguén . O único que inflúe na miña vontade de participación política é o amor. O amor a Mos, e a convicción de que Mos precisa un goberno mellor. Eu son de Mos, si vivo en Mos e si pago os meus impostos en Mos.
No caso de chegares á alcaldía cales serían as medidas máis urxentes que levarías a cabo?
-Reducir o gasto político. As dedicacións exclusivas que hai son excesivas, o gasto en comisións e vehículos é excesivo, e a publicidade institucional é excesiva.
-Optimizar a organización da administración municipal.
-Auditar as contas do Concello. Teño serias dúbidas de que os números que presenta o goberno municipal sexan correctos.
– Revisar a concesión de moitas licenzas de obra
No asunto da autovía cal é a túa posición?
Chámame poderosamente a atención que a alcaldesa de Mos estea supostamente liderando a reivindicación de liberar a peaxe da AP9 cando foi o seu partido o responsable de darlle unha prorroga de 50 anos á empresa que a explota. Onde estaba ela cando o presidente Aznar fixo iso?
Estaba calada, absolutamente calada.
Véxote moi ilusionado?
Pois ves ben, porque é a realidade. O cariño e os ánimos que estou a recibir da xente pola rúa, multiplican a miña ilusión. E episodios tan desagradables de persoas que crean perfís falsos en redes sociais para atacarme non fan máis que convencerme de que estou no lado correcto da historia, e que o noso pobo precisa un cambio de goberno con urxencia.

Primer comentario